Revolucións de 1848

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revolución de marzo de 1848 en Berlín
«Liberdade, igualdade e fraternidade ou morte»

As revolucións de 1848, coñecidas noutros países como A Primavera dos Pobos ou o Ano das Revolucións, foron unha onda de manifestacións populares que se xeralizaron en varias rexións de Europa no primeiro semestre do devandito ano. Caracterízanse maioritariamente pola súa brevidade e rápida expansión. Ao contrario que as ondas revolucionarias de 1820 e 1830, esta nova onda tivo gran repercusión en estados como Francia, Austria, Alemaña, Italia, Hungría e entre os diversos pobos da Europa central.

Historia[editar | editar a fonte]

Tralo Congreso de Viena de 1815, as monarquías foron restauradas en todos os estados onde as Guerras Napoleónicas instalaran outros réximes. Instaurouse o principio de lexitimismo dinástico, mediante o cal as monarquías absolutistas que foran substituídas polo dominio napoleónico foron restablecidas. Esta nova orde impúxose sen ter en conta a opinión pública, o que deu paso a un fervor nacionalista (coma o caso dos maxiares que habitaban o Imperio Austríaco, e que reclamaron a independencia) e liberal que, xunto co desenvolvemento industrial, provocou o xurdimento de movementos revolucionarios.

As revolucións dese ano constituíron basicamente unha demanda de liberización e, aínda que foron reprimidas, tiveron gran repercusión.

As revolucións estaban mal organizadas e por iso todas foron reprimidas e ningunha tivo éxito, fóra de Austria. Unha das consecuencias foi que os Estados da Confederación Xermánica formasen o primeiro Parlamento alemán en Frankfurt.

Acontecementos económicos[editar | editar a fonte]

Houbo tres acontecementos económicos que avivaron a incerteza do momento e que contribuíron a desencadear a revolta:

  • En 1845 e 1846 a praga da pataca botou a perder as colleitas. Este suceso unido á carestía en Francia de 1847, do mesmo xeito que noutros países de Europa, orixinou conflitos sanguentos.
  • No outono de 1847 estourou a crise do comercio e a industria en Inglaterra, coa quebra dos grandes comerciantes de produtos coloniais. A crise afectou tamén aos bancos agrarios ingleses e nos distritos industriais producíronse peches de fábricas.

A revolución en Francia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Revolución francesa de 1848.

En París a crise industrial estivo acompañada ademais por unha consecuencia particular: os fabricantes e comerciantes debido ás circunstancias que por aquel entón se estaban dando, non podían exportar os seus produtos, abriron grandes establecementos cuxa competencia arruinou aos pequenos comerciantes, polo que estes involucráronse na revolución.

A monarquía tivo que deixar sitio a un goberno provisional, o cal reflectía na súa composición os diferentes partidos que se repartiron a vitoria da revolución. Se París dominaba Francia, os obreiros naquel momento, dominaban París. Lamartine discutía cos loitadores das barricadas o dereito a proclamar a república, alegando que isto só podería facerse trala votación da maioría dos franceses, con todo os obreiros estaban dispostos a impor a república polas armas. Raspail, en nome dos proletarios de París ordeou ao Goberno Provisional que proclamase a república, engadindo que se no prazo de dúas horas non se executaba a orde, volvería á fronte de 200.000 homes e continuarían as desordes. Nestas condicións os receos políticos e os escrúpulos xurídicos do Goberno Provisional desapareceron, e nos muros de París comezaron a lerse as históricas palabras : République française! Liberté, Égalité, Fraternité !'

Finalmente, instituiuse a Segunda República despois de que o monarca Luís Felipe de Orleans abdicase con motivo do descontento que orixinara o seu Goberno.

Instituiuse un Goberno provisional e ese mesmo ano Luís Napoleón Bonaparte, (futuro Napoleón III e sobriño de Napoleón Bonaparte) gañou as eleccións á presidencia da República.

Nos demais países onde se aboliu de novo o Antigo Réxime fracasaron as revolucións e foron disoltas todas as institucións que rexían en favor do proletariado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]