Pobreza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Meniño pobre.

A pobreza á unha situación ou forma de vida que xorde como produto da imposibilidade de acceso ou carencia dos recursos para satisfacer as necesidades físicas e psíquicas básicas humanas que inciden na deterioración do nivel e calidade de vida das persoas, tales como a comida, a vivenda, a educación, a asistencia sanitaria ou o acceso á auga potable. Tamén se adoita considerar a falta de medios para poder acceder a tales recursos, como o desemprego, a falta de ingresos ou un nivel baixo dos mesmos. Tamén pode ser o resultado de procesos de segregación social.

O Día Mundial para a Erradicación da Pobreza celébrase o 17 de outubro. [1]

Concepto e características[editar | editar a fonte]

O concepto de pobreza é fundamentalmente económico, aínda que tamén ten impactos políticos e sociolóxicos. Na maioría dos contextos considérase algo negativo, pero nalgúns ámbitos espirituais a pobreza voluntaria considérase unha virtude por implicar a renuncia aos bens materiais.

Pode ser descrita ou medida por convencións internacionais, aínda que poden variar os parámetros para considerala.

Un intento de definición responde ao feito de que a pobreza debe ser vista como o resultado dun modelo económico e social, exercido e aplicado nun territorio e tempo determinado, polos diversos axentes económicos e políticos, que producen na sociedade sectores excluídos dos beneficios totais ou parciais do modelo en execución. Estes sectores excluídos de tales beneficios denomínanse xeralmente pobres ou máis xenericamente como parte da pobreza existente.

A pobreza non é pois unha causa que deba ser tratada como tal para combatila, é o resultado de procesos complexos e estendidos no tempo, que son difíciles de apreciar a simple vista e que requiren investigación sostida para acadar a súa comprensión antes de formular calquera intento de rematar coa pobreza.

Niveis de pobreza[editar | editar a fonte]

Hai dúas definicións básicas distintas:

  • Pobreza absoluta cando certos estándares mínimos de vida, tales como nutrición, saúde e vivenda, non poden ser acadados
  • Pobreza relativa cando non se ten o nivel de ingresos necesarios para satisfacer todas ou parte das necesidades básicas.
Unha muller sen fogar e o seu can (Roma)

As formas de medir a pobreza son moi diferentes en ámbalas dúas definicións. Dende un punto de vista económico, sociolóxico e psicolóxico compleméntanse ambas. É particularmente dramática a situación de pobreza absoluta, a cal é o principal problema das sociedades sen recursos. É socioloxica e psicoloxicamente moi interesante a pobreza relativa, que a padecen quizais gran parte das sociedades desenvolvidas ou en vías de desenvolvemento, se falamos de calidade de vida.

O limiar de pobreza vén definido como a líña fixada nun dólar diario por persoa [Cómpre referencia], cantidade que se considera suficiente para a adquisición de produtos necesarios para sobrevivir.

Estatísticas[editar | editar a fonte]

[Cómpre referencia]

  • Máis de 1.200 millóns de seres humanos non teñen acceso a auga potable
  • 1.000 millóns carecen de vivenda estimable
  • 840 millóns de persoas mal nutridas
  • 200 millóns son nenos menores de cinco anos
  • 2.000 millóns de persoas padecen anemia por falta de ferro
  • 880 millóns de persoas non teñen acceso a servizos básicos de saúde.
  • 2.000 millóns de persoas carecen de acceso a medicamentos esenciais.

A pobreza en España[editar | editar a fonte]

En España, o INE fixa o limiar da probreza no 60% da media dos ingresos anuais por unidade de consumo, aplicando os criterios marcados pola UE. Así, mide a probreza relativa, comparando a situación do individuo co estándar do país nese momento. En 2011, este límite estaba en 627 euros ó mes en familias unipersoais ou 333 euros por persoa en familias formadas polo matrimonio e dous fillos.

Segundo este criterio, no ano 2011, o 21,8% dos fogares españois vivían por debaixo do limiar de pobreza (o 19,5% en 2009 e o 20,7% en 2010). As comunidades mellor situadas eran Navarra (8,8%), Asturias (9,9%) e País Vasco (10,8%) e e as peor situadas foron Canarias (33,8%), Estremadura (31,9%) e Castela-A Mancha (31,7%); Galicia estaba pouco por debaixo da media española, cun 18,8% de fogares en risco de pobreza[2].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pobreza

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]