Afrika Korps

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Deutsches Afrika Korps (De-Deutsches Afrikakorps-pronunciation.ogg pronunciación en alemán ) era unha forza militar alemá enviada ao norte de África en 1941 como respaldo das tropas italianas que estaban sendo derrotadas polos ingleses durante a II Guerra Mundial. O seu comandante era o Mariscal de campo Erwin Rommel, coñecido como o Raposo do deserto.

Avance da 39ª sección Panzerjäger pertencente ao Afrika Korps, 1942.

Tivo unha brillante actuación, combatendo en inferioridade de condicións contra as tropas británicas do xeneral Bernard Law Montgomery, ata ser derrotado na Segunda Batalla de El Alamein (23 de outubro ao 3 de novembro de 1942).

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A invasión de Grecia debilitara tamén a posición británica no norte de África. En febreiro de 1941, Hitler enviou en apoio aos italianos ao recentemente formado Afrika Korps, baixo as ordes do tenente xeral Erwin Rommel.

A finais de marzo, o Afrika Korps atacou as desguarnecidas tropas británicas de Cirenaica. A audacia de Rommel e a súa valiosa experiencia na utilización dos tanques, adquirida en Francia o ano anterior, sorprendeu completamente ás tropas de Wavell. A mediados de abril, os alemáns alcanzaron a fronteira de Exipto, capturaron ao xeneral O'Connor e illaron o porto de Tobruk, onde unha guarnición australiana tratou de aguantar a súa posición.

Wavell pediu urxentemente reforzos e en maio creu estar en condicións de emprender un contraataque. A pesar do éxito inicial, resultou un fracaso. En xuño tratou de endereitar unha nova ofensiva, que tampouco fraguou. En xullo, Wavell foi relevado e tomou o mando o xeneral sir Claude Auchinleck. Durante os seis meses seguintes, Auchinleck concentrou e organizou as súas tropas británicas e da Commonwealth no norte de África, e comezou a preparar unha campaña cuxo obxectivo era liberar Tobruk e recuperar Cirenaica. Tras un intento errado en novembro de romper o cerco de Tobruk, as tropas de Auchinleck conseguiron, con todo, o seu obxectivo o 10 de decembro. Liberada a praza, os ingleses proseguiron ata a cidade de Bengasi, que ocuparon o 24 do mesmo mes. Pero o éxito de Inglaterra foi transitorio.

A batalla do Alamein[editar | editar a fonte]

O 21 de xaneiro de 1942, Rommel volveu ao ataque e o 28 as forzas de Auchinleck replegáronse ao oeste de Tobruk. Tras un período de calma de case catro meses, Rommel renovou a ofensiva o 27 de maio. A finais de xuño, o Afrika Korps achábase próximo a El Alamein, cidade que apenas distaba 90 km de Alexandría e do Delta do Nilo. A partir dese momento, a sorte volveu as costas a Rommel e aos seus homes, quen empezaron a sufrir problemas de abastecemento. O 16 de xuño, un convoi angloestadounidense chegou a Malta e puxo fin aos ataques aéreos nazis sobre a illa. A finais de mes, os aliados comezaron desde a illa unha ofensiva contra os convois de aprovisionamento do Eixo que se dirixían ao norte de África. A mediados de xullo, só un barco de cada catro chegaba ao seu destino. As tropas de Auchinleck lograron conservar as súas posicións e o 10 de xullo iniciaron unha serie de pequenos contraataques. A finais de xullo, ambos os contendentes achábanse demasiado esgotados para continuar o combate, e Auchinleck suspendeu a ofensiva.

En agosto, Auchinleck foi substituído como comandante en xefe polo xeneral Harold Alexander, e o tenente xeneral Bernard Law Montgomery tomou o mando en calidade de xefe de operacións das forzas do Deserto Occidental, que en diante comezaron a chamarse o VIII Exército ou Ratas do Deserto. Alexander reorganizou a liña de defensa británica e ordenou aos seus homes que se mantivesen nas súas posicións. O 31 de agosto, Rommel renovou o ataque a El Alamein, pero non logrou rexeitar aos británicos. O 2 de setembro 'O Raposo do deserto', como xa se coñecía a Rommel nos dous bandos, comezou a retirar as súas tropas e a dar ordes de que se mantivesen á defensiva. A finais de mes enfermou e tivo que volver a Alemaña.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Afrika Korps