Etruscos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Extensión da civilización etrusca

Os etruscos foron un pobo indoeuropeo que apareceu entre os séculos VIII-VII a.C. nun espazo comprendido entre os ríos Arno e Tíber, entre o mar Tirreno e os montes Apeninos. A súa orixe foi obxecto de grandes controversias, pero parece fóra de toda dúbida que son de orixe oriental, ou que polo menos teñen elementos orientais na súa cultura. Provirían da Lidia, de onde se viron na obriga de emigraren a raíz da invasión indoeuropea de Asia Menor. Formarían parte dos chamados Pobos do Mar, protagonistas das grandes migracións que trocaron o escenario do Mediterráneo Oriental.

Historia[editar | editar a fonte]

Ao principio, dedicáronse ás correrías e á piratería, ata que a súa superioridade militar lles permitiu imporse ás poboacións autóctonas (umbros, lígures, etc,...). Xa no VII a C. constituíran un poder forte e dominaban un territorio que se chamou Etruria, fundando tamén a cidade de Tarquinia. Foi entón cando emprenderon a súa política expansiva, ocupando as rexións contiguas a Umbría e expandíndose polo val de Po. A eles se debe a fundación de Parma, Mantua e Milán e a ocupación de numerosas cidades, como Cortona, Perusa, Boloña e varios portos do Tirreno e comarcas como o Piceno. No 540 a.C. aliáronse cos cartaxineses para expulsar os gregos de Córsega e despois lanzáronse á conquista do Lacio e da Campania. O seu contacto cos gregos da colonia de Cumas permitiulles adoptar algúns elementos da súa civilización, como o alfabeto.

A finais do século VI a. C comezou a decadencia do poderío etrusco. O tirano de Cumas, Aristodemo, logrou rexeitalos e favoreceu a sublevación do Lacio. Roma expulsou o seu derradeiro rei, Tarquinio o Soberbio e proclamou a República. No 474 a.C. os campanos, aliados cos siracusanos, desfixeron a flota etrusca, mentres os samnitas ocupaban a Campania e os galos dende o norte, ocupaban o val do Po. Co tempo Roma e a súa política de conquista de Italia, rematou co poder etrusco.

Institucións: O Patriarcado[editar | editar a fonte]

Todo o que sabemos dos etruscos procede das fontes narrativas romanas, que se complementan cos achados arqueolóxicos. Pero non convén esquecer o prexuízo histórico antietrusco dos romanos. Xa se dixo que os etruscos non chegaron a constituír un Estado, senón que estaban organizados en cidades-estado, coa súa respectiva zona de influencia. Ao fronte de cada cidade había un rei, que se dedicaba ao comercio e posuía obradoiros artesáns. O rei rodeábase de parentes e achegados que dominaban toda a actividade económica da cidade.

Chegou a haber doce destas cidades, todas amuralladas, que nalgún intre se uniron nunha federación, na que inevitablemente unha delas exercía a hexemonía. As federacións tiñan unha base relixiosa e cultural e os seus representantes xuntábanse anualmente no templo de Voltumna (Orvieto). A menos que a hexemonía dunha delas se deixase sentir con especial intensidade sobre as demais, todas tiñan unha ampla autonomía, incluída a decisión de ir á guerra.

A sociedade presentaba unha estrutura patriarcal, con gran peso da familia. A muller gozaba de consideración social, ata o punto que a sucesión se facía por liña materna. Se cadra non foi alleo a esta influencia o papel que se lle recoñeceu á muller na sociedade romana, tan lonxe da submisión das gregas, condenadas a careceren de dereitos e pasaren a súa vida pechadas no xineceo

Véxase tamén[editar | editar a fonte]