Pretor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Roma
Monarquía
República
Imperio
Principado Dominado
Imperio de Occidente Imperio de Oriente
Maxistrados Ordinarios:
Maxistrados Extraordinarios:
Oficiais e Títulos:
Institucións e normas:

Un pretor (do latín prætor) era un maxistrado romano cuxa xerarquía era inmediatamente inferior á do cónsul. Hoxe xuíz menor.

Nos primeiros tempos da república romana, o termo pretor servía para designar aos cónsules, porque estaban colocados á fronte dos exércitos. Pero no ano -366 creouse en Roma co título particular de pretor, unha nova maxistratura, cuxa función consistía en administrar xustiza. Os plebeos non chegaron á pretura senón ata o -337.

O pretor na antiga Roma[editar | editar a fonte]

Eran os encargados de presidir os tribunais, durante un ano, aínda que finalizado este tempo podían converterse en propretores e gobernar outro ano sobre uns territorios determinados. Eran oito, e podían considerarse os axudantes dos cónsules.

O pretor de Roma dividiu as súas funcións a partir do -246: o Praetor Urbanus ocupouse das cuestións dos cidadáns; e o Praetor Peregrinus das cuestións suscitadas entre cidadáns e non cidadáns. A división de funcións foi necesaria polo incremento das causas.

O cónsul perdeu as funcións xudiciais civís en favor dun maxistrado curul designado como pretor, por prazo dun ano, quen posuía o imperium e figuraba entre os maxistrados de maior xerarquía. O seu nomeamento recaeu nos Comicios Centuriados e co mesmo cerimonial relixioso que se usaba para a elección do cónsul. A insignia do seu cargo era a toga pretexta. Ao pretor correspondían ademais as funcións consulares cando os cónsules estaban ausentes.

O pretor era patricio ata o -337 en que puideron acceder á pretura os plebeos. Progresivamente os plebeos ostentan a maxistratura na maioría das ocasións.

Máis tarde xurdiu un segundo pretor (chamado Praetor Peregrinus) encargado de resolver os asuntos civís suscitados entre cidadáns e visitantes non cidadáns.

A medida que a dominación romana se estendeu fóra de Italia, creáronse os chamados praetores provinciales, destinados a gobernar os países conquistados e comandar os exércitos, cando había varios campos de operacións. Os pretores entón tiñan o dereito de publicar edictos. Sobre a porta do seu tribunal había unha pedra branca, onde cada pretor novo, ao entrar en funcións, facía gravar o seu edicto, é dicir, anunciaba as regras de dereito segundo as cales se administraría xustiza durante o curso da súa maxistratura. Cando atopaban lagoas na lexislación, os pretores redactaban as regras necesarias sobre o caso que se presentaba; ou se xulgaban que as do dereito antigo non conviñan ás novas necesidades, sen abrogalo expresamente, temperaban o seu rigor.

Esta lexislación anual tiña a vantaxe de seguir facilmente os progresos da civilización; serviu para perpetuar o ius ciuile e regular o paso dese dereito ao ius gentium.

En tempos de Adriano, o xurisconsulto Salvius Iulianus reuniu e ordenou todos os edictos dos pretores, ese corpo de edictos recibiu o nome de edictum perpetuum (edicto perpetuo).

Os pretores subsistiron ata fins do imperio, pero, aos poucos, desposuídos das súas antigas atribucións, acabaron por conservar unicamente a intendencia dos xogos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]