Belisario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Belisario (505-565) foi o xeneral máis famoso da historia de Bizancio e o principal protagonista militar da expansión que durante o reinado de Xustiniano I experimentou o Imperio Bizantino sobre o Mediterráneo occidental, por encima doutras importantes figuras como o xeneral Narsés.

Belisario, por Jacques-Louis David (1781)

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os seus primeiros éxitos bélicos viñeron na guerra contra os persas (aos que forzou a asinar unha "Paz Eterna" logo de décadas de guerra en Oriente Próximo) e ao sufocar unha sublevación en Constantinopla que ameazaba con derrocar ao emperador Xustiniano, entre os anos 530 e 532. A continuación, ao mando de 15.000 homes, conquistou o reino vándalo de África do norte e apreixou ao seu último rei, Xelimero. Desde o norte de África tomou Sicilia e pasou a Italia, núcleo do reino ostrogodo, onde iniciaría unha ascensión cara ao norte, ocupando Rávena no 539 e apresando ao rei Vitixes.

Nunha segunda expedición, no ano 548, conquistará Roma, a cal permanecerá en poder de Bizancio durante algunhas décadas. Ao seu regreso definitivo a Constantinopla recibiu o título de "magister militum per Oriente" e nese cargou ocupouse de defender a capital do Imperio fronte ao ataque duns invasores que as fontes bizantinas definen como hunos no ano 559 (en realidade tratábase dunha coalición de pobos eslavos entre os que destacaban os recentemente chegados búlgaros desde a actual Rusia).

No 562 foi acusado de participar nunha conspiración contra Xustiniano polo que foi encarcerado, pero foi liberado ao ano seguinte. Unha lenda, demostrada como falsa, afirma que Xustiniano ordenou deixalo cego. Faleceu en 565, pobre pero en paz.