Rock alternativo
| Rock alternativo | |
|---|---|
| Orixes do estilo: | Punk, Post-punk, Hardcore. |
| Orixes culturais: | Reino Unido e Estados Unidos a principios dos 80. |
| Instrumentos típicos: | Guitarra, baixo e batería. |
| Popularidade: | Limitada, menos durante a aparición do grunge e o britpop, que foron os momentos de máis auxe do xénero durante a década dos 90. |
| Derivados: | indie rock, grunge. |
| Subxéneros | |
| britpop - college rock - dream pop - rock gótico - grunge - indie pop - indie rock - noise pop - Paisley Underground - post-rock - shoegazing - twee pop | |
| Xéneros de fusións | |
| metal alternativo, rock industrial | |
O rock alternativo (tamén chamado música alternativa ou sinxelamente alternativo) é un xénero do rock que apareceu nos anos 80 e fíxose moi popular na década dos 90.
O nome "alternativo" foi usado nos 80 para describir a bandas de punk rock de selos discográficos independentes que non encaixaban dentro dos xéneros do mainstream da época.
Como un xénero específico de música, o rock alternativo está formado por varios subxéneros que emerxeron dende a escena musical indie dende os anos 80, así como grunge, indie rock, britpop, rock gótico e indie pop tamén son considerados rock alternativo.
A pesares de que o xénero é considerado de rock, algúns dos seus subxéneros están influenciados pola música folk, o reggae, a música electrónica ou o jazz á parte doutros xéneros. Ás veces o termo rock alternativo foi usado como unha etiqueta para designar ao rock de todos os artistas underground dos anos 80, a todos os descendentes do punk rock (incluíndo ao punk mesmo, ao New Wave e ao post-punk), e, ironicamente, a toda a música rock en xeral dos anos 90 e 2000.
Mentres que un feixe de artistas coma R.E.M. e The Cure acadaron o éxito comercial, a meirande parte dos artistas de rock alternativo dos 80 foron obxecto de culto, eran bandas que gravaban con selos independentes e eran coñecidos só a través dos programas das college radios ou polo "boca a boca". Coa irrupción de Nirvana e coa popularidade dos movementos grunge e britpop a principios dos 90, o rock alternativo entrou no mainstream, e moitas bandas alternativas conseguirían acadar un certo éxito comercial.
O termo "rock alternativo" [editar]
A música agora coñecida como rock alternativo tivo varias denominacións antes de que o termo "alternativo" se convertise no seu nome máis común. "College rock" foi usado nos Estados Unidos para describir a música durante os anos 80 debido á súa relación co circuíto de radios universitarias e ao gusto dos estudantes. No Reino Unido preferíase o termo "indie"; ao redor de 1985 o termo "indie" viña a significar un xénero particular, ou un grupo de subxéneros. "Indie rock" foi tamén sinónimo nos Estados Unidos ata a ruptura comercial do xénero a principios dos 90, debido a que a maioría das bandas pertencían a selos independentes.
Nos 90 esta música foi nomeada "rock alternativo". O termo "alternativo" orixinouse nalgún momento a mediados dos 80; foi unha extensión de "new music" e "post modern", tanto pola frescura da música como pola súa tendencia a recontextualizar os sons do pasado.