Televisión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Aparello de televisión do ano 1948.
Cámara de televisión no alto, utilizada para transmitir un acontecemento en directo

A televisión é un sistema de telecomunicación para a transmisión de imaxes en movemento, habitualmente acompañadas de son, así como tamén o medio de radiodifusión desa imaxe e son a través de ondas electromagnéticas, funciona a partir da análise e conversión da luz e do son en ondas electromagnéticas e da súa reconversión nun aparello que recibe o mesmo nome do sistema ou pode tamén chamarse televisor ou aparello de televisión. O aparello de televisión capta as ondas electromagnéticas e a través dos seus compoñentes internos convérteas novamente en imaxe e son. Establecida comercialmente a fins da década de 1930 nuns poucos países e na maioría entre 1950 e 1970, converteuse nun aparello común en fogares, negocios e institucións, particularmente como fonte de entretemento e información, xerando unha potente industria ao seu redor, a partir de 1970 coa aparición do vídeo doméstico e despois do laserdisc, DVD, discos Blu-ray e discos duros permitiu ver contidos gravados ou lanzados especificamente neses medios. Ademais do seu uso como emisión para o público a televisión úsase como circuíto pechado de televisión e para a televisión afeccionada.

Historia[editar | editar a fonte]

Televisión dos anos 50.

Boris Rosing patentou en 1907 un sistema de televisión que utilizaba como receptor un moi primitivo tubo de raios catódicos, un dos seus alumnos, Vladimir Zworykin solicitou a patente en 1923 dun sistema de televisión utilizando tanto como transmisor como receptor tubos de raios catódicos pero os seus experimentos prácticos non deron resultado[1]. O primeiro sistema semimecánico de televisión analóxica demostrouse en febreiro de 1924 en Londres por John Logie Baird cunha imaxe do deseño animado Felix the Cat e, posteriormente, imaxes en movemento en 30 de outubro de 1925, realizando a primeira demostración pública o 26 de xaneiro de 1926. O primeiro servizo regular de televisión, en analóxico, foi a W2XB, popularmente coñecida como WGY en Schenectady, Nova York, inaugurado en 11 de maio de 1928.

Os primeiros aparellos de televisión eran radios cun dispositivo que consistía nun tubo de neon cun disco xiratorio mecánico (disco de Nipkow) que producía unha imaxe vermella do tamaño dun selo postal. Entre 1928 e 1929 Philo Farnsworth e Zworykin presentaron receptores electrónicos semellantes e envolvéronse nunha lea xudicial durante varios anos. En 1931 Zworykin elaborou o primeiro iconoscopio funcional [2]. O primeiro servizo de alta definición apareceu na Alemaña en marzo de 1935, mais estaba dispoñíbel apenas en 22 salas públicas. Unha das primeiras grandes transmisións foi a dos Xogos Olímpicos de 1936, en Berlín. O uso da televisión aumentou nos Estados Unidos enormemente despois da Segunda Guerra Mundial debido aos avances tecnolóxicos xurdidos coa guerra e á renda adicional dispoñíbel (aparellos de TV nos anos 30 custaban o equivalente a US$ 7000 actuais (2001) e había pouca programación dispoñíbel), e si en 1950 había 100.000 televisores un ano despois o seu número aumentou ao millón, chegando en 1959 ao 88% dos fogares[3], e xa para 1960 nese país a televisión desprazou ao cine como principal medio de entretemento[4], ao tempo que os principais estudios comezaban a distribuír os seus arquivos cinematrográficos na televisión[5]. No Reino Unido a Coroación da raíña Isabel II en 1953 significou o comezo do desprazamento da radio pola televisión[6]. En moitos países a televisión foi unha prerrogativa exclusiva do Estado que constituía un servizo público[7], en especial en Europa, pero sobre todo a partir das décadas de 1980 e 1990[8] comezou a permitirse en case todos os países a creación de cadeas privadas ou mesmo privatizáronse canles públicas, porén aínda quedan uns poucos réximes onde aínda a televisión queda totalmente baixo o control do Estado[9]. A televisión mudou a forma de concibir o mundo, mudou a forma de facer política e das campañas electorais [10], a transformación da Guerra de Vietnam en guerra televisada fixo modificar a percepción da propia guerra polo público estadounidense[11], converténdose no medio máis influente.

Aparello portátil.

A televisión en cores xurdiu en 1954, na rede americana NBC. Un ano antes o goberno americano aprobou o sistema de transmisión en cores proposto pola CBS, mais cando a RCA presentou un novo sistema que non esixía alteracións nos aparellos antigos en negro e branco, a CBS abandonou a súa proposta en favor da nova. A aparición da gravación en cintas de vídeo en 1956 supuxo unha mudanza no sistema de produción, ata entón só se podían ver emisións en directo ou gravadas en filmes a través dun monitor de vídeo, sistema coñecido como kinescopio, que resultaba complexo xa que había que procesalo para adaptalo ás pantallas do televisor e á hora de editalo, as cintas de vídeo permitían a gravación dun xeito sinxelo e a distribución inmediata dos programas e series, aínda que as primeiras que saíron ao mercado non se podían editar.

A maior parte da produción que se emite no mundo son programas e series locais ou do propio país, en 1992 calculábase que o gasto en produción local e nacional superaba en 29 veces ao gasto en intercambio internacional de producións audiovisuais[12].

As novas tecnoloxías e a aparición de internet mudou á propia televisión, o telespectador ten acceso a moitos programas e series, de xeito gratuíto ou por pagamento, nas webs das canles ou en páxinas de video streaming ou descargas ou so demanda nos operadores de televisión por cable ou satélite ao mesmo tempo que os programas e series poden esténderse con complementos en internet, que poden incluír episodios tanxenciais feitos especialmente para internet ou para móbiles ou valos nas redes sociais ademais das tradicionais: xogos, camisetas, DVD[13].

Televisores[editar | editar a fonte]

Hai varios tipos de monitores de vídeo usados en equipamentos de Televisión. O máis común son os CRTs para ata 40 polgadas diagonais. A maior parte das TVs de pantalla grande (ata máis de 100 polgadas) usa tecnoloxía de proxección. Tres tipos de sistemas de proxección úsanse en TV: Tubos de raios catódicos (CRT), LCD (cristal líquido) e circuítos integrados (chips ) de imaxe reflectida. Avances recentes trouxeron pantallas planas ás TVs que usan tecnoloxía de cristal líquido LCD de matriz activa ou Displays de plasma. TVs de pantalla grande e plana teñen apenas 4 polgadas de espesura e poden pendurarse na parede como un cadro. Elas son moi atraentes e economizan espazo, mais aínda custan moito.

Sistemas de televisión[editar | editar a fonte]

Ao inicio das transmisións regulares de televisión a falta de estándares internacionais levou a que se desenvolveran tres sistemas de televisión analóxicos independentes para a televisión en branco e negro, o americano de 525 liñas, o europeo 625 liñas e o francés de 819 liñas. O sistema británico de 405 liñas mantívose en uso ata 1985 pero boa parte da programación británica xa se facía en 625 liñas desde a década de 1960. Na televisión analóxica en cor existen tres estándares independentes o PAL europeo, o SECAM francés e o NTSC americano.

Programación é a transmisión nas estacións de televisión (por veces chamada de canais) que son frecuentemente dirixidos a unha determinada audiencia, porén existen moitas canles especializadas en noticias que teñen unha audiencia mundial, outras cadeas especializadas en deportes, filmes ou música teñen canles que abranguen boa parte do mundo. Alén diso, internet permite que calquera canle poda ter unha audiencia mundial.

Nos EUA, as redes de televisión producen programas primetime (horario nobre) para as súas emisoras afiliadas vehicularen entre 19:00 e 22:00. Fóra do horario de máxima audiencia, a maior parte das emisoras teñen a súa programación de produción propia.

Día Mundial da Televisión[editar | editar a fonte]

O 17 de decembro de 1996, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 21 de novembro como o Día Mundial da Televisión, como conmemoración do día en que se celebrou, en 1996, primeiro Foro Mundial de Televisión das Nacións unidas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Paul Schatzkin "The Boy Who Invented Television", pp. 111-8.
  2. Dicky Howett Television Innovations: 50 Technological Developments, p. 15
  3. Susan B. Neuman Literacy in the television age: the myth of the TV effect, p. 1
  4. Jeremy G. Butler "Television: critical methods and applications", páxina 12
  5. Derek Kompare Rerun nation: how repeats invented American television, p.45
  6. Bob Mullan Consuming television: television and its audience, p.5
  7. Jan Wieten, Graham Murdock, Peter Dahlgren Television across Europe, p. 8
  8. Barbara J. Selznick Global television: co-producing culture, p.3
  9. Robert Clyde Allen, Annette Hill "The Television Studies Reader, p. 2
  10. Gary Donaldson The first modern campaign: Kennedy, Nixon, and the election of 1960, p. 46
  11. Bruce Cumings War and television, p. 1
  12. O'Regan The international, the regional and the local: Hollywood's new and declining audiences en E. Jacka Continental Shift: Globalization and Culture, p. 87
  13. Shawn Shimpach Television in Transition: The Life and Afterlife of the Narrative Action, p. 14 e seg.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Erik Barnouw: Tube of Plenty: The Evolution of American Television, Oxford University Press 1992.
  • Guy Debord: The Society of the Spectacle
  • Jerry Mander: Four Arguments for the Elimination of Television, Perennial 1978

Outros artigos[editar | editar a fonte]