Lacio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para consultar o artigo sobre o equipo de fútbol, vexa Società Sportiva Lazio
Colosseo de Roma (Lazio).

Lacio é unha rexión administrativa da Italia central de case 5,5 millóns de habitantes, con capital en Roma. Limita ao noroeste coa Toscana, ao norte coa Umbria, ao nordeste coas Marcas, ao leste co Abruzzo e Molise, ao sueste coa Campania e ao sudoeste co mar Tirreno. No seu interior encóntrase a Cidade do Vaticano.

Etimoloxía do nome[editar | editar a fonte]

O nome da rexión provén de latium, nome que lle daban aos latinos, devanceiros dos antigos romanos; aínda que tamén podería provir de Laurentino (Latino) rei de Laurentia, antiga cidade da chaira de Laureto (Lauretum). A mitoloxía romana fala do rei Latino.

A lingüística moderna postula que as orixes do nome latium residen na raíz proto-indo-europea *stela- ("espallar", "estender"), que expresa idea de "terreo de natureza plana" (caso que se dá no lugar con contraste de altitudes cos veciños sabinos, ademais dos seus primitivos habitantes ter vido dos Apeninos). Porén, o nome pode ter as súas orixes nunha lingua aínda anterior, non indo-europea .[1])

Antigamente o territorio do Lacio abranguía o curso baixo do río Tíber polo norte, e os montes Ausonios, nas proximidades de Terracina, polo sur; tendo os Apeninos pola banda oriental.[2]

Segundo unha moi discutida tese de Giovanni Semerano, o termo derivaría por aférese da voz acadia illatum, ellatum (que significa confederados), e do que provería tamén ao termo grego Έλλάς-Έλλάδος («Hélade»). Neste caso o nome faría referencia á confederación Albana dos pobos latinos.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O Lazio, rexión do centro de Italia, colócase na zona central do mar tirrénico e ocupa 17.203 km² de territorio italiano, estendéndose dos Apeninos ao mar Tirreno.

O seu territorio non presenta características físicas homoxéneas e poderíase dicir que se caracteriza por unha forte heteroxeneidade. É un territorio prevalentemente montañoso e con zonas de outeiros, con algunhas chairas próximas á zona costeira. Os outeiros ocupan o 54% do seu territorio e as montañas o 26,1%, ocupando as chairas o restante 19,9% desta rexión. Partindo do noroeste da rexión, encontramos tes grupos montañosos de modestas dimensións: os Montes Volsini, os Montes Cimini e os Montes Sabatini. Estes grupos montañosos comparten a súa orixe volcánica, testemuñada, ademais de polos elementos xeolóxicos da zona, pola presenza en cada un de un lago: o Lago de Bolsena nos Volsini, o lago de Vico nos Cimini e o Lago de Bracciano nos Sabatini. Estas montañan descenden cara a chaira mariña ao oeste e cara o val do Tíber ao este, as dúas chairas laciais máis setentrionais.

Golfo di Gaeta (Lacio)

Na parte oriental de Lacio, encóntranse os cumios máis altos da rexión, que acadan cos Montes da Laga nos 2458 m do Gorzano o seu punto máis alto. Trátase, esta, dunha pequena parte dos Apeninos, que corre diagonalmente de norte a sur. Aquí tamén atopamos os grupos montañosos dos Montes Reatin, os Montes Sabini, os Montes Simbruini e os Montes Ernici. No Lacio meridional central, partindo dos altos de Albani, atopamos toda unha serie de grupos montañosos, que corren paralelos aos Apeninos, dos que están separados polo Val da Ciociaria, onde están os ríos Sacco e Liri, e que terminan no Tirreno perto da fronteira coa Campania; trátase dos Montes Lepini, os Montes Ausoni e os Montes Aurunci. Os altos de Albani tamén teñen orixe volcánica e teñen lagos da mesma orixe. Este lagos son numerosos e entre outros están o Lago de Albano e o de Nemi. A costa lacial é moi regular, baixa e areosa, aínda que hai algunhas excepcións como o Cabo Linaro ao sur de Civitavecchia, a foz do Tíber entre os concellos de Roma e Fiumicino; ao sur do río encontramos sucesivamente o promontorio dos concellos de Anzio e Nettuno, o monte Circeo, que se ergue illado entre mar e terra, e o promontorio de Gaeta, xa chegando ao límite coa Campania. Mesmo diante de Gaeta encóntrase o arquipélago de Pontino, composto por seis pequenas illas, todas de orixe volcánica. O Tíber é o maior río da rexión, onde chega procedente da Umbría, primeiro cun percorrido cara o sueste, que posteriormente tornará en sentido suroeste, para atravesar toda a área romana cara o mar. Os principais afluentes de Tíber son o Paglia e o Treia, na ribeira esquerda, e o Nera e o Aniene na faixa dereita. Máis ao sur, cun andamento que recorda ao Tíber encontramos o Sacco e o Liri, mentres na parte setentrional da rexión encontramos outros ríos menores como o Fiora, o Marta e o Arreone, que baixan directamente ao mar cun percorrido relativamente breve.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima da rexión presenta unha importante variabilidade dependendo da zona. En xeral, ao longo da faixa costeira, os valores da temperatura varían entre os 9º-10 °C de xaneiro e os 24º-25 °C de xullo. As precipitacións escasean no treito costeiro setentrionais. Conforme se vai entrando cara o interior da rexión, vanse acentuando as características de continentalidade con maiores diferenzas térmicas. Os invernos son máis fríos que na costa, podendo acadar temperaturas próximas a 0 °C nas noites de inverno. Mesmo algunha vez nevou na propia cidade de Roma.

División administrativa[editar | editar a fonte]

Provincias de Lacio

A rexión de Lacio divídese en 5 provincias:

As principais cidades da rexión son:

Pos. Concello Prov. Habitantes
1 Roma RM 2.698.872
2 Latina LT 113.998
3 Guidonia Montecelio RM 76.911
4 Aprilia LT 64.648
5 Fiumicino RM 61.019
6 Viterbo VT 60.516
7 Pomezia RM 52.465
8 Tivoli RM 51.857
9 Civitavecchia RM 51.388
10 Velletri RM 51.042
11 Anzio RM 48.437
12 Frosinone FR 48.197
13 Rieti RI 47.165
14 Terracina LT 42.875
15 Nettuno RM 42.361

Turismo[editar | editar a fonte]

Igrexa de Santa Maria Maggiore en Alatri (Lacio)

Lacio é importante na cultura italiana e europea polos seu contidos históricos, artísticos, arqueolóxicos, arquitectónicos, relixiosos e culturais. O inmenso patrimonio que contén a cidade de romo é só un entre unha inmensidade de puntos de interese, vilas, igrexas, mosteiros, monumentos e sitos variados da rexión.

Os sitios de interese turístico en Roma espállanse no tempo e nas formas. Das áreas arqueolóxicas, a primeira de todas o Foro Romano, aos monumentos, como o Colosseo que identifica a cidade, ás igrexas, que coa Basílica de San Pedro no Vaticano son o epicentro do catolicismo, os arcos, as pontes, as fontanas, as murallas e as súas portas, os obeliscos, as prazas e as rúas. Todo isto, sen esquecer a amplísima riqueza museística que ofrece a cidade eterna.

Ademais de Roma, hai moitos sitios de interese arqueolóxico que hai que visitar no Lacio. Desde os presentes na veciña Ostia Antica, á Villa Adriana en Tivoli, o Templo de Giove Anxur en Terracina ou os restos do Forum Apii perto de Sezze, de Lavinium en Pomezia, os restos etruscos da necrópole da Banditaccia perto de Cerveteri, a Necrópole de Tuscania ou a de Colle dei Monterozzi en Tarquinia.

Sitios importantes tamén son as cidades fortificadas prerromanas: a acrópole de Alatri, moi ben conservada, a de Ferentino co mercado romano ou as de Atina e Arpino.

Tamén son ben coñecidas as abadías de Montecassino, Subiaco, Casamari, Trisulti e Fossanova. Un grande fluxo turístico é atraído polas fontes termais de Fiuggi e as localidades costeiras de Spergola, Sabaudia e Terracina.

Deportes[editar | editar a fonte]

As principais entidades deportivas da rexión son os clubs de fútbol AS Roma e SS Lazio. Roma foi sede dos XVII Xogos Olímpicos no ano 1960.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Etimiloxía de Latium no Online Etymological Dictionary (en inglés)
  2. Filippo Cassola (2001). Storia di Roma. Dalle origini a Cesare. Roma: Jouvence.