Benito Mussolini

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Benito Mussolini, nado en Predappio o 29 de xullo de 1883 e fusilado en Dongo o 28 de abril de 1945, foi o primeiro ditador fascista de Europa. Acadou o poder en outubro de 1922, trala Marcha sobre Roma, e ocupou o cargo de primeiro ministro do Reino de Italia ata 1943, cando foi obrigado a entrega-lo poder. Fuxiu ó norte onde proclamou a República Social Italiana de Saló. Detido pola resistencia, morreu fusilado xunto coa súa amante, Clara Petacci.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Mussolini naceu en Dovia di Predappio, na provincia de Forlí, rexión de Emilia-Romagna (Italia). O seu pai, Alessandro, era ferreiro; a súa nai, Rosa Maltoni, era unha mestra que cría firmemente na importancia da educación. O nome Benito foille dado en honor ó presidente reformista mexicano Benito Juárez. Como o seu pai, Benito adheriuse ó socialismo.

Aos oito anos foi expulsado da igrexa da súa nai, e algúns anos máis tarde tamén foi expulsado da escola, logo de apuñalar a un compañeiro na man e lanzar un frasco de tinta a un mestre. Porén, recibiu boas cualificacións e graduouse como mestre de escola en 1901.

En 1902 emigrou a Suíza para escapar do servizo militar. Durante a súa estancia, ó non poder atopar un traballo permanente, foi arrestado por vagancia e pasou unha noite en prisión. Máis adiante, logo de involucrarse no movemento socialista, foi deportado a Italia, onde foi obrigado a facer o servizo militar. Voltou a Suíza inmediatamente e alí foi repetidamente expulsado dun cantón a outro polo seu activismo socialista. En Suíza trabara contacto con destacados revolucionarios e foi formando a súa cultura política baixo a influencia -ás veces contraditoria, de Karl Marx, Pierre-Joseph Proudhon, Friedrich Nietzsche e Vilfredo Pareto.

Regresou a Italia en 1904, aproveitando unha amnistía que beneficiaba a quen desertara do servizo militar, e cumpriu co mesmo nun rexemento de Verona.

Despois de ensinar durante un tempo en Tolezzo e en Oneglia (en 1908), onde colaborou activamente co xornal socialista A Lima, regresou ó seu pobo natal, Dovia di Preddamento, hoxe Predappio bassa (baixa Predappio).

Política[editar | editar a fonte]

En 1910 foi nomeado secretario da federación provincial de Forli e pouco despois converteuse en editor do semanario La Lotta di Classe (A Loita de Clases). A vitoria do ala radical no Congreso de Reggio Emilia, celebrado en 1912, lle proporcionou maior protagonismo no seo da formación política, que aproveitou para facerse cargo do periódico milanés Avanti, órgano oficial do partido. Aínda así, as súas opinións acerca dos enfrontamentos armados da semana vermella de 1914 motivaron certa inquietude entre os seus compañeiros de filas, atemorizados polo seu radicalismo. A división entre Mussolini e o partido acrecentouse coa proclama de neutralidade do primeiro trala entrada de Italia na Primeira Guerra Mundial en maio de 1915.

En novembro do mesmo ano fundou o periódico Il Popolo d’Italia, de tendencia ultranacionalista, o que lle valeu a expulsión do Partido Socialista. Posteriormente, quixo capitalizar o sentimento de insatisfacción que se apoderou da sociedade italiana tralo fin da contenda facendo un chamamento á loita contra os partidos de esquerdas, aos que sinalou como culpables da desfeita, e para iso creou en Milán en 1919 os Fasci italiani di combattimento, grupos armados de axitación que constituíron o xerme inicial do futuro partido fascista en 1920. Conseguiu gañarse o favor dos grandes propietarios e saír elixido deputado nas eleccións de maio de 1921.

Toma do poder[editar | editar a fonte]

A impotencia do goberno para facer fronte á situación en que se atopaba o país e á disolución do Parlamento alisaron o camiño para a denominada Marcha sobre Roma, o 28 de outubro de 1922. A súa entrada triunfal na capital italiana, na que non atopou ningunha oposición, pois contou co beneplácito do exército e do goberno, motivou o seu nomeamento de primeiro ministro por parte do rei Vítor Manuel III o 30 de outubro de 1922.

Italia fascista[editar | editar a fonte]

Naceu en parte coma reacción á Revolución Bolxevique do 1917 e ás fortes pelexas sindicais de traballadores e braceiros que rematou no "bienio vermello", en parte como polémica respecto á sociedade liberal-democrática que saíu malpocada da experiencia da Primeira Guerra Mundial.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Benito Mussolini
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Benito Mussolini