Historia de Italia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo é parte da serie:

Historia de Italia

LocationItaly.png
Por período histórico
(Terramaras · Villanovanos)
(Italos ·Latinos · Etruscos · Gregos · Galos)
(Monarquía · República · Imperio)
Guerras italianas (1494—1559)
Por tema

A historia de Italia é unha das máis importantes de toda Europa e de todo o mundo. Herdeira de múltiples culturas antigas como a dos etruscos e latinos, e receptora da colonización grega e cartaxinesa, viu nacer o Imperio Romano, legador dunha grande parte da cultura occidental e un dos maiores da historia. Trala caída do Imperio, Italia sufriu unha serie de invasións xermanas alternadas con intentos bizantinos e francos de reconstruír a unidade do Imperio Romano.

Durante a Idade Media Italia converteríase nun mosaico de cidades-estado que loitaban entre si para conseguir a hexemonía sobre o resto, con frecuentes intervencións das potencias circundantes e da Igrexa. Nos séculos XV e XVI converteuse no centro cultural de Europa dando orixe ao Renacemento e foi un dos campos nos que se decidiu a supremacía europea do Imperio Español.

Tralo declive da monarquía hispánica, o Imperio Austrohúngaro pasaría a controlar a rexión. Transformada nun campo de batalla durante as guerras revolucionarias, pasaría a loitar pola súa independencia. Entre 1856 e 1870 levou a cabo a Unificación de Italia logo dunha serie de guerras que implicou enfrontarse ao Imperio Austríaco e os Estados Pontificios. Posteriormente, Italia levaría a cabo políticas imperialistas que a levaron a participar na Primeira Guerra Mundial ao lado do Acordo, á invasión de Abisinia e a participar na Segunda Guerra Mundial como aliado de Hitler.

Na actualidade Italia é un país democrático, pertencente a organizacións tan importantes como a Unión Europea ou o G-8, e unha das principais potencias económicas da Terra.

Definición de Italia[editar | editar a fonte]

O nome de Italia vén sendo empregado dende antigo para designar á xente do centro do que hoxe chamamos Península Itálica, facendo referencia aos pobos itálicos, falantes das linguas chamadas igualmente. A súa orixe é incerto: Pallotino defende que deriva dun asentamento en Calabria e que foi usado polos gregos como termo xeral para designar aos habitantes de toda a península Guillotining, M., History of Earliest Italy, trans. Ryle, M Soper, K. in Jerome Lectures, Seventeenth Series, p.50

O termo asentouse cando a República Romana unificou toda a península ao conquistar ao resto de tribos contemporáneas. O nome de Italia foi empregado tamén en moedas acuñadas pola coalición de pobos que se levantou contra Roma no século I antes de Cristo con capital en Corfinium que incluía samnitas, umbros, sabinos e outros. Finalmente, o emperador romano Augusto incluíu baixo o nome de Italia toda a península, ao que se rematou engadindo a Galia Cisalpina no 42 a.dC., como unidade central do imperio.

Trala caída do Imperio Romano de Occidente, as palabras Italia e italiano pasaron a facer referencia ao conxunto de estados que poboaban o antigo territorio da Italia romana e que compartían unha certa afinidade cultural, destacando especialmente un mesmo conxunto de dialectos do latín que darían orixe ao italiano. Séculos despois, o nacionalismo romántico baseou nesta unidade cultural a súa procura dunha unidade política que desembocaría no moderno estado italiano.

Idade do Ferro (s. VIII ao V a.dC.)[editar | editar a fonte]

A Cultura de Villanova[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cultura de Villanova.

Co século VIII chegan dende o norte novos poboadores de distinta orixe que traen consigo unha cultura metalúrxica que domina o ferro. Trátase da Cultura de Villanova así chamada por un dos principais xacementos arqueolóxicos. Sábese, ademais, que practicaban a cremación e incineración dos seus mortos, caracterizándose as súas necrópoles por unhas urnas típicas de forma cónica. Falaban as linguas itálicas, de orixe indoeuropea. Asentáronse principalmente ao norte, xunto ao río Po e en Umbría e Emilia, e no centro da península (Etruria e o Lacio). Máis ao sur, aínda que a práctica xeral era a inhumación atopáronse tamén soterramentos desta cultura ata Capua, Campania.

Os Etruscos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Etruscos.
Cabeza de guerreiro (Necrópole de Crocifisso do Tufo, Orvieto, Italia)

Os etruscos foron un enigmático pobo cuxo núcleo histórico foi a Toscana, á cal deron o seu nome (eran chamados Τυρσηνοί (tyrsenoi) ou Τυρρηνοί (tyrrhenoi) polos gregos e tuscii ou etruscii polos romanos; eles denominábanse a si mesmos rasena ou raašna). A súa orixe é incerta: os poucos rexistros que quedan sobre eles semellan indicar que viñeron do Oriente, posiblemente da Asia Menor, o que parece corroborar certos estudos aínda que sen probas definitivas.

Dende a Toscana espalláronse polo sur cara ao Lacio e parte setentrional da Campania, onde bateron coas colonias gregas; cara ao norte da península itálica ocuparon a zona ao redor do val do río Po, na actual rexión de Lombardía. Chegaron a ser unha gran potencia naval no Mediterráneo Occidental, o cal permitiulles establecer factorías en Sardeña e Córsega. Con todo, cara ao século V a.dC. comezou a deteriorarse fortemente o seu poderío, en gran medida, ao ter que afrontar case ao mesmo tempo as invasións dos celtas e os ataques de gregos e cartaxineses. A súa derrota definitiva, polos romanos, viuse facilitada por tales enfrontamentos e polo feito de que os rasena ou etruscos nunca formaron un estado solidamente unificado senón unha especie de feble confederación de cidades de mediano tamaño. En certo xeito predecesora de Roma e herdeira do mundo helénico, a súa cultura (foron destacados ourives, así como innovadores construtores navais) e técnicas militares superiores fixeron deste pobo o dono do norte e centro da Península Itálica dende o século VIII a.dC. ata a chegada de Roma. A tal punto que os primeiros reis de Roma foron etruscos. Cara o ano 40 a.dC., Etruria (nome do país dos etruscos) foi conquistada polos romanos.

Magna Graecia no 280 a.dC.

Magna Grecia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Magna Grecia.

A zona sur recibiu principalmente unha forte influencia grega. O descontento coa clase dirixente, o aumento demográfico, a falta de terras e o desexo de crear novas factorías comerciais levou aos antigos gregos a crear numerosas colonias no estranxeiro. A súa proximidade, así como a súa relativa pouca resistencia a este fenómeno, fixo de Italia unha das principais zonas de asentamento gregas, recibindo o nome de Magna Grecia. Varias das principais cidades gregas situáronse na península: Taranto, Síbari, Crotona...

A colonización grega abrangueu tamén os territorios insulares que rodean a península. En Sicilia, os gregos asentáronse na zona norte, cerca do Estreito de Mesina, e na costa oriental, onde cidades como Siracusa tiveron un papel importante no mundo grego. Bateu con todo co imperialismo cartaxinés. As guerras entre gregos e púnicos non tiveron un vencedor, aínda que a illa rematou dividida en dúas esferas de influencia:

Algo semellante aconteceu cos intentos gregos de establecer colonias fronte ao mar Tirreno. Aínda que os comezos en Córsega foron prometedores, a derrota fronte a etruscos e púnicos na Batalla de Alalia deixou Córsega e Sardeña en mans cartaxinesas.

Roma (s. V a.dC. ao V d.C.)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Roma Antiga.
Rómulo e Remo, os lendarios fundadores de Roma, aleitados pola loba

O nacemento de Roma[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Fundación de Roma.

No 753 a.dC. fundouse a beiras do Río Tíber clave para a historia: Roma. A súa orixe é incerta: a mitoloxía romana vencella a orixe de Roma e da institución monárquica ao heroe troiano Eneas, quen, fuxindo da destrución da súa cidade, navegou cara ao Mediterráneo occidental ata chegar a Italia tras un longo periplo. Alí, tras casar coa filla do rei dos latinos, pobo do centro de Italia, fundou a cidade de Lavinium. Posteriormente o seu fillo Iulo fundaría Alba Longa, de cuxa familia real descenderían os xemelgos Rómulo e Remo, os fundadores de Roma.

Isto daríalle unha orixe latina, ao que mediante o lendario episodio do rapto das sabinas engadiríanse os seus veciños centroitálicos sabinos. Con todo, outras teorías, baseadas na súa proximidade á Toscana etrusca, a súa posición nas rutas comerciais destes, algunhas hipóteses toponímicas e a orixe dalgúns dos seus primeiros reis semellan indicar unha notable presenza etrusca.

A Monarquía romana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Monarquía romana.

A monarquía romana (en latín, Regnum Romanum) foi a primeira forma política de goberno da cidade-estado de Roma, dende o momento lendario da súa fundación o 21 de abril do 753 a.dC., ata o final da monarquía no 510 a.dC., cando o derradeiro rei, Tarquinio o Soberbio, foi expulsado, instaurándose a república romana.

As orixes da monarquía son imprecisas, aínda que parece claro que foi a primeira forma de goberno da cidade, un dato que parecen confirmar a arqueoloxía e a lingüística. Mitoloxicamente, enraízase na lenda de Rómulo e Remo. De calquera xeito, tras Rómulo e o sabino Numa Pompilio, chegou ao poder Tulio Hostilio, que expandiu o porto de escala na ruta costeira do sal que era Roma á conta dos seus veciños, transformando Roma na máis influente cidade de Lacio.

Despois do reinado de Anco Marcio, ascendeu ao poder unha dinastía de orixe etrusca, os Tarquinios, baixo a que Roma ampliou aínda máis o seu poder na rexión. Con todo, os excesos de Tarquinio o Soberbio que foron orixe de disputas internas, ás que se sumou a coalición de etruscos e latinos ameazados pola cidade, desembocaron na expulsión do rei grazas á intervención de Lucio Xuño Bruto e Lucio Tarquinio Colatino. Roma perdeu a meirande parte do seu poder, ao que se sumou a humillación dun saqueo por celtas liderados por Breno que arrasaron varias cidades italianas.

A República romana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: República romana.
Cidade de Roma durante os tempos da república. Gravado de Friedrich Polack 1896

A República (509 a.dC. - 27 a.dC.) foi a seguinte etapa da Roma Antiga na cal a cidade de Roma e os seus territorios mantiñan un sistema republicano de goberno. En circunstancias históricas pouco claras, a monarquía romana foi abolida o 509 a.dC., e substituída pola República.

Unha característica do cambio foi que a administración da cidade e os seus distritos rurais quedou regulada no dereito de apelar ao pobo contra calquera decisión dun maxistrado concernente á vida ou ao estatuto xurídico. A administración executiva quedou dotada de Imperium ou poder omnímodo o cal tiña unha orixe relixiosa que arrincaba do propio deus Xúpiter. Os maxistrados dotados de imperium eran os cónsules, pretores e, eventualmente, os ditadores. Con todo, o imperium só se exercía extra pomoerium, é dicir, fóra das murallas de Roma. En consecuencia, tiña un carácter esencialmente militar. Na cidade nas súas funcións civís, os maxistrados estaban sometidos a limitacións legais e controis mutuos.

Co paso dos anos a cidade foi conquistando aos seus veciños latinos, etruscos e sabinos, aos que agruparía na Liga Latina e recuperando o seu antigo poder no Lacio. A expansión continuou cara ao sur, e aceptando unha petición de protección dos samnitas de Capua fronte aos seus veciños montañosos involucrouse nas Guerras Samnitas, coas que remataría obtendo Campania. Unha a unha as diversas tribos itálicas foron conquistadas e Roma impuxo un protectorado sobre as colonias gregas do sur, encabezadas por Taranto, que a pesares da campaña do rei Pirro de Epiro remataron baixo o xugo romano.

A petición de socorro dos mamertinos, un grupo de mercenarios que se apropiaron de Mesina, fixo que o avance romano continuase cara Sicilia, onde bateu cos cartaxineses. Tras gañar a Primeira Guerra Púnica, Roma anexionouse a illa, á que axiña seguiron Sardeña e Córsega ante a debilidade de Cartago durante a Guerra dos Mercenarios. Convertida nunha das principais potencias do Mediterráneo, xunto a Cartago e os reinos helénicos, Roma practicou unha política exterior cada vez máis importante. Datan desa época as Guerras Ilirias e os primeiros serios choques co Reino de Macedonia e as tribos da Galia e o Adriático.

O rearme cartaxinés liderado por Amilcar Barca levou á ocupación de boa parte dos territorios ibéricos e a un novo período de rivalidade con Roma. Coa escusa do asedio aos aliados romanos de Sagunto, o fillo e sucesor de Amilcar, Haníbal invadiría Italia a través dos Alpes. Durante esta Segunda guerra púnica, Haníbal inflixiu históricas derrotas aos Romanos, culminando en Cannas, pero finalmente impúxose a vitoriosa campaña de Publio Cornelio Escipión en Iberia, que rematou trasladando a guerra ao norte de África e levou á Zama, vitoria definitiva dos romanos.

Roma foi a partir de entón a maior potencia mediterránea. Anexionouse as provincias cartaxinesas en Hispania, que ampliou mediante numerosas guerras nos dous séculos seguintes. Roma comezou a intervir en Grecia e Macedonia, que tras unha vitoria en Pidna conquistou. Tras unha Terceira Guerra Púnica puxo o pé en África, no que hoxe é Tunisia. A herdanza do rei Atalo III en Asia e de Nicomedes na rexión de Bitinia, leváronlle a outra guerra con Mitrídates VI do Ponto e Tigranes I de Armenia coas que o seu dominio ampliouse a Siria e Turquía, mentres conquistaba aos seus antigos aliados númidas liderados por Iugurta que se volveron contra Roma.

Este incombustible expansionismo tivo importantes consecuencias sociais, sobre todo debidas ao feito de que o exército romano non estaba concibido para as longas campañas de ultramar. A ausencia dos seus fogares tiña duras consecuencias para os pequenos agricultores que compuñan a base do exército romano, tanto cidadáns como itálicos conquistados. Unha rebelión itálica (Guerra Social) foi duramente reprimida, e ante a ameaza dun exército de centos de miles de xermanos, o exército foi reformado por Caio Mario sendo a partir de entón principalmente recrutado entre os máis pobres, que recibían terras ao final do seu servizo.

As reivindicacións das clases máis pobres, que dende os intentos de reforma agraria dos irmáns Tiberio e Caio Sempronio Graco aspiraban á repartición de terras públicas, e o novo exército, que dependía do poder do seu xeneral para obter terras ao licenciarse deu pé a unha serie de conflitos e pulsións internas. Lucio Cornelio Sila reinstaurou a paz tras unha ditadura persoal, pero anos despois, a inimizade entre o político e xeneral que conquistara as Galias, Xulio César, e a maior parte da aristocracia desembocaron nunha cruenta sucesión de guerras civís, ao final das cales o seu fillo adoptivo e sucesor Caio Xulio César Octaviano, fíxose co poder.

O imperio romano[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Imperio Romano.
Expansión do Imperio Romano en 133 a.dC. (vermello), 44 a-dC. (laranxa), 14 (amarelo), e 117 (verde).

O Imperio Romano foi a derradeira etapa da civilización romana na Antigüidade clásica caracterizada por unha forma de goberno autocrática. O termo é a tradución da expresión latina Imperium Romanum, que non significa outra cousa que o dominio de Roma sobre un territorio.

O nacemento do imperio vén precedido pola expansión da súa capital, Roma, que espallou o seu control en torno ao Mar Mediterráneo, e a longa sucesión de conflitos internos que marcaron o final da República. Trala vitoria final de Augusto, estableceuse por fin unha paz perdurable, caracterizada pola concentración de poder en mans do devandito, primeiro como Princep e logo como Domine. Paralelamente, continuouse coa pacificación interna e a expansión exterior, buscando a coñecida como Pax Romana, un longo período de estabilidade e paz que viviu Europa, o norte de África e Oriente Medio baixo o xugo romano.

Este imperio foi un dos maiores focos culturais, artísticos, literarios e filosóficos do seu tempo, cun notable desenvolvemento científico e técnico. En Roma e Italia adoptouse a cultura grega, que tivo unha digna continuación latina. A existencia dunha serie de estados organizados ao longo de Eurasia permitiu a creación da Ruta da Seda, que enlazaba Occidente co Imperio Chinés. A capital do Imperio, Roma, converteuse nunha das maiores urbes do mundo, con habitantes vidos de tódalas provincias romanas.

Baixo a etapa imperial os dominios de Roma seguiron aumentando, chegando á súa máxima extensión durante o reinado de Traxano, abarcando desde o Océano Atlántico ao oeste ata as beiras do Mar Negro, o Mar Vermello e o Golfo Pérsico ao leste, e dende o deserto do Sáhara ao sur ata as terras boscosas ás beiras dos ríos Rin e Danubio e a fronteira con Caledonia ao norte. A súa superficie máxima estimada sería duns 6´14 millóns de km².

Co tempo, a derrota ante os xermanos en Teotoburgo, as constantes guerras co Imperio Parto no oeste e as dificultades para xestionar o xa inmenso territorio imperial levaron á construción de limes ou fronteiras fortificadas para defender un imperio que comezaba a dar sinais de esgotamento. O sistema imperial mantería a súa vixencia ata a chegada de Diocleciano, quen tratou de salvar un imperio que caía cara ao abismo dividindo o imperio para facilitar a súa xestión entre Occidente e Oriente. O imperio volveuse a unir e a separar en diversas ocasións seguindo o ritmo de guerras civís, usurpadores e reparticións entre herdeiros ao trono ata que, á morte de Teodosio I o Grande, quedou definitivamente dividido.

A decadencia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Caída do Imperio Romano.

As tribos xermánicas, empurradas cara ao Oeste pola presión dos pobos hunos, procedentes das estepas asiáticas, penetraron no Imperio Romano. As fronteiras cederon por falta de soldados que as defendesen. En moitas ocasións chegáronse a ceder provincias fronteirizas aos xermanos a cambio de que as defendesen dos seus compatriotas, pois o servizo militar fora abolido entre os italianos. O imperio, sofisticado e rico como poucos na historia, era xa decadente, e nos séculos III e IV, as súas derradeiras glorias viñeron de xenerais de orixe bárbara como Aecio e Estilicón. A gloriosa cidade de Roma foi saqueada polos visigodos de Alarico I no ano 410.

Paralelamente, a capitalidade fora desprazada a Milán primeiro, e Rávena despois, mentres que varias provincias ían sendo conquistadas por diversos pobos xermanos. A parte oriental, máis rica e militarmente forte, converteuse no gran foco de poder do Mediterráneo. O cristianismo, outrora perseguido, converteuse en relixión oficial grazas aos editos de Milán de Constantino I o Grande e Tesalónica de Teodosio I o Grande. As cidades decaeron, producíndose unha emigración ao campo, co consecuente efecto negativo no comercio, a cultura e a ciencia.

O emperador de Roma xa non controlaba o Imperio, de tal xeito que no ano 476, un xefe bárbaro, Odoacro, destituíu a Rómulo Augústulo, un neno de 10 anos que foi o derradeiro emperador Romano de Occidente e enviou as insignias imperiais a Zenón, emperador Romano de Oriente.

Alta Idade Media (s. V ao XII)[editar | editar a fonte]

Os ostrogodos[editar | editar a fonte]

Mapa do reino ostrogodo
Artigo principal: Ostrogodo.

Os ostrogodos eran un grupo de godos que foran dominados polos hunos. Trala súa liberación daqueles, elixiron a Teodomiro como rei e asentáronse baixo protección bizantina en Panonia, na canle do Danubio. A este sucedeulle o seu fillo Teodorico o Grande, que coa bendición do emperador de Oriente conduciu ao seu pobo a Italia no ano 488.

Na península gobernaba o hérulo Odoacro tras depor ao derradeiro emperador romano en 476. Tras unha campaña no Norte da península, Teodorico tomou a capital, Rávena, matando a Odoacro en 493 e establecéndose como señor do país. O seu reinado foi lembrado por manter a administración romana, que protexeu, logrando manter a estabilidade de Occidente. En 526 a morte de Teodorico rematou con esta etapa de paz, herdando Italia o seu neto, Atalarico. O reino ostrogodo desapareceu.

Os bizantinos[editar | editar a fonte]

O emblema do Imperio bizantino
Artigo principal: Imperio Bizantino.

Baixo Xustiniano I, o Imperio Bizantino iniciou unha serie de campañas co obxectivo de reconstruír a unidade mediterránea. A debilidade do reino ostrogodo, e os desexos bizantinos de recobrar a cidade de Roma converteron a Italia nun obxectivo.

En 535, o xeneral Belisario, invadiu Sicilia e marchou a través da península, tomando Nápoles, chegando a Roma en 536. Proseguiu cara ao norte e tomou Mediolanum (Milán) e Rávena en 540. Un acordo cos ostrogodos, que conservaron un reino no noroeste de Italia trouxo a paz.

Belisario foi entón chamado a Oriente, onde os persas ameazaban as fronteiras. O seu sucesor, Xoán, non logrou manter o control, e en 541 os godos estaban inimizados con Bizancio, liderados por Totila que recuperara a Italia do Norte. A volta de Belisario permitiu recuperar Roma, para perdela de novo non moito despois.

En 548, o eunuco Narsés substituíu a Belisario. Totila foi asasinado, e o exército godo derrotado. Cara o 561 os bizantinos conseguiron pacificar a zona.

Os longobardos[editar | editar a fonte]

A Coroa de Ferro dos lombardos, posteriormente convertida en símbolo do Reino de Italia
Artigo principal: longobardos.

Entre os diferentes pobos xermánicos que abandonaran a súa antiga morada para vivir en mellores terras, contábanse os longobardos, aos que Xustiniano I deixara asentarse en Panonia, a condición de que defendesen a fronteira. Atraídos pola riqueza de Italia, atravesaron os Alpes ocupando as actuais rexións de Piemonte, Liguria, Lombardía e Véneto sen moita oposición. A falta dunha autoridade central posibilitou a fragmentación de Italia en trinta e seis ducados independentes.

Mentres se enfrontaban á oposición do Imperio Bizantino en Oriente, e á dos francos en Occidente, os longobardos conseguiron recompor unha monarquía común electiva, tradicionalmente xermánica. É de destacar o reinado de Axilulfo que abandonou o arianismo e converteuse ao catolicismo, aumentando a división interna.

Mentres os conflitos iconoclastas ocupaban a Bizancio e o inimizaban co Papa (pois a posición do Emperador de Oriente tamén rexía nas súas provincias italianas) os longobardos aumentaron os seus dominios, co pretexto de socorrer ao Papa. No 750, Aistolfo tomou a cidade imperial de Rávena.

Os francos e o Imperio Carolinxio[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Imperio Carolinxio.

A presión dos longobardoss sobre o Papa fixo que o rei dos francos, Pipino o Breve, realizase entre 756 e 758 repetidas campañas no norte de Italia. O Papa, en agradecemento, confirmoulle como rei dos francos (a pesares de usurpar o título) e concedeu o rango de patricio á familia real de Francia.

A situación agravouse á morte de Pipino. O reino franco foi dividido entre os seus fillos, aumentando de novo a presión longobarda sobre o papado. Con todo a reunificación dos francos baixo Carlomagno levou a unha nova intervención en Italia no 774. Tras unha curta batalla, Carlos fíxose co reino de Lombardía, que, mantendo a súa autonomía, integrouse no Imperio Carolinxio que co tempo uniría á maior parte da Europa Occidental. Carlomagno auspiciou un renacemento cultural e unha unidade política e relixiosa, que cristalizou coa súa coroación como Emperador de Occidente polo Papa León III no ano 800. O seu novo imperio considerábase herdeiro do Imperio Romano de Occidente, sendo o emperador a máxima autoridade temporal de Europa e o encargado de velar pola Cristiandade.

Os Estados Pontificios[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Estados Pontificios.
Bandeira dos estados pontificios

Parte das terras arrebatadas aos longobardos foron cedidas ao Papa, que creou entón un estado no centro de Italia, os Estados Pontificios. Estes eran administrados directamente ou mediante vasalos.

Deste estado derivaría o interese político do Papa en Italia, do que sería unha potencia durante séculos. A Igrexa sería pois unha gran potencia política en Italia durante a Idade Media. Os Estados Pontificios perdurarían ata a unificación de Italia, aínda que o Papado remataría por recuperar o Vaticano, que se mantén hoxe en día como estado independente.

O sur[editar | editar a fonte]

Os ducados longobardos do sur non chegaron a ser conquistados por Carlomagno e non formaron parte do Sacro Imperio. Estas rexións foron con frecuencia invadidas e gobernadas polo Imperio Bizantino, que con todo acusaba os retrocesos contra o Islam.

Así, o Imperio Bizantino sufriu a perda da Illa de Sicilia, conquistada en tempos de Xustiniano I aos vándalos fronte aos árabes no século X, converténdose nun Emirato.

Por aquela época, o sur da península foi conquistada polos normandos, que establecerían un reino en Nápoles. A finais do século XII dito reino pasou á dinastía imperial alemá dos Hohenstaufen, que rematou espallándose cara Sicilia.

Baixa Idade Media (s. XII ao XV)[editar | editar a fonte]

A fragmentación política: o Sacro Imperio e a Liga Lombarda[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sacro Imperio Romano Xermánico.

Á morte de Carlomagno, o seu imperio foi repartido entre os seus diversos fillos, iniciándose un período de guerras civís que non se estabilizaron ata a creación a comezos do século X do Reino de Francia e do conglomerado do Sacro Imperio no que hoxe é Alemaña, o norte e centro de Italia, Suíza, Países Baixos e outras provincias orientais dos seus dominios.

A ausencia dun poder central forte supuxo a atomización destas rexións en principados, bispados, condados e cidades practicamente independentes e con frecuencia enfrontamentos entre si. Isto foi particularmente importante en Italia, onde as ricas cidades do norte emerxeron como cidades-estado comerciais case-independentes.

O emperador era elixido polos principais nobres, o que facilitou este clima de enfrontamento que tivo en numerosas ocasións Italia como campo de batalla. No século X, introduciuse un novo elemento de discordia: o enfrontamento entre a Igrexa e o Imperio, que foi coñecido como a Querela das Investiduras e que iniciou unha serie de conflitos pola primacía do Papa ou o Emperador na cristiandade e o Sacro Imperio que dividiron Italia entre güelfos e xibelinos.

Por mor disto diversos emperadores, como Federico I Barbarroxa enfrontáronse ao Papa e invadiron Lombardía, apoiando cando lles conviña a antipapas. En resposta, diversos emperadores foron excomungados, mentres os Estados Pontificios rexeitaron o poder temporal do Emperador e promoveron faccións prol-eclesiásticas.

As cidades do norte de Italia víronse involucradas na guerra, cambiando frecuentemente de partido. A Liga Lombarda foi unha alianza establecida o 1 de decembro de 1167 entre 26 Cidades Opositoras do Norte de Italia, entre as que destacan Milán, Cremona, Mantua, Bérgamo, Brescia, Plasencia, Boloña, Padua, Treviso, Vicenza, Verona, Lodi, Parma e Venecia. Posteriormente uníronse outras catro cidades máis, ata formar un total de 30.

O propósito inicial da Liga era combater a política italiana de Federico I, que naquel momento reclamaba o control total sobre o norte de Italia. A resposta imperial quedou expresada na Dieta de Rocaglia e foi levada a cabo coa invasión de 1158 e logo outra vez en 1166. A Liga recibiu o apoio incondicional do Papa Alexandre III e os seus sucesores, desexosos tanto de verse libres da influencia imperial como de aumentar o seu poder na Península Itálica. Na Batalla de Legnano (29 de maio de 1176), as tropas imperiais foron derrotadas e Federico viuse forzado a asinar unha tregua de seis anos (1177-1183). A situación resolveuse ao finalizar esta, cando ambas as dúas partes asinaron o Tratado de Constanza, segundo o cal as cidades italianas recoñecían a soberanía do emperador de Alemaña, pero á súa vez este víase obrigado a recoñecer a xurisdición propia de cada cidade sobre si mesma e o seu territorio circundante, o que supuxo o recoñecemento da súa independencia de facto.

A Coroa de Aragón en 1443 no seu momento de máxima expansión territorial, mostrando as súas posesións no Sur de Italia

A Coroa de Aragón[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Coroa de Aragón.

A morte sen herdeiros homes do rei de Sicilia, levou ao rei aragonés Pedro III a reclamar o reino, ao ser a súa muller filla do rei. Foi con todo entregado á Casa de Anjou, reinante en Francia, só para ser expulsada durante as Vésperas Sicilianas de 1282 e rematar efectivamente en mans aragonesas, o que lle valeu enfrontarse ao Papa e Francia.

Como foi típico na Coroa de Aragón, este novo territorio rematou en mans dunha rama menor da familia real. Posteriormente, por mor dunha concesión do Papa Bonifacio VIII no século XIII, a Coroa de Aragón anexionouse Sardeña, cuxa dominación efectiva significou longas guerras e conflitos dinásticos.

Foi Pedro IV de Aragón, o Cerimonioso, quen de novo logrou unir Mallorca, o Rosellón e Sicilia ao tronco principal, e pacificar Sardeña. Posteriormente Afonso V, conquistaría o Reino de Nápoles en 1442, que legou ao seu fillo bastardo, Ferrante.

As repúblicas comerciais[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Repúblicas marítimas.

O rexurdimento económico e demográfico dos séculos XI e XII tivo un grande efecto en Italia, onde confluían dous dos principais eixos económicos da cristiandade. Alí interconectábanse a ruta que dende as cidades comerciais do norte de Alemaña e o Báltico (agrupadas na Hansa) atravesaba o Rin e o Ródano cara Italia coas rutas marítimas que ao longo do Mediterráneo transportaban as especias e produtos de luxo de Oriente e os países musulmáns.

Convertidas en emporios comerciais, moitas cidades italianas experimentaron un desenvolvemento económico que lles levou a crear frotas mercantes e barrios comerciais en Oriente (Palestina, Bizancio, Exipto...). Algunhas, particularmente Xénova e Venecia, espallaron o seu dominio a illas e portos ao longo do mar Mediterráneo e o mar Negro forxando auténticos imperios de ultramar.

Politicamente, supuxo o ascenso social dos comerciantes, que formaron unha oligarquía gobernante en moitas das cidades do centro e norte de Italia.

O Renacemento (s. XV ao XVI)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Renacemento italiano.
Home de Vitruvio de Leonardo da Vinci, exemplo da combinación de ciencia e arte

O Renacemento italiano iniciou a era do Renacemento, un período de grandes logros e cambios culturais en Europa que se estendeu dende fins do século XIV ata ao redor de 1600, constituíndo a transición entre o medievo e Europa a moderna.

Aínda que as orixes do movemento confinado principalmente á cultura literaria, o esforzo intelectual e o mecenado poden rastrexarse ata comezos do século XIV. Moitos aspectos da cultura italiana permanecían no seu estado medieval e o Renacemento non se desenvolveu totalmente ata fin de século.

A palabra Renacemento (Rinascimento en italiano) ten un significado explícito , que representa o renovado interese do período na cultura da antigüidade clásica, logo do que alí mesmo etiquetouse como a "idade escura" por "Idade Media". Estes cambios, aínda que significativos, estiveron concentrados nas clases altas, e para a gran maioría da poboación a vida cambiou pouco en relación á Idade Media.

O renacemento italiano comezou na Toscana, con epicentro nas cidades de Florencia e Siena. Logo tivo un importante impacto en Roma, que foi ornamentada con algúns edificios no estilo antigo, e despois fortemente reconstruída polos Papas do século XVI. O cumio do movemento deuse a fins do século XV, mentres os invasores estranxeiros sumían á rexión no caos. Con todo, as ideas e ideais do renacemento difundíronse polo resto de Europa, posibilitando o Renacemento nórdico, centrado en Fontainebleau e Antuerpen, e o renacemento inglés.

O renacemento italiano é ben coñecido polos seus logros culturais. Isto inclúe creacións literarias con escritores como Petrarca, Castiglione, e Maquiavelo, obras de arte de Miguel Anxo e Leonardo da Vinci, e grandes obras de arquitectura, como a Igrexa de Santa María do Fiore en Florencia e a Basílica de San Pedro en Roma.

Politicamente foi un período de constantes loitas polo poder, cambios dinásticos, guerras e invasións estranxeiras.

Os Borxia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Alexandre VI.

En 1492 ascendeu ao trono papal o cardeal de orixe española Rodrigo Borxia, que tomaría o nome de Alexandre VI. O seu goberno axiña se fixo famoso polo seu nepotismo e a súa lendaria falta de moral. O novo Papa era partidario dunha recuperación do poder político en Italia pola Igrexa, o que o levou a establecer múltiples e cambiantes alianzas cos seus veciños.

A situación política seguía marcada polo desexo francés de espallarse cara ao sur. Tras terse oposto aos intentos franceses de intervir en Italia en Xénova, Milán ou Nápoles, e ser derrotada a súa política polas incursións de Carlos VIII de Francia no norte de Italia co apoio de Milán, o Papa coligouse con Venecia, os Reis Católicos e o o Emperador contra os franceses. Con todo, a morte do rei francés en 1498, sendo substituído polo seu primo Luís XII, permitiulle cambiar de bando. Así, emitiu unha bula que permitía o novo matrimonio do rei coa muller do seu predecesor a cambio do seu apoio.

O novo rei, emparentado cos Visconti, antigos duques de Milán, reclamou exitosamente o Ducado de Milán que fora ocupado polos Sforza. Coas súas tropas, o fillo do Papa e capitán dos exércitos pontificios, César Borxia, conquistou unha tras outra as cidades da Romaña, que se converteu no seu señorío particular como representante do Papado.

Entre tanto, un pacto en Granada repartira o Reino de Nápoles entre Francia e España, mais as discrepancias posteriores desembocaron nunha guerra na que Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán expulsou do país aos franceses.

En 1503, mentres a situación complicábase, o Papa morreu, sendo elixido como sucesor o cardeal francés Della Rovere, co nome de Xulio II, inimigo dos predecesores. O papado axiña perdeu o conquistado no centro de Italia, mentres que o choque entre Francia e España facíase inminente.

A decisiva Batalla de Pavía que supuxo a vitoria española en Italia

As guerras hispano-francesas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Guerras Italianas.

Os constantes cambios de bando fixeron que o novo Papa aliásese sucesivamente con franceses e españois contra Venecia, con venecianos e españois contra Francia logrando recuperar parte do perdido para á súa vez perdelo coa súa morte. O paso do tempo trouxo a substitución xeracional e Francisco I converteuse no rei de Francia e Carlos I en rei de España.

A guerra converteuse entón nun gran conflito internacional, con repercusións en Borgoña, o sur de Francia, as Illas Británicas ou os Países Baixos. Libráronse numerosas guerras con batallas destacadas como Cerisoles ou Bicoca e episodios como o Saqueo de Roma.

Finalmente na Batalla de Pavía de 1525, onde Francisco I foi prendido, marcou o punto de inflexión a favor de España. Aínda que trala súa liberación negouse a cumprires os termos do acordo, a perda do Milanesado a mans de España foi xa definitiva, e Italia pasou a estar controlada por España. Despois dalgúns enfrontamentos posteriores, o tratado de Cateau-Cambresis ou tamén coñecido como das damas, puxo fin ás guerras en 1559. Polas súas condicións, Francia renunciaba a Italia, onde España lograba a supremacía

A Toscana[editar | editar a fonte]

Florencia non interviñera especialmente nas loitas de poder pola península, pero influídas por elas sufrira as súas propias convulsións. A República Florentina pasara a estar controlada polo patriarca da familia Médici, principal casa de comerciantes da localidade. Trala morte de Lorenzo de Médici en 1492, quen levara á cidade ao esplendor cultural e económico que lle gañou o sobrenome de il Magnífico, a cidade caeu en mans do predicador e monxe Savonarola, fanático relixioso e defensor dunha reforma eclesiástica. Isto conduciu a unha tempada de disturbios famosos polas súas fogueiras de vaidades nas que se queimaron numerosas obras de arte.

O enfrontamento co papa Alexandre VI levoulles a excomungarse mutuamente, o que rematou significando o arresto e, trala morte do seu defensor Carlos VIII de Francia, a execución na fogueira do monxe coa consecuente restauración da preeminencia dos Médici, liderados polo fillo de Lorenzo, Piero de Médici. Con todo este careceu da diplomacia do seu pai, labrándose numerosos inimigos entre os defensores do goberno republicano, que remataron por expulsalo. Adicouse dende entón a tentar recobrar o poder, infrutuosamente.

Esta República viuse marcada polas guerras contra Pisa, Arezzo e outras cidades da Toscana que intentaron aproveitar estas disputas para minar a supremacía florentina na rexión. A ascensión en 1513 dun dos fillos de Lorenzo como Papa, baixo o nome de León X, foi determinante para o retorno da familia á preeminencia na cidade. Tras un interregno no que volveron perder o poder trala morte do Papa, restablecéronse coa elección do tamén Médici Clemente VII. As posteriores alianzas co Papado e o Imperio de Carlos V de Alemaña reforzaron o seu dominio e convertérono nun señorío hereditario a partir de Cosme I, ao principio duque de Florencia e, tras unificar o resto de cidades da rexión en 1537, Gran Duque de Toscana.

O dominio estranxeiro e a Unificación (s. XVI ao XIX)[editar | editar a fonte]

O dominio español (1559-1714)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Imperio Español.
A Cruz de Borgoña, estandarte das forzas españolas e bandeira do Imperio Español

Carlos V acabou abdicando no seu fillo, Filipe II, que herdou as numerosas posesións do seu pai, incluíndo Sardeña, Sicilia, Nápoles, Presidios da Toscana e Milán. Aínda que o rei estableceuse en España, designou vicerreis para os antigos reinos aragoneses e un gobernador para Milán que xestionasen a administración das provincias italianas.

As numerosas guerras que encarou a monarquía hispánica tamén tiveron o seu efecto en Italia. Aínda que como parte da Coroa de Aragón librouse de soportar a parte máis dura do esforzo bélico (que levou a un endebedamento soportado grazas aos banqueiros xenoveses), pasou a ser parte do camiño español, a ruta pola que os soldados españois marchaban aos campos de batalla dos Países Baixos e Alemaña. Así mesmo, a actividade pirata dos turcos e berberiscos arrasou as costas do golfo de Taranto e Sicilia. A contribución italiana, non xa napolitana e siciliana senón ata de aliados venecianos, xenoveses, florentinos e romanos, foi constante nas guerras contra o Imperio Otomano, como no Sitio de Malta ou a Batalla de Lepanto.

O seu fillo e sucesor, Filipe III centrou a súa política italiana no asunto da Valtelina, os vales do norte de Milán que comunicaban con Suíza e Alemaña. O territorio, historicamente disputado entre Milán e os grisóns, foi ocupado polos españois só para ser expulsados de novo polos protestantes suízos co polémico apoio francés do Cardeal Richelieu. Tamén baixo o seu reinado, os receos de Savoia e Venecia ao poder español en Italia explotaron na chamada Conxuración de Venecia, que supuxo a persecución dos pro-españois.

A España do seu sucesor Filipe IV, xa en franca decadencia, viu os seus derradeiros logros coa Guerra de Sucesión de Mantua, onde, tendo morto sen sucesión o derradeiro Duque de Mantua, Francia defendeu a un candidato á sucesión contra Savoia e España. A guerra permitiu a Filipe anexionarse o territorio, aínda que a Guerra dos Trinta Anos distraeu a súa atención de Italia. As revolucións da década de 1640, en plena decadencia marcada por Rocroi e os Pireneos, supuxeron unha sublevación de carácter nacionalista e antiespañol no Reino de Nápoles así como en Sicilia.

O reinado do derradeiro Habsburgo, Carlos II de España, non trouxo grandes cambios na vida política italiana, aínda que o problema sucesorio que plantou o seu testamento, en favor dun parente francés xerou unha Guerra de Sucesión que implicou a practicamente toda Europa occidental. Mentres na Península Ibérica os acontecementos favorables a un e outro bando alternábanse, o Duque de Savoia e Austria tomaron as posesións españolas en Italia. A vitoria final de Filipe V levou á Paz de Utrecht, que supuxo o fin da presenza española en Italia.

Armas dos Habsburgo-Lorrena, grandes duques de Toscana e emperadores de Austria

O predominio austríaco (1712-1796)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Imperio Austrohúngaro.

Tras a Guerra de Sucesión Española en 1714, as posesións do Imperio Español fóra da Península Ibérica, entre elas o dominio de Milán, Nápoles e Sardeña, pasaron á outra rama da familia Habsburgo, emperadores de Alemaña e señores de Austria. A Casa de Savoia, polo seu apoio na guerra recibiu o título de rei e a illa de Sicilia, que con todo intercambiaron posteriormente por Sardeña, dando orixe ao Reino de Sardeña ou do Piemonte.

En 1717 houbo un intento español de recobrar as posesións italianas perdidas que tomou Sicilia e Sardeña, pero unha coalición de Austria, Francia, Gran Bretaña e Holanda derrotou aos españois na batalla de Cabo Pessaro. O acordo final de paz, logrado grazas aos Pactos de Familia deu a coroa do Reino das Dúas Sicilias a unha rama menor da nova dinastía española, os Borbón-Dous Sicilias.

A dinastía dos Habsburgo-Lorena, rama da familia gobernante en Austria que tamén alcanzou o trono imperial, logrou adquirir a partir de Leopoldo II de Austria o título de Gran Duque de Toscana, o que supuxo o dominio indirecto da Habsburgo tamén no centro de Italia. A principal potencia en Italia foi a partir de entón Austria, que pronto se gañou a oposición do nacente nacionalismo italiano.

As Guerras napoleónicas (1796-1815)[editar | editar a fonte]

Mapa de Italia durante o dominio Francés

Tras a Revolución Francesa de 1789 Italia non se converteu nun gran campo de batalla, aínda que houbo enfrontamentos con Savoia cando os franceses trataron de ocupar as terras situadas máis aló dos Alpes (Niza e o condado de Savoia). A cousa complicouse dado que o Imperio Austríaco, inimigo dos revolucionarios, dominaba boa parte do país. Por iso, encomendouse en 1796 ao mozo xeral Napoleón Bonaparte que realizase unha manobra de distracción contra os intereses austríacos no sur, mentres que as principais forzas atacaban polo Norte.

Sorprendentemente, foi o débil exército de Italia o que en batallas como Lodi e Dego obtivo a vitoria mentres o exército do Rhin quedaba estancado. Napoleón puxo fin ao dominio austríaco de Italia, que dividiu en repúblicas afíns a Francia como a República Lígur, a República Cisalpina, e a República Partenopea mentres conquistaba a gloria militar e escalaba postos no seu ascenso ao poder. Tras sufrir repetidas derrotas, os austríacos asinaron en 1797 o tratado de Campoformio co que Austria se rendía a Francia e recoñecíalle as súas conquistas, incluídas Lombardía, a cambio de Venecia. O fracaso da seguinte expedición de Napoleón en Exipto deu a oportunidade a Austria de volver intervir en Italia, pero a derrota na Batalla de Marengo supuxo a definitiva renuncia a Italia, que desde entón foi un dos territorios máis firmemente controlados por Napoleón.

As diversas repúblicas converteríanse na República de Italia, cuxo presidente foi Napoleón e que se converterían no Reino de Italia. Nápoles foi conquistada, e o Reino de Nápoles entregado a José Bonaparte, primeiro, e a Murat posteriormente. Os Estados Pontificios foron anexionados a Francia en 1804, ante a pouca cooperación do Papa.

Durante o posterior transcurso das Guerras Napoleónicas Italia estaría controlada polos franceses ata os últimos momentos. O Congreso de Viena de 1815 marcaría a restauración do sistema político previo.

Garibaldi

A unificación (1815-1914)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Unificación Italiana.

A Europa posterior ao Congreso de Viena estivo marcada por un desenvolvemento do nacionalismo vencellado ao romanticismo, unha intensa actividade revolucionaria de carácter liberal e, a partir do conflito social da Revolución Industrial, polo movemento obreiro. Italia non foi allea a estas loitas, que tiveron o seu foco no desexo de unir ás distintas rexións de fala e cultura italiana nun mesmo país.

O Reino do Piemonte foi o protagonista deste proceso. O conde de Cavour, primeiro ministro, conquistou con apoio francés Lombardía en 1859. Parma e Módena uníronse a Piemonte despois de que se fixese un referendo e xunto con elas uniuse Toscana. Posteriormente Giuseppe Garibaldi conquistaría o Reino das Dúas Sicilias.

O 17 de marzo de 1861, o rei do Piemonte, Víctor Manuel II era coroado Rei de Italia. En 1866, aproveitando que Alemaña entraba en guerra con Austria os italianos tamén lles declararon a guerra e ao concluír esta anexionáronse o Véneto. Para rematar, en 1870, e aproveitando que Alemaña lle declarou a guerra a Francia e que esta tivo que chamar a tódalas tropas que defendían Roma dunha posible invasión italiana, Victor Manuel invadiu os Estados Pontificios e declarou Roma a capital de Italia, o que xerou un conflito entre Igrexa e Estado que non se resolvería ata 1929 coa creación do Vaticano.

O nacionalismo italiano seguiu mantendo con todo as súas reclamacións sobre rexións que eles consideraban italianas, pero que permanecían en mans estranxeiras, ás que cualificaban de Italia Irredenta. Isto incluía varias cidades e comarcas na fronteira con Austria e Croacia, ás que os sectores máis extremistas engadían Niza e Savoia, Malta, Córsega e a rexión italoparlante de Suíza.

Da unificación á actualidade[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Reino de Italia (1861-1946).

Dende 1861 ata 1922, Italia foi unha monarquía constitucional cun parlamento elixido mediante sufraxio censatario ata 1913 cando se instaurou o sufraxio universal masculino. Foi chamado Statuto Albertino, e permaneceu sen cambios dende que Carlo Alberto concedeuno en 1848 a pesares dos amplos poderes concedidos ao rei (como, por exemplo, nomear aos senadores).

O novo estado sufría varios problemas tanto pola pobreza xeral e o analfabetismo como das profundas diferenzas culturais (non había unha linguaxe común) entre varias partes: ata houbo revoltas polo retorno ás antigas leis.

En política exterior, Italia foi namentres excluída da repartición colonial de África na Conferencia de Berlín. Logrou con todo establecer algunhas posicións en Eritrea e Somalia cando a empresa italiana de navegación Rubattino mercou a Baía de Assab, que o goberno comprará o 10 de marzo de 1882. Co tempo, as forzas italianas foron conquistando a costa enteira ata ocupar a cidade portuaria de Massawa no 5 de febreiro de 1885. O 1 de xaneiro de 1890 declárase Eritrea colonia italiana. A expansión non logra avanzar moito máis, fracasando no seu intento de conquistar Etiopía, que liderada por Menelik II expulsounos na batalla de Adua.

A Primeira Guerra Mundial (1914-1918)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Primeira Guerra Mundial.

As axitacións nos Balcáns permitiron a Italia ocupar as Illas do Dodecaneso e a actual Libia ante a debilidade do Imperio Otomán. Mentres o ambiente internacional íase enrarecendo, Italia achegouse ao bloque alemán, debido aos conflitos coloniais con Francia, que na súa expansión por Alxeria e Tunisia ameazaba a posibilidade de espallarse polo norte de África de Italia.

Con todo, ao comezo da Primeira Guerra Mundial, Italia permaneceu neutral, xa que a Tripla Alianza só tiña intereses defensivos, e o Imperio Austrohúngaro era o que comezaba a guerra. Con todo, ambos os dous bandos trataron de achegar a Italia ao seu lado, e no 15 de abril de 1915 o goberno italiano uniuse ao Pacto de Londres ao declarar a guerra a Austria a cambio de varios territorios (Trento, Trieste, Istria, Dalmacia). En outubro de 1917, os austríacos, que recibiran reforzos alemáns, romperon as liñas italianas en Caporetto, pero os italianos, axudados polos aliados, pararon o seu avance no río Piave, non lonxe de Venecia. Logo doutro ano de guerra de trincheiras e unha triunfal ofensiva italiana, a exhausta Austria rendíase aos aliados o 4 de novembro de 1918, sendo axiña seguida por Alemaña.

O Réxime Fascista (1919-1939)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: O Fascismo en Italia.

Na posguerra, Italia recibiu os territorios prometidos no acordo de 1915 agás Dalmacia, que pasou ao recentemente formado reino de Iugoslavia. Italia proseguiu a súa expansión polo Adriático, bombardeando e ocupando Corfú en 1923 como resposta ao asasinato dun diplomático italiano, e anexionándose a cidade de Fiume (hoxe Rijeka) en 1924 que fora declarada libre.

Algúns traballadores italianos, inspirados na Revolución Rusa, causaron medo ao goberno, o que produciu a aparición dun pequeno partido fascista, liderado por Benito Mussolini (un antigo socialista convertido en nacionalista), cuxa violenta reacción ás folgas foi moito máis apreciada que a morna reacción do goberno. Logo de varios anos de incidentes, en outubro de 1922, os fascistas emprenderon unha marcha sobre Roma ("Marcia su Roma"). Os fascistas eran un número reducido, pero o rei deu orde ao exército de non intervir, e formou unha alianza con Mussolini, convencendo ao partido liberal de aprobar o goberno liderado polos fascistas. Durante os anos seguintes, Mussolini (ao que se alcumou o "Duce", o líder) suprimiu todos os outros partidos políticos, en novembro de 1926[1], e limitou as liberdades para "previr revolucións".

En 1929 Mussolini pactou coa Igrexa católica, coa que Italia estivera en conflito dende a anexión dos Estados Pontificios en 1870, permitindo a formación do estado do Vaticano e obtendo da Igrexa o recoñecemento da unidade de Italia. Inicialmente mantiña boas relacións con Francia e Gran Bretaña pero en 1935-1936 a situación cambiou pola invasión italiana de Etiopía e polas afinidades ideolóxicas entre o partido fascista italiano de Musssolini e o nacionalsocialista (nazi) alemán de Adolf Hitler.

Ocupación italiana de Albania e Etiopía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Imperio Italiano.
O imperio italiano en 1940

Cando Alemaña anexionouse Austria e invadiu Checoslovaquia, Italia viu a oportunidade de converterse nun membro do eixo. Despois de que Hitler invadise Checoslovaquia sen avisar a Mussolini, este decidiu anexionarse Albania. O rei italiano Victor Manuel III, opúxose ao plan, por ser excesivamente arriscado.

O réxime fascista tratou de ampliar o seu imperio colonial, retomando a conquista de Etiopía, que, tratando de evitar as reivindicacións italianas, asinou acordos comerciais co Xapón e os Estados Unidos para buscarse o seu favor. Na noite do 2 ao 3 de outubro de 1935, tropas italianas procedentes de Eritrea invadiron Etiopía. A capital, Adis Abeba, foi tomada polos italianos o 5 de maio de 1936. Italia anexionouse formalmente Etiopía o 9 de maio de 1936. O emperador tivo que exiliarse en Gran Bretaña e a Sociedade de Nacións non resolveu o conflito en favor dos intereses etíopes malia as reclamacións de Francia e o Reino Unido.

A pesares diso, Roma deu un ultimato a Tirana o 25 de marzo de 1939, esixindo a aceptación da ocupación italiana. O rei, Zog, rexeitou aceptar diñeiro en compensación pola colonización do seu país, e no 7 de abril dese mesmo ano, as tropas de Mussolini invadiron Albania. Tras unha breve resistencia, especialmente intensa en Durrës, os italianos resultaron vencedores.

O rei Zog, a súa muller, Geraldine Apponyi, e o seu fillo Leka fuxiron a Grecia e, posteriormente, a Londres. O 12 de abril, o parlamento albanés votou a favor de unificar o país con Italia. Victor Manuel III tomou a coroa albanesa, e os italianos estableceron un réxime fascista baixo Shefqet Verlaci, cuxos servizos militares e políticos dependían de Italia.

A Segunda Guerra Mundial (1939-1945)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Segunda Guerra Mundial.

Ao comezo da Segunda Guerra Mundial, Italia permaneceu neutral (co consentimento de Hitler), pero declarou a guerra a Francia e Gran Bretaña o 10 de xuño de 1940, cando Francia vírase derrotada. Mussolini creu que Gran Bretaña pediría a paz, o que resultou un erro de cálculo.

Despois de que o exército alemán invadise Polonia, Francia e Dinamarca, Mussolini decidiu empregar Albania como cabeza de ponte para invadir Grecia. As forzas italianas desembarcaron o 28 de outubro de 1940 e nun encontro entre ambos os ditadores, Mussolini sorprendeu a Hitler co anuncio da invasión. Mussolini contaba cunha rápida vitoria, pero a resistencia grega foi superior á agardada, rexeitando o ataque italiano, e contratacando en Albania. Os gregos tomaron Korçë e Gjirokastër e ameazaron Vlorë.

O medo a caer baixo o dominio grego evitou a cooperación entre os albaneses e as forzas gregas, e as tropas de Mussolini se reagruparon en Albania Central. Incómodo ante esta situación nos Balcáns, Hitler interveu o 6 de abril de 1941, en coalición con Bulgaria e Hungría contra Grecia e Iugoslavia. Un mes máis tarde a Albania dominada por Italia viuse engrandecida co territorio de Kosovo. Ironicamente, o nacionalismo albanés conseguiu as súas metas baixo dominio estranxeiro.

Mapa do Mare Nostrum Italiano en 1942. A cor verde delimita as areas controladas por Italia, mentres que o vermello delimita as inglesas

O 22 de maio asinouse o Pacto de Aceiro, que consolidou a alianza entre as dúas ditaduras. Coa soa excepción da armada, as forzas italianas colaboraron coas alemás en Grecia e o norte de África. Dende a primavera de 1941 ata novembro de 1942 a Italia de Mussolini conseguiu espallar o seu control a toda a area central do Mediterráneo (Mare Nostrum Italiano).

Trala errada invasión da URSS (1941-42) e a entrada dos Estados Unidos na guerra (1941) a situación do Eixo deteriorouse. En maio de 1943 o mariscal Bernard Montgomery derrotou definitivamente ás Afrika Korps no norte de África e en xullo tropas aliadas invadiron Sicilia. O rei Victor Emmanuel III mandou arrestar a Mussolini e nomeou ao mariscal Badoglio primeiro ministro. Entre tanto, as tropas coloniais británicas lograran que Haile Selassie recuperase o trono etíope.

O novo goberno continuou oficialmente como aliado do eixo, pero comezou a negociar a paz cos aliados o que non gustou a Hitler que enviou tropas a Italia co pretexto de loitar contra a invasión aliada. O 8 de setembro de 1943 o novo goberno declarou un armisticio cos aliados, sen declarar a guerra a Alemaña, o que deixou desorientado ao exército. Badoglio e a familia real desprazáronse entón á zona controlada polos aliados. Na subseguinte confusión o exército italiano foi varrido polos alemáns (excepto en Roma e na illa grega de Cefalonia), quedando as tropas de Hitler como donas do norte de Italia que, tras a liberación de Mussolini, converteríase na República Social Italiana. Coa ocupación alemá xurdiu un movemento de oposición armada (a chamada Resistencia partisana) que aglutinou aos opositores ao fascismo e ao nazismo. A través dunha guerra de guerrillas os partisanos contribuíron a desestabilizar o poder dos alemáns e do goberno de Mussolini.

Mentres os aliados empurraban lentamente ás tropas alemás ao norte (Roma caeu en xuño de 1944 e Milán en abril de 1945) a monarquía finalmente declarou a guerra a Alemaña. A liberación italiana concretouse en abril de 1945.

A actualidade (dende 1945 en diante)[editar | editar a fonte]

No referendo de 1946, selouse o fin da monarquía, desprestixiada pola súa implicación na Segunda Guerra Mundial e a ditadura fascista, e o comezo da república, entrando en vigor unha nova constitución en 1948.

En 1949 Italia adheriuse á Organización do Tratado do Atlántico Norte e en 1955 uniuse ás Nacións Unidas. Ese mesmo ano, fundouse a Comunidade Económica Europea, antecesora da Unión Europea, da que Italia foi membro fundador. Italia participou dos avances en prol dunha política comunitaria, con participación en cousas como a creación do Euro (1999).

Durante a década dos anos 70 Italia sufriu unha crise política, debido a grupos revolucionarios defensores da loita armada, que chegou ao seu apoxeo en 1978 co asasinato do líder cristianodemócrata Aldo Mouro polas Brigadas Vermellas. A intervención dos servizos secretos italianos, aos que se lles considera responsables dunha estratexia "de tensión" que agravou a crise detiveron a miles de activistas de extrema-esquerda.

Romano Prodi, ex-primeiro ministro de Italia

Así mesmo, a política Italia foi salpicada por escándalos xudiciais. É coñecida a loita contra a mafia, que saltou á fama co asasinato do xuíz Giovanni Falcone (1992). O ex primeiro ministro Giulio Andreotti foi acusado de ser un padriño político da mafia. Tamén foi un escándalo o recoñecemento oficial da existencia da Operación Gladio. En 1992 os xuíces do Tribunal de Milán, o máis famoso Antonio Di Pietro, comezaron moitos procesos, coñecidos como Operación Mans Limpas, contra partidos políticos descubrindo unha corrupción enorme. A maioría dos deputados do Parlamento foron involucrados.

En 1994 aproveitando a crise dos partidos tradicionais, Silvio Berlusconi empresario mediático e propietario de tres cadeas de televisión privadas fundou un novo partido Forza Italia que gañou as eleccións, ao que dende entón se acusou de controlar os medios públicos así como de monopolizar as televisións privadas no seu favor. Berlusconi gobernou en coalición, co apoio de Liga Norte e outros partidos conservadores ou neofascistas por só oito meses. En 1996 gañou as eleccións unha coalición de centro esquerda, A Oliveira, sendo o novo primeiro ministro Romano Prodi. As tensións internas na coalición de esquerdas permitiron en 2001 a Silvio Berlusconi recuperar o poder. Baixo o seu segundo goberno, Italia foi membro da alianza que participou na loita antiterrorista de Estados Unidos, en Afganistán e Iraq, países nos que aínda mantén tropas.

O 9 e 10 de abril de 2006, nas eleccións xerais, a coalición de Berlusconi foi derrotada pola alianza centroesquerdista, L´Unione, que postulaba ao ex presidente da Comisión Europea e ex primeiro ministro Romano Prodi, por unha estreita marxe, que lle levou a depender dos senadores vitalicios no senado. Este novo goberno comezou un proceso de reformas para modernizar o país, pero tivo que encarar numerosas crises pola fraxilidade da coalición, como na elección dos presidentes do Congreso e Senado, que dividiu á coalición, ou a perda dunha moción de confianza sobre a política exterior, que se gañou a oposición dos comunistas.

O 25 e 26 de xuño de 2006 os italianos rexeitaron nun referendo a proposta do ex primeiro ministro Berlusconi para dar máis poderes ao xefe de goberno e dar os primeiros pasos ao federalismo. Os resultados foron unha vitoria política para Romano Prodi. Con todo, varias polémicas vencelladas a un caso de espionaxe móbil ou controversias sobre cambios na dirección da Garda de Finanzas seguiron pondo en xaque á política italiana.

En abril de 2008 Silvio Berlusconi gaña as eleccións e é nomeado primeiro ministro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Marco Palla Mussolini e il fascismo. Giunti, 1994, páxina 49

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Documentos de la historia de Italia

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Colomer, José Luis (dir). España y Bolonia. Siete siglos de relaciones artísticas y culturales. Centro de Estudios Europa Hispánica. ISBN 84-934643-5-X
  • Boccario, Piero (dir.) España y Génova. Obras, artistas y coleccionistas. Centro de Estudios Europa Hispánica. ISBN 84-933403-4-0

Véxase tamén[editar | editar a fonte]