Estación de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°52′13″N 8°32′45″O / 42.8702, -8.54595

Santiago de Compostela
Fachada da estación de Santiago
SituaciónRúa do Hórreo, 75A 15702
Santiago de Compostela
Liñas
Alta velocidadeAvant, Alvia
Media distanciaMD, Rexional
Intermodalidade
Bus
Liñas 6 e 6A

A estación de Santiago de Compostela é unha estación de tren de Adif situada na cidade de Santiago de Compostela. Ten servizos de longa e media distancia operados por Renfe.

En 2010 recibiu 1.771.974 pasaxeiros, sendo a estación con maior número de viaxeiros de toda Galicia.[1]

Situación ferroviaria[editar | editar a fonte]

Estación de Santiago.
Patio da estación de Santiago.
Vías da estación.

A estación atópase no punto quilométrico 378,811 da liña férrea de ancho ibérico que une Zamora e A Coruña a 218 metros de altitude.[2] Tamén forma parte da liña férrea de ancho ibérico que une Redondela con Santiago de Compostela, punto quilométrico 92.[3]

Ademais a estación intégrase na liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia, concretamente no tramos Santiago-Ourense operativo dende 2011[4], e no eixe atlántico de alta velocidade.

Historia[editar | editar a fonte]

A chegada do ferrocarril a Santiago vai unido á primeira liña férrea posta en funcionamento en Galicia que unía Cornes co Carril e que se prolongaría pouco despois ata Pontevedra. Construíuse así a estación de Santiago-Cornes inaugurada o 15 de setembro de 1873 por parte da The West Galicia Railway Company empresa británica que lograra a concesión da liña en 1866 tras comprar a compañía do Ferrocarril Compostelán da Infanta Dona Isabel.[5] En 1928, MZOV absorbeu a compañía inglesa para ser á súa quenda absorbida pola Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste un ano despois. En 1941, a nacionalización do ferrocarril en España integrou todas as compañías existente na recentemente creada Renfe.

O 14 de abril de 1943, coa apertura da liña férrea A Coruña-Santiago de Compostela que máis tarde se integraría dentro da liña Zamora-A Coruña, Renfe pechou a estación de Cornes e abriu o actual edificio.[6]

Desde o 31 de decembro de 2004 Renfe Operadora explota a liña mentres que Adif é a titular das instalacións ferroviarias.

O 10 de decembro de 2011 inaugurouse o tramo Santiago de Compostela-Ourense como parte da futura liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia.[4] En abril de 2015 quedou inaugurado o eixe atlántico de alta velocidade que une A Coruña e Vigo pasando por Santiago.[7]

Accidente ferroviario de 2013[editar | editar a fonte]

O 24 de xullo de 2013 no lugar de Angrois, Sar, a dous quilómetros da estación tivo lugar o accidente de tren máis grave da historia de Galiza e por vítimas oficiais, tamén o máis grave da historia de España por descarrilamento ferroviario nunha curva fechada por mor, en principio, dunha velocidade excesiva do convoi. Polo menos 80 persoas faleceron no incidente. O pavillón Fontes do Sar utilizouse como tanatorio provisional pola gran cantidade de finados. O medios de comunicación nacionais e internacionais loaron a resposta dos veciños de Angrois, os servizos de Compostela e dos cidadáns de Galiza en xeral por contribuír nos labores de rescate e axuda.[8]

A estación[editar | editar a fonte]

Está situada na zona sueste da cidade, a 1 quilómetro da catedral e da autoestrada AP-9, preto do río Sar.

Fiel ao estilo das estacións da zona o edificio segue o esquema dun pazo. Componse dun pavillón central de dous pisos flanqueado por dúas ás laterais que nos seu extremos posúen dúas torres de planta cadrada. O conxunto é asimétrico dado que mentres unha das torres alcanza os tres pisos, a outra apenas supera a altura das ás laterais. A fachada principal está decorada por un soportal formado por unha galería de cinco arcos frontais e 2 laterais.

Componse de tres plataformas, unha lateral e dúas centrais ás que acceden cinco vías. Todas elas están protexidas por unha marquesiña metálica de dúas vertentes de considerables proporcións e de difícil integración no conxunto. Fóra do seu alcance quedan máis vías de servizo destinadas a carga, apartado ou garaxe. Os cambios de plataforma realízanse grazas a pasos subterráneos.

Conta con atención ao cliente, punto de información, venda de billetes, aseos, cafetería e alugueiro de coches. Toda o recinto está adaptado para as persoas con minusvalía. No exterior atópase un amplo aparcadoiro e unha parada de taxis.

Servizos ferroviarios[editar | editar a fonte]

Longa Distancia[editar | editar a fonte]

Actualizados a 14 de febreiro de 2023.

Tren Orixe Paradas intermedias Destino Observacións
Alvia Madrid-Chamartín Segovia-Guiomar · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela A Coruña 1 tren diario por sentido
Alvia Madrid-Chamartín Segovia-Guiomar - Medina del Campo AV- Sanabria AV - A Gudiña-Porta de Galicia- Ourense- Empalme - Santiago de Compostela - A Coruña - Betanzos Infesta - Betanzos-Cidade - Pontedeume Ferrol 2 trens diarios por sentido
Alvia Madrid-Chamartín Zamora - Ourense - Santiago de Compostela - Vilagarcía de Arousa - Pontevedra Vigo-Urzáiz 1 tren diario por sentido
Alvia Barcelona-Sants Camp de Tarragona · Lleida-Pirineus · Zaragoza-Delicias · Tudela de Navarra · Castejón de Ebro · Tafalla · Pamplona · Vitoria · Miranda de Ebro · Burgos-Rosa de Lima · Palencia · Sahagún · León · Astorga · Bembibre · Ponferrada · O Barco de Valdeorras · A Rúa-Petín · San Clodio-Quiroga · Monforte de Lemos · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela A Coruña Ida:1 tren L-Ma-X-S

Volta: 1 tren Ma-Mér-V-D

Media distancia[editar | editar a fonte]

Actualizado a 14 de febreiro de 2023

Liñas Trens Orixe/Destino <> Destino/Orixe
Avant A Coruña <> Ourense-Empalme
Avant/MD A Coruña <> Vigo-Urzáiz
Rexional A Coruña <> Vigo-Guixar
Rexional Santiago de Compostela <> Vigo-Guixar
Rexional Santiago de Compostela <> Ourense-Empalme

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Anuario del ferrocarril 2011 Fundación de los Ferrocarriles Españoles y Vía Libre
  2. Santiago de Compostela (Est.) Euroferroviarios
  3. Red ferroviaria española Arquivado 23 de setembro de 2010 en Wayback Machine. Ministerio de Fomento
  4. 4,0 4,1 Arrinca a alta velocidade entre A Coruña, Santiago e Ourense La Región
  5. "Santiago á Carril y Pontevedra , (The West Galicia Railway Company Limited)". Spanish Railway (en castelán). Consultado o 2022-04-09. 
  6. "Santiago a La Coruña". Spanish Railway (en castelán). Consultado o 2022-04-09. 
  7. O AVE entre Vigo e A Coruña, en marcha.
  8. "Accidente en Santiago: ... y el amanecer más duro" 26/7/2013, La Voz de Galicia (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]