Véneto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Véneto
Veneto
Vèneto
Bandeira de Véneto
Bandeira
 
Italy Regions Veneto Map.png
 
Estado Italia Italia
Capital
 • Poboación
Venecia
270.589 (2009)
Linguas
 • Oficiais
italiano, véneto1
Italiano e véneto
Estatus
 • Doge
Rexións de Italia
Giancarlo Galan (PdL)

Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 8º
18.391 km²

km
km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 5º
4.874.886
265 hab./km²
Xentilicio
Fuso horario
 • en verán
UTC+1
UTC+2
Dominio de Internet .it
Código ISO
1 Aínda que a lingua véneta non goza de recoñecemento por parte do goberno italiano, con todo foi aprobada por maioría total unha proposta lexislativa que recoñece ao idioma como lingua oficial da rexión o 28 de marzo de 2007.
Páxina Web Oficial
Subdivisións de Italia

Véneto[1] (en italiano: Veneto, en véneto: Vèneto) é unha rexión de Italia situada na parte nororiental da península itálica. Conta con preto de cinco millóns de habitantes, e a súa capital é a cidade de Venecia. Limita ao leste con Friuli-Venecia Giulia, ao norte con Austria (Tirol e Carintia), a noroeste co Trentino-Tirol do Sur, ao oeste coa rexión da Lombardía, ao sur coa Emilia-Romaña e ao leste co Mar Adriático.

Grazas ao seu patrimonio paisaxístico, histórico, artístico e arquitectónico, a rexión do Véneto é, con máis de 60 millóns de turistas ao ano, a rexión máis visitada de Italia, así como unha das principais de Europa e do mundo, debido principalmente á atracción de cidades de grande importancia artística e histórica como é o caso de Venecia, Verona, Padua ou Vicenza. Véneto ademais é unha das dúas rexións cuxos habitantes foron denominados "popolo" (pobo diferenciado) polo parlamento italiano, xunto coa rexión de Sardeña.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Monte Pomagagnon, no Ampezzo.

Cunha superficie de 18.390 km², Véneto constitúe a oitava rexión italiana por superficie. O punto máis setentrional é Cima Vanscuro (na fronteira con Austria) e o punto máis meridional é a Punta di Bacucco (foz do Po di Ariano). O seu territorio é morfoloxicamente moi variado, prevalecendo a chaira (56,4%), aínda que tamén ten extensas zonas montañosas (29,1%) e, en menor medida, outeiros (14,5%).

A montaña véneta comprende o 70% da totalidade dos Dolomitas na provincia de Belluno. Esta área, de particular beleza e de alto valor turístico, inclúe o Cadore, o Comelico, o Ampezzano e o Agordino. Entre as montañas máis elevadas encóntranse a Marmolada, famosa por ser paso habitual no Giro de Italia. O treito de outeiros é moi variado e inclúe os prealpes vénetos, dende Cansiglio no leste até os montes Lessini no oeste, pasando polo macizo do Grappa e o altiplano de Asiago.

Na chaira véneta están presentes os maiores relevos da chaira padana (territorio no que está integrada): os Montes Euganeos, que se erguen, totalmente illados na chaira, ao sudoeste de Pádua, seguidos, a pouca distancia, dos Montes Berici, ao sur de Vicenza. Outras montañas e montes se erguen ao longo da chaira formando un arquipélago de montañas.

A chaira véneta está atravesada por algúns dos ríos italianos máis importantes, de sur a norte, o Po, o Adige, o Brenta, o Piave, o Livenza e o Tagliamento, así como dunha serie de canais artificiais. Achegándose ao mar a chaira confúndese con algunhas das zonas húmidas máis interesantes e extensas de Italia: o Delta do Po, que constitúe un parque rexional, e a Lagoa Véneta, que limita ao sur pola foz do Brenta e ao norte polo río Sile. Máis ao norte encóntrase a lagoa de Caorle, hoxe illada da Lagoa de Venecia, mais antigamente integrada no mesmo sistema de lagoas, que se estendía de Rávena a Grado. Ao oeste, a cabalo entre o Véneto, Lombardía e Trentino, encóntrase o Lago de Garda, o máis extenso lago italiano.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima cambia significativamentre entre un área e outra. Continental nas chairas, o clima é máis suave ao longo da costa adriática, preto de Lago de Garda e nas zonas montañosas. As terras baixas están a miúdo cubertas por unha espesa néboa. As precipitacións son en xeral escasas (750 mm/ano) xunto ao río Po, e máis abundantes (750-1.100 mm/ano) en altitudes máis altas. Os valores máis altos (até 3.200 mm/ano) rexístranse nos prealpes Bellunese e na meseta de Asiago.

Historia[editar | editar a fonte]

Restos romanos de Aquileia, cidade construída polos romanos para axudar aos seus aliados Veneti

Período venético[editar | editar a fonte]

Entre os I e II milenio a.C., a rexión estaba habitada polos Euganei. Segundo antigos historiadores, os Veneti (ás veces chamados Paleoveneti), viñeron de Paflagonia en Anatolia, no momento da caída de Troia, dirixida polo príncipe Antenor, un compañeiro de Eneas.

Nos séculos VII e VI séculos a.C. as poboacións locais de Veneto, entraron en contacto cos etruscos e os gregos. A cultura Venética chegou a un punto culminante durante o século IV a.C. Estes antigos venecianos eran de fala venética, unha lingua indoeuropea semellante, mais distinta, ao latín e as outras linguas itálicas, que non se debe confundir coa actual lingua véneta. Mentres tanto, os venecianos prosperaron a través do seu comercio de ámbar e foron ben coñecidos pola súa cría de cabalos. Con todo, co tempo, os venecianos empezaron a adoptar o vestido e algunhas outros costumes dos seus veciños celtas.

Período romano[editar | editar a fonte]

Durante a Segunda Guerra Púnica (do 218 ao 202 a.C.), os venecianos, enviaron un continxente de soldados para combater xunto cos romanos contra os cartaxineses de Aníbal. Cos tempo a república romana transformou a súa alianza cos venecianos nunha relación de dominación. Despois do 91 a.C. as cidades da Veneti, xunto co resto de Transpadania, recibiron parcialmente os dereitos de cidadanía romana, de acordo coa Lex Pompeia Transpadanis, para anos máis tarde, no 49 a.C, recibila de pleno. Despois da batalla de Filipos (42 a.C.), que terminou a Guerra Civil romana, as terras dos Veneti, xunto co resto da Galia Cisalpine, deixaron de ser unha provincia e o territorio dos Veneti, que incluía a Friuli moderna, converteuse na rexión X (Venetia et Histria) dunha nova entidade denominada Italia. Pouco a pouco a poboación foi adoptado a lingua latina e a cultura de Roma. Así, a finais do século I, o latín desprazou finalmente ao venético.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Placa conmemorativa da Liga Lombarda

A mediados do século VIII, os francos asumiron o control político da rexión, converténdose en parte do Imperio Carolinxio. Aínda que politicamente dominantes, estes invasores xermánicos foron gradualmente absorbidos pola poboación de Venecia a través dos séculos. No século X, a parte continental de Venecia, despois de sufrir as invasións dos húngaros e dos eslavos, incorporouse ao Sacro Imperio Romano, medrando pouco a pouco os municipios da península en poder e riqueza.

En 1167 unha alianza (a chamada Liga lombarda) formouse entre as cidades de Venecia, Padua, Treviso, Vicenza e Verona, xunto con outras cidades do norte de Italia, para facer valer os seus dereitos contra o emperador do Sacro Imperio Romano. O Segundo Tratado de Constanza en 1183 confirmou a Paz de Venecia de 1177 no que as cidades ratificaron seguir sendo parte do Imperio, a condición de que a súa xurisdición sobre os seus propios territorios non fose infrinxida.

Porén, a Liga disolveuse pola morte do Emperador Federico II en 1250. Este período tamén foi testemuña da fundación da segunda universidade máis antiga de Italia, a Universidade de Padua, en 1222. Durante estes anos, Padua tamén foi o fogar de Santo Antón, chamado simplemente "il Santo" ("o Santo") polos habitantes da cidade.

República de Venecia[editar | editar a fonte]

Imperio de Véneto entre os séculos XV e XVI
A República de Venecia en 1796, antes de ser invadida por Napoleón Bonaparte
Venecia, capital do Véneto
Artigo principal: República de Venecia.

Venecia obtivo a súa independencia total no século IX. Na Alta Idade Media, expandiuse grazas ao control do comercio con Oriente e aos beneficios que isto supuña, expandíndose polo mar Adriático, aproximadamente desde 991 co reinado de Piero II Orseolo, baixo cuxo réxime empezou a expansión veneciana polas costas de Dalmacia, ao momento de que a mediados do século XI unha bula papal recoñeceu a soberanía de Venecia sobre toda a costa oriental do Adriático.

O apoxeo de Venecia acadou o seu cénit na primeira metade do século XV, cando os venecianos comezaron a súa expansión por Italia como resposta ao ameazador avance de Gian Galeazzo Visconti, duque de Milán. En 1410, Venecia controlaba a maior parte do Véneto, incluíndo cidades como Verona, Padua e Udine e máis tarde Brescia e Bérgamo (chamadas colectivamente o Stato dei Terraferma), controlando unha frota de case 3.300 navíos. O mar Adriático converteuse no "mare veneziano", desde Corfú até o río Po, as posesións do Stato dei Mare alcanzaban Chipre, Creta, Eubea, varias illas do Mar Exeo e numerosos enclaves nos Balcáns, mentres as frotas venecianas mantiñan activo comercio con todo o Mediterráneo, estendendo a súa rede de contactos mercantís por toda Europa e Medio Oriente dende Inglaterra até Exipto, sendo que a mesma cidade de Venecia superaba os 100.000 habitantes, cifra moi elevada para a época.

Porén, co pasar dos anos a república foi caendo, e cara ao século XVIII, a Serenísima República non era máis que unha pálida sombra do que foi. O comercio na Mediterráneo era agora compartido con Xénova e Livorno (que se achaban baixo protección española e non estaban expostas a ataques otomanos), mentres que en 1719 Austria declaraba a súa posesión de Trieste como porto libre e así evitaba a intermediación mercantil veneciana; tanta competencia comercial reduciu aínda máis as fontes de riqueza da República. Outra guerra en alianza con Austria e contra Turquía entre 1714 e 1718 terminou coa perda total do Peloponeso a cambio de minúsculas conquistas en Albania e Dalmacia, beneficiando novamente a Austria como nova gran potencia en detrimento do Imperio Otomán.

A inicios de 1797, o territorio de Venecia foi invadido polas tropas do Xeneral Napoleón Bonaparte, tanto por terra como por mar, as cidades do Stato dei Terraferma rendéronse rapidamente ante a superioridade numérica francesa, mentres que a propia frota de guerra veneciana estaba formada por só once barcos útiles incapaces de resistir. O goberno afrontou en abril un ultimato de Napoleón Bonaparte mentres a inicios de maio as tropas francesas terminaban de ocupar o Stato dei Terraferma, faltando tan só ocupar a capital mesma. O Gran Consello reuniuse finalmente o 12 de maio para disolverse e instaurar un "goberno representativo", mais catro días despois tropas francesas tomaron a urbe extinguindo definitivamente a República. Tras a firma do Tratado de Campoformio en outubro do mesmo ano, repartiuse o territorio de Venecia entre Francia e Austria. En 1866 o Véneto e Venecia incorporáronse a Italia.

Período italiano[editar | editar a fonte]

En 1866 despois da Terceira Guerra da Independencia e un controvertido referendo, Veneto foi anexionada a Italia. Nun esforzo por italianizar á poboación, a lingua veneciano deixou de ser recoñecida e foron contratados funcionarios públicos doutras rexións.

Debido ao desigual desenvolvemento económico moitos habitantes do país chegaron á pobreza, polo que o século XIX e o comezos do XX convertéronse nun período de emigración. Millóns de venecianos deixaron os seus fogares e a súa terra natal para buscar oportunidades noutras partes do mundo. Moitos estabelecéronse en América do Sur, especialmente na rexión de Rio Grande do Sul en Brasil, e en outros países como Australia, Canadá ou os Estados Unidos. Despois da Segunda Guerra Mundial moitos venecianos emigraron a países de Europa occidental. En moitos destes lugares os seus descendentes mantiveron o uso dos seus dialectos ancestrais venecianos.

Administración e política[editar | editar a fonte]

Goberno[editar | editar a fonte]

O Véneto é unha democracia representativa presidencial. O Presidente da Rexión, alcumado coloquialmente Gobernador ou Doge, en lembranza do nome tradicións venecianas, é tamén o xefe do goberno rexional. O poder lexislativo é exercido polo Consello Rexional, o parlamento local. O estatuto, é dicir, a constitución rexional, promulgouse o 22 de maio de 1971. A pesar de que recoñece aos habitantes como un "pobo" (é dicir, un pobo distinto do pobo italiano), a rexión non posúe un nivel de autonomía comparable aos veciños das rexións de Friuli-Venezia Giulia e Trentino-Tirol do Sur. Esta é a razón pola que moitos municipios celebraron referendos para unirse a estas rexións.

Divisións administrativas[editar | editar a fonte]

Véneto está dividido en sete provincias e 581 concellos. Das sete provincias a de Padua é a máis poboada e a que ten unha maior densidade de poboación, con 424,81 habitantes por km² , que chegan aos 2.268,5 na capital homónima da provincia. En contraste a capital do país, Venecia, ten unha densidade relativamente baixe, de 646,71. A provincia con menos densidade é a de Belluno, con 58,08 hab./km², que é a máis extensa e montañosa.

Provincias do Véneto
Provincia Area (km²) Poboación Densidade
Provincia de Belluno 3.232 345.547 106,9
Provincia de Padua 3.514 983.073 279,8
Provincia de Rovigo 4.504 225.142 50,0
Provincia de Treviso 1.218 340.387 279,5
Provincia de Venecia 1.773 389.495 219,7
Provincia de Verona 1.157 203.449 175,8
Provincia de Vicenza 2.448 409.251 167,2

Política[editar | editar a fonte]

Bandeira da República de Venecia, que é a utilizada preferentemente polo movemento nacionalista

Tradicionalmente unha rexión moi católica, o Véneto foi un bastión da Democracia Cristiá. Hoxe en día está gobernado por unha coalición de centro-dereita, que goberna a rexión dende 1995 baixo a presidencia de Giancarlo Galán, antigo afiliado a Forza Italia, agora do Pobo da Liberdade. A coalición de goberno componse tamén da Liga Veneta-Lega Nord e a Unión dos Demócratas Cristiás e de Centro (UDC).

Nacionalismo veneciano[editar | editar a fonte]

O movemento político nacionalista de Véneto comezou a gañar importancia durante os anos 1970 e 1980, esixindo unha maior autonomía para a rexión, ou mesmo a independencia, e a promoción da cultura, lingua e historia venecianas. A raíz disto naceu a Łiga Vèneta (Liga Véneta) en 1980, ademais de outros partidos nacionalistas como a Liga Veneta Repubblica ou o Progetto NordEst (Proxecto NordEste), aínda que estes dous últimos nunca chegaron a ter a popularidade da Liga Véneta, membro fundador da Lega Nord en 1991.

Hoxe en día a Łiga Vèneta-Lega Nord adoita conseguir resultados considerables tanto nas eleccións locais como nas nacionais. Por exemplo os alcaldes de Verona e Treviso son deste partido, así como os Presidentes das provincias de Belluno, Treviso, Venecia e Vicenza. Nas eleccións xerais de 2008 Lega Nord acadou o 27,1% dos votos.

Cultura[editar | editar a fonte]

Carnaval de Venecia
Cabalos de San Marcos, patrón do Véneto

Linguas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Lingua véneta.

No Véneto fálanse catro linguas diferentes ao italiano. Ademais do véneto e do italiano, presentes en todo o territorio, coexisten varias áreas lingüísticas, particularmente o ladino nalgúns concellos da provincia de Belluno, friulano no Mandamento de Portogruaro e o cimbre, un antigo dialecto do alemán, no altiplano de Asiago, na Lessina veronesa e no concello de Sappada.

Cómpre sinalar, que tamén son venetófonas algunhas áreas nas rexións limítrofes de Friuli-Venezia Giulia (parte da provincia de Pordenone, toda a zona costeira dende Lingnano Sabbiadoro até Muggia, no Trentino meridional e en parte da provincia de Mantova. A proposta lexislativa que recoñece o véneto como lingua oficial na rexión foi aprobada polo Consello Rexional Véneto cunha grande maioría e ningún voto contrario o 28 de marzo de 2007.

Educación[editar | editar a fonte]

O Véneto acolle unhas das máis antigas universidades do mundo, a Universidade de Padua, fundada en 1222, que contaba en 2003 con 65.000 estudantes. Segundo a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico a educación a nivel escolar da zona do nordés de Italia, cuxa poboación é principalmente do Véneto, é das máis altas do estado.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Véneto é unha importante zona vitícola. Entre os mellores viños pódense destacar: o Soave, o Bardolino, o Recioto, o Amarone, o Torcolato, o Prosecco, o Tocai Rosso, o Garganega ou o Valpolicella. Outros, máis comúns son os viños Verduzzo, Raboso, Moscatel, Cabernet Franc, Pinot Nero, Pinot Grigio e Merlot, estando moi estendida a elaboración do viño na casa. Despois de facer o viño, o alcol da uva prensada destílase para producir graspa, un licor con gradación alcohólica que varía entre 40 e 50 graos.

Tamén son famosos os queixos do país, destacando o Asiago, o Monte Veronese, o Piave, o Morlacco ou o Grana Padano. Outros produtos destacables son a carne de porco e derivados, os espárragos de Cimadolmo, as xudías de Lamon ou o radicchio vermello de Treviso, unha verdura típica.

Festas[editar | editar a fonte]

Cada cidade, ou mesmo cada barrio, ten o seu propio patrón cuxas festas son solemnemente celebradas. Entre as festas máis populares do país destacan o famoso Carnaval de Venecia, a festa de San Marcos, a Vendima, San Nicolás ou o Nadal.

Poboación[editar | editar a fonte]

Verona, segunda cidade máis poboada do Véneto
Basílica de San Marcos, en Venecia

Demografía[editar | editar a fonte]

O Véneto ten aproximadamente 4,8 millóns de habitantes, sendo a quinta rexión máis poboada de Italia, tendo ademais unha das maiores densidades de poboación (265 habitantes por km² en 2008). Isto é particularmente certo nas provincias de Padua, Venecia e Treviso, onde os habitantes por km² están por riba de 300, mais na provincia de Belluno esta descende até 57 habitantes por km².

Do mesmo xeito que as demais rexións do norte e o centro de Italia, aínda que con certo atraso, Véneto estivo experimentando unha fase de moi lento crecemento da poboación causado polo espectacular descenso da fecundidade. A poboación total foi en aumento até o momento, aínda que lixeiramente, debido á inmigración, por mor do impresionante crecemento económico das últimas dúas décadas. En 2008, o Instituto Nacional Italiano de Estatísticas (ISTAT) estima que 403.985 inmigrantes nacidos no estranxeiro viven no Veneto, o que supón 8,3% do total da poboación.

Relixión[editar | editar a fonte]

O Véneto pronto se converteu ao cristianismo. O país venera como os seus patróns ao bispo do segundo século San Hermágoras e ao seu diácono San Fortunato.

En 2004 máis do 95% da poboación dicía ser católica romana. A rexión de Véneto, xunto coas rexións de Friuli-Venezia Giulia e Trentino-Tirol do Sur forman a rexión eclesiástica do Triveneto, baixo o Patriarcado de Venecia. A Arquidiocese de Venecia foi elevada a Patriarcado de Honra polo Papa o 8 de outubro de 1457. Durante o século XX tres dos patriarcas, Giuseppe Sarto, Angelo Roncalli e Albino Luciani foron elixidos Papa como Pío X, Xoán XXIII e Xoán Paulo I, respectivamente. O Patriarcado de Venecia ten como patrón a San Marcos, polo que o símbolo que representa a este evanxelista, o león alado, converteuse no símbolo da República de Venecia e aparece hoxe na súa bandeira.

Economía[editar | editar a fonte]

Tenda de Benetton, unha das moitas grandes compañías venecianas de moda

Despois de ser unha rexión moi pobre o Véneto transformouse nunha das rexións máis ricas do país. A agricultura segue tendo un papel importante. Véneto é por exemplo unha dos maiores produtores vitivinícolas de Italia: Valpolicella e Prosecco son típicos viños venecianos. Ademais nas zonas costeiras ten unha especial importancia a pesca.

Mais sobre todo o desenvolvemento industrial ha feito posible a transformación da rexión. Nas costas están refinarías e estaleiros. Noale, na provincia de Venecia, é a sede do produtor de motocicletas Aprilia. En Porto Tolle, en provincia de Rovigo, existe a central termoeléctrica máis grande de Italia. A industria da moda é moi forte: Benetton, Geox e Diesel son marcas venecianas. Luxottica é o maior produtor mundial de lentes.

Véneto é tamén a primeira rexión turística de Italia, con 60 millóns de chegadas en 2007 e a segundo en canto a industria hoteleira despois da Emilia Romaña. Venecia e as capitais das provincias así como as localidades máis pequenas como Cortina d'Ampezzo nas Dolomitas, Peschiera e Malcesine no litoral do lago de Garda, o centro termal Abano Terme, as localidades balnearias Jesolo e Caorle, as vilas palladianas atraen un gran número de turistas. Véneto ten unha renda per cápita de 28.643€. En canto a PIB rexional, con 135 mil millóns de euros é a terceira rexión italiana, despois da Lombardia e o Lazio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para véneto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]