Emilio Pita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Emilio Pita, nado na Coruña en 1909 e finado en 1981, foi un escritor galego.

Índice

[editar] Traxectoria

Con tan só doce anos emigrou a Bos Aires. Regresou a Galiza cando se proclamou a II República tomando contacto co Partido Galeguista e co nacionalismo galego. Viviu en Galiza durante os anos 1933 e 1934. Logo marchou de novo e non voltou a visitar a terra natal.

Pita, que comezara a traballar nunha casa comercial de Bos Aires, foi un autodidacta que chegou a posuír unha grande formación literaria e musical.

Na década de trinta comezou a colaborar con publicacións nacionalistas da propia Galiza, escribindo artigos para a Revista Nós de Santiago e Yunque de Lugo.

En 1942 publicou Jacobusland, o seu primeiro poemario, con ilustracións de Castelao. Trátase dun libro onde sobreasae por riba de todo a traxedia da Guerra Civil, e no que o poeta pon de manifesto a inxustiza da barbarie e do exilio. Igualmente, apreciamos a nostalxia da Galiza tal e como era antes do conflito bélico arriba citado. Para algúns autores, Jacobusland constitúe o máis claro antecedente á poesía social.

Outros libros de versos son Cantigas de nenos (1944), Os relembros. As cantigas (1959), O ronsel verdegal (1964) e Serán (1974). En 1963 presentou o poemario Polos camiños do pobo ao premio Rosalía de Castro do Centro Galego de Bos Aires, libro que sería editado postumamente en 1999. Con motivo da aparición do seu libro Os relembros. As cantigas, en 1959, fíxoselle unha homenaxe nos salóns do Centro Pontevedrés Bonaerense; alí estaban presentes diversas delegacións de Centros Galegos e interviron para falaren da figura e obra poética de Emilio Pita, Eduardo Blanco Amor e Ramón Suárez Picallo.

Compuxo numerosos poemas, algúns dos cales aparecen recollidos no Cancioneiro da loita galega, editado en México en 1943 polo Partido Galeguista. Xunto con Lorenzo Varela e Luís Seoane, é un dos primeiros escritores do noso social-realismo poético.

Alén de poeta e xornalista, o escritor herculino foi tamén musicólogo, o cal influirá de cheo na súa creación en verso, a cal garda unha manifesta relación coa música. De feito, a música e as cántigas veléronnlle en máis de un poema para evocar a infancia e o paraíso perdido. O seu amor pola música galega levouno a fundar o cuarteto Ultreya coa finalidade de difundir a nosa música tradicional. Con anterioridade participara na dirección artística do Coro Lembranzas de Ultreya, fundado en 1932. Membro correspondente da Real Academia Galega, escribiu a parte dedicada á música e danza da Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo, e foi autor dun traballo sobre música popular galega.

En 1981, Pita rematou os seus días en América do Sur. Non era verdadeiramente un exiliado, posto que se trata dun emigrante. Aínda así, o seu contacto cos exiliados era moi estreito, e colaborou desde o exterior coa causa do galeguismo.

[editar] Obras

  • Jacobusland (1942).
  • Cantigas de Nenos (1944).
  • Os Relembros. As Cantigas (1959).
  • Ronsel de Verdegal (1964).
  • Polos camiños do pobo.
  • Serán.
  • Verbas á mocedade galega.
  • Vieiros de brétema (2005, Espiral Maior).

[editar] Obras colectivas

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • García López, José Ángel (2006), Edición e estudo da obra poética de Emilio Pita, Universidad de Murcia. ISBN 978-84-8371-622-9.

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas