Rómulo Augústulo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rômulo Augusto.
Solidus de Romulo Augústulo

Rómulo Augústulo foi o derradeiro emperador do Imperio Romano de Occidente, entre os anos 475 e 476.

Naceu en Ravenna no 461, fillo de Flavio Orestes e mais unha dama romana de alto avoengo, condición necesaria para o seu nomeamento. O seu nome de Rómulo puxéraselle en honor do tío de Orestes e Augustus era o título dos emperadores, pero dada a súa curta idade, os romanos chamáronlle Augustulus (pequeno emperador).


Nomeamento[editar | editar a fonte]

Flavio Orestes fora notario na corte de Atila. Pero as complexidades da política do Imperio nos seus derradeiros intres, levouno a ser nomeado magister militum polo emperador Xulio Nepote no ano 475. Este nomeamento faise en oposición de Gundebaldo, tamén magister militum e nomeara antes o emperador Glicerio, quen entregara o seu trono a Xulio Nepote. Pero Gundebaldo abandonara neses intres Italia para lle axudar ao seu tío, quen estaba sendo atacado por Eurico, rei dos visigodos. Gundebaldo era burgundio e xa nunca regresou a Italia coma magister, senón coma rei dos burgundios, xa que era a súa herdade.

Pero o nomeamento de Orestes ten outras consecuencias, xa que Xulio Nepote deixa Italia para atender os seus asuntos na Dalmacia, da que era magister militum e verdadeiro gobernador nela, xa que esa provincia practicamente era independente de Roma naqueles anos, a raiz da súa separación e acontecementos ocorridos tras a morte do emperador Maioriano.

Esta ausencia do emperador, que navegaba cara a Solona, é aproveitada por Orestes para dar un Golpe de Estado, noméase a si mesmo coma patricio, e pola súa condición de arriano non pode proclamarse emperador, pero seguindo a tradición dos magistres militum do século V, nomea un emperador títere, que neste caso é o seu fillo de 15 anos, Rómulo Augústulo.

Porén, o verdadeiro poder queda en mans de Orestes, que toma todas as decisións que lle competen ao seu fillo. Un dos maiores problemas co que se atopa é o de pagar as diversas tropas de bárbaros que compoñían o exército imperial, xa que a ausencia de ouro obrigouno a cruñar moeda nas Galias coa imaxe de Rómulo. Pero estes pagos non son suficientes, o que fai que os hérulos, escirianos e outros pidan en troques terras para o seu pago, ao que se nega Orestes. Esta negativa fai que os soldados tornen e soliciten axuda a Odoacro, un pequeno rei dos hérulos, quen lles promete a súa axuda se o nomean rei. Isto ocorre en agosto do ano 476.

Deposición[editar | editar a fonte]

O 28 de agosto, Odoacro fai prisioneiro a Orestes en Piazenza e dálle morte, o mesmo lugar onde morrera o emperador Avito. O día 31 do mesmo mes entra e ocupa Ravenna, matando a Paulo, o irmán de Orestes. Fai que Rómulo Augústulo abdique, dándolle unha cantidade de 6.000 soldos de ouro ao ano, condenándoo ao exilio no castelo de Lucullus, na Campania. Ao lle conservar a vida hai que velo coma unha imaxe de Odoacro e a intención do seu recoñecemento por parte da Igrexa. O derradeiro acto de Rómulo Augústulo foi o enviar una carta ao emperador Zenón, xunto coas insignias imperiais, onde lle expoñía dun só emperador para o imperio, o de Constantinopla. Este envío das insignias imperiais interprétase como o final e derradeiro acto do Imperio Romano de Occidente, o "facedor" de civilizacións e culturas nos seus dominios. Máis de setecentos anos dende que Roma comezara a súa expansión remataran para sempre, aínda de que a consciencia deste remate non chegue deica mais tarde, cando o Imperio Bizantino, o herdeiro do Imperio Romano, faga que as antigas terras do imperio sexan conquistables por medios militares.

O Senado Romano tamén explica nesa carta que, ao non ter necesidade doutro emperador en Occidente, os asuntos do imperio podería levalos Odoacro como Patricio, garantindo a gobernabilidade de Italia. Pero Zenón prometera axuda a Xulio Nepote, para a súa restauración. Odoacro tamén escribe a Xulio Nepote coa mesma intención de gobernar no seu nome, ao que Xulio Nepote lle ofrece o título de patricio até el poda volver a Italia, pero nunca mais volverá a Roma.

Do que foi Rómulo Augústulo non se sabe case nada. Sábese que quedou na Campania, pedindo permiso de matrimonio cunha nobre romana ao bispo de Milán. Tamén hai unha nova dun tal Rómulo que foi á corte do rei Teodorico o Grande a solicitarlle asilo xunto coa súa nai, pero non está identificado co antigo emperador.

Imperio Romano

Segue a:
Xulio Nepote
Rómulo Augústulo
Precede a:
Caída do Imperio Romano
Derradeiros emperadores