Pipino o Breve

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dinastía Carolinxia
Pipínidas
Arnúlfidas
Carolinxios
Despois do Tratado de Verdún (843)

Pipino III dos Francos, máis coñecido como Pipino o Breve (o seu alias de "O Breve" débese á súa baixa estatura) naceu sobre o 715 en Jupille (preto de Liexa, Bélxica, de onde arrinca unha gran parte da dinastía Merovinxia e Carolinxia) e morreu o 24 de setembro de 768 en Saint-Denis (no norte de Francia). Fillo menor de Carlos Martel e de Rotrude de Tréveris. Os seus cargos foron:

Historia[editar | editar a fonte]

Á morte de Carlos Martel repartiu, á usanza da época, os seus títulos entre os seus dous fillos, Carlomán herdou o cargo de mordomo, semellante ao cargo de Xefe de Goberno ou Primeiro Ministro, do palacio de Austrasia e Pipino, o do palacio de Neustria.

Pépin the younger.jpg

É o período da decadencia da dinastía merovinxia, cando os novos "reis folgazáns" non teñen xa autoridade ningunha e os mordomos de palacio son os verdadeiros gobernantes do Estado. Carlomán e Pipino repártense entón o poder do reino franco, que gobernarán entre os dous, loitando, en primeiro lugar, por devolveren a estabilidade ás fronteiras do reino.

Comezan deseguida unha reforma da Igrexa coa axuda do bispo San Bonifacio e realízanse dous concilios: o primeiro en Austrasia, convocado por Carlomán en 742-743; o segundo por Pipino, en 744 en Soissons (Neustria), no que adoptará as decisións tomadas no concilio de Austrasia. Esta reforma establecerá a xerarquía no seo do clero franco, a cuxa cabeza se atopa Bonifacio (evanxelizador de Xermania), como dirixente dos bispos repartidos polas cidades do reino.

Caída do último merovinxio[editar | editar a fonte]

No ano 747 Carlomán retírase á vida monástica e cede a maioría de Austrasia ao seu irmán máis novo, e Pipino convértese no dirixente efectivo de todo o reino franco. Desde ese momento, comeza un duro enfrontamento para se desfacer de Khilderico III, o soberano merovinxio do que depende oficialmente. Para demostrar a inutilidade dos reis merovinxios, Carlos Martel deixara vacante o trono trala morte de Teodorico IV en 737 (durante os sete anos de baleiro real, todos os documentos oficiais levarán a data de 737). En 743, Pipino libera a Khilderico do mosteiro no que o encerrara o seu pai e permítelle ocupar o trono do que fora desposuído. O seu retorno propicia a coalición formada, entre outros, polo duque dos alemáns e Hunaldo, de Aquitania, que reaccionan mal diante da eliminación política de Grifón (medio irmán de Pipino e Carlomán) pero, ao repoñer a Khilderico no trono, Pipino consegue un medio para os acalmar durante un tempo.

Sobre 744, contrae nupcias con Bertrade de Laon, chamada a do pé grande, filla de Cariberto, conde de Laon (este alias provén do feito de que ela tiña un pé máis grande có outro).

En 750, Pipino envía unha delegación franca a se entrevistar co Papa Zacarías, en solicitude dunha autorización para poñer fin ao decadente reino merovinxio e ocupar o trono de Khilderico. Zacarías acepta e declara que debe ser rei o que exerce a realidade do poder.

En novembro de 751, Pipino depón a Khilderico III e faise coroar no campo de maio en Soissons, sendo proclamado por unha asemblea de bispos, nobres e Leudes (grandes do reino). Esta elección conséguese, por unha vez, sen efusión de sangue. Khilderico III, tras ser deposto, é tonsurado (perde os seus longos cabelos, signo do poder entre os francos) e termina os seus días encerrado no mosteiro de Saint-Bertin, preto de Saint-Omer.

Pero aínda que Pipino consiga o título de rei e o seu poder, este non lle pertence, e esta ruptura da dinastía merovinxia precisa dunha nova que deberá substituír a sucesión natural de pais a fillos. Esta continuidade queda asegurada pola consagración real seguida da unción, simbolizada no bautismo de Clodoveo I e a alianza particular entre a Igrexa e os reis francos. É en Soissons, onde o bispo Bonifacio, o seu conselleiro diplomático, o unxirá marcando a súa fronte co aceite santo —o Saint-Chrême— como xa se facía ao longo dunha cerimonia na que se consagraba aos reis visigodos de Toledo. Por medio desta unción, o rei dos francos, a partir dese momento investido dunha misión de guía militar e relixiosa, detenta a forza moral do "dereito divino, é dicir, de "dirixir os pobos que Deus lle confía"; pero esta lexitimidade ten un custo: o da fidelidade á Igrexa e a quen a dirixe, a Papa Zacarías que, desde Roma, deu o seu consentimento para a mudanza de dinastía.

Pipino será consagrado por segunda vez, por Bonifacio, en decembro dese mesmo ano, en Maguncia, como señor de Austrasia.

Apoio de Roma e loita contra os longobardos[editar | editar a fonte]

O cisma de Bizancio obrigou ao Papado a aliarse co rei dos francos. O novo Papa, Estevo III (sucesor de Zacarías, morto en 752) pide axuda militar para loitar contra os longobardos e o seu rei Aistolfo (ou Astolf), que ameazan a Roma. Se o Papa Estevo se decide a atravesar os Alpes para solicitar a axuda do rei dos francos (é a primeira vez que un Papa emprende semellante viaxe), é porque non ten outra elección. O protector habitual da Igrexa é o Emperador bizantino que goberna en Constantinopla baixo o Imperio romano de Oriente, pero este atópase en precarias condicións e non ten posibilidade de concorrer en auxilio do papado.

O 6 de xaneiro, no palacio de Ponthion, no sur de Champaña, o rei Pipino inclínase perante o Papa Estevo III e, con suma deferencia, toma a brida do seu cabalo, reproducindo o mesmo xesto elegante do emperador Constantino I o Grande perante o Papa Silvestre I. Foi un acto político moi hábil. Estevo III proponlle a Pipino unha alianza asegurándolle unha segunda consagración, realizada por el mesmo, a "graza divina" para o rei dos francos e para os seus fillos. O acordo definitivo páctase o 14 de abril en Quierzy-sur-Oise, no norte de París, é a coñecida como Promissio Carisiaca ou Tratado de Quierzy. Mentres que o Papa aporta o seu apoio espiritual a Pipino, este último comprométese a ofrecer á Santa Sé un dominio o suficientemente grande como para que poida preservase de toda agresión.

O domingo 28 de xullo de 754, na basílica de Saint Dennis, o Papa Estevo III consagra a Pipino e confírelle os títulos de Rei dos Francos e Patricio dos romanos (Patricius Romanorum). Os fillos e herdeiros de Pipino, Carlomán e Carlos, tamén son consagrados na mesma cerimonia, ao igual que a súa nai Berta. O Papa establece, por medio deste acto, un estreito lazo de continuidade entre a unción realizada aos reis do Antigo Testamento e os reis da nova dinastía. Esta consagración pon fin, oficialmente, á dinastía merovinxia e legaliza a chegada dos Carolinxios ao poder.

Asegurando o reinado de Pipino III sobre os francos e consagrando o mesmo como tal, o Papa marcou as distancias co emperador de Bizancio. A Santa Sé sométese, a partir de agora e para a súa seguridade, aos soberanos francos. É o principio dunha longa colaboración, aínda que a miúdo tormentosa, cos Carolinxios e os seus distantes herdeiros do Sacro Imperio Romano Xermánico. E como consecuencia desta consagración, a lexitimidade do rei dos francos, ás veces de "dereito divino", non dependerá exclusivamente das señores francos electores do rei. Pipino considérase, porén, o primeiro rei pola vontade de Deus e o principio deste reinado de "dereito divino" durará en Francia sen interrupción durante cento once anos.

Pipino non pode, polo tanto, refusar a petición da Papa. Novo "David" e primeiro rei cristián, pola "graza de Deus", está obrigado a cumprir co Papa Estevo III (en tanto que fillo amado da Igrexa, tomando a defensa da súa Santa Nai) e a romper a súa alianza cos longobardos. O envío dunha delegación o 14 de outubro de 754 para calmar os longobardos nas súas reivindicacións, non terá efecto; e en 755 Pipino lanza contra eles unha primeira expedición da que sae vitorioso. Pero ao ano seguinte, os longobardos poñen sitio a Roma. Xa que logo, de 756 a 758 deberá lanzar Pipino tres campañas contra eles ata conseguir botalos ata as inmediacións de Ravenna.

Ao final destas expedicións, Pipino o Breve acode a entregar ao Papa os territorios conquistados: vinte e dúas cidades da Italia central, Ravenna, Perusa e as provincias de Emilia-Romagna e da Pentápole únense a Roma, formándose así o novo Estado Pontificio. Non obstante, Pipino, tras esta vitoria, multiplicará os seus esforzos diplomáticos para intentar restablecer a concordia entre os longobardos e Roma.

Consolidación do reino[editar | editar a fonte]

Durante o seu reinado, Pipino conseguiu devolver a orde ao seu reino:

  • Cos grandes señores, obtivo a súa vasalaxe por medio de xuramentos de fidelidade.

Así e todo, deberá continuar loitando para asegurar a súa autoridade nas fronteiras, especialmente en Xermania onde, despois da abdicación de Carlomán en 747, tivo que se enfrontar con seu medio irmán Grifón, fillo ilexítimo de Carlos Martel, que se fixera recoñecer como duque de Baviera. Unha vez vencido, foi nomeado duque do Meno, marca creada por el; foi a maneira de afastalo dos bávaros e disuadilo de calquera revolta. Pero, por desgraza, enfrontouse aos longobardos e foi asasinado.

En 754-755, Pipino inicia unha reforma monetaria coa adopción do denario de prata en 755 e instaurando o décimo en 756. O Edicto de Ver foi unha primeira tentativa de uniformar o peso e o aspecto do denario de prata franco, pero a marca da autoridade real non figura sistematicamente na moeda ata a chegada de Carlomagno, a partir de 793.

A morte de Pipino o Breve[editar | editar a fonte]

Morreu o 24 de setembro de 768 en Saint-Denis, tras repartir o reino, seguindo o vello costume franco, entre os seus dous fillos Carlos I (o futuro Carlomagno) e Carlomán. Foi enterrado na abadía de Saint Denis, onde tamén repousan o seu fillo Carlomán, morto en 771, e a súa esposa Berthe, falecida en 783.

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

  • 715. Nacemento de Pipino, fillo de Carlos Martel.
  • 741. É nomeado Mordomo de palacio de Neustria trala morte do seu pai.
  • 743. Pipino libera a Khilderico III do mosteiro no que se achaba encerrado desde 737, para coroalo rei.
  • 744. Convoca o concilio de Soissons que establecerá a xerarquía no seo do clero franco, a cuxa fronte está Bonifacio.
  • 744. Casa con Bertrade de Laon, chamada a do pé grande.
  • 747. O seu irmán Carlomán elixe a vida monástica e cede a súa maioría de Austrasia ao seu irmán pequeno.
  • 751. Pipino depón a Khilderico III e faise elixir rei en novembro en Soissons, por aclamación da asemblea dos nobres do reino e, así mesmo, faise consagrar dúas veces en decembro en Austrasia.
  • 754. O novo Papa Estevo III pídelle axuda militar contra os longobardos que ameazan Roma e conságrao rei en Saint-Denis o 28 de xullo. En outubro Pipino envía unha delegación para acalmar os longobardos, pero non ten éxito.
  • 755. Pipino lanza unha primeira expedición contra os longobardos, saíndo vitorioso da mesma.
  • Edicto de Ver, instaurando a reforma monetaria.
  • 756. Segunda campaña contra os longobardos.
  • Instauración do décimo a prol do clero.
  • Adopción do denario de prata.
  • 757. Terceira campaña contra os longobardos.
  • 758. Cuarta campaña contra os longobardos, na que logra finalmente expulsalos ata as inmediacións de Ravenna.
  • 759. Expulsa definitivamente os árabes da Septimania e toma Narbona.
  • 761. Primeira campaña, dunha serie de oito, contra o duque de Aquitania, a última en 768.
  • 768. Morre o rei Pipino o Breve o 24 de setembro en Saint-Denis.