Estación de Zamora
Zamora | |
---|---|
Situación | Zamora |
Liñas | |
Longa Distancia | Alvia, Trenhotel |
Media distancia | MD |
A estación de Zamora é unha estación de tren de Adif situada na cidade de Zamora, en Castela e León. Foi inaugurada en 1958 despois dun longo período de obras que se iniciaron en 1927. É de estilo neoplateresco e ten a consideración de estación histórica.[1]
Situación ferroviaria
[editar | editar a fonte]A estación que se atopa a 640,1 metros de altitude forma parte do trazado das seguintes liñas férreas:
- Liña férrea de ancho convencional Medina del Campo-Zamora, punto quilométrico 89,479.[2]
- Liña férrea de ancho convencional Zamora-A Coruña, vía Ourense e Santiago de Compostela, punto quilométrico 0,000 que prolonga a liña anterior ata Galicia.[2]
Ademais formaba parte da liña férrea de ancho convencional Plasencia-Astorga que foi pechada en 1985 tras permitirse o peche das liñas altamente deficitarias por parte do Goberno de España.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]A estación foi inaugurada o 28 de maio de 1864 coa chegada do primeiro tren desde Medina del Campo ao concluírse as obras entre Medina del Campo e Zamora.[4] A súa explotación inicial quedou a cargo da Compañía de Medina del Campo a Zamora quen rapidamente se convertería en Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo ou MZOV. A estación tiña unha estrutura sinxela formada por tres corpos realizados en ladrillo con amplas xanelas. Engadíuselle unha marquesiña metálica de tres alturas que se adaptaba á altura dos tres corpos que formaban o edificio de viaxeiros. O que inicialmente era unha estación termo transformouse nun nó ferroviario pola chegada as liñas férreas que unían Palazuelos con Astorga e Zamora con Galicia.
En 1927 decidiuse construír o actual edificio.[5] A obra encargouse a Marcelino Enríquez. Foi un proceso longo que sufriu varias interrupcións ata culminar en 1958 coa inauguración do edificio xa baixo a xestión de Renfe e coa liña Medina del Campo-A Coruña operativa na súa totalidade desde o ano anterior.[5] O recinto ía contar cunha ampla marquesiña de 32 metros que finalmente se descartou dado que supoñía elevar aínda así o custo dun edificio que xa alcanzara 12 millóns de pesetas. En 2013 a estación preparouse para a chegada da alta velocidade.
O 17 de decembro de 2015 púxose en servizo a liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia no seu tramo Olmedo-Zamora de 99 km permitindo melloras nos tempos de viaxe pero só alcanzando unha velocidade de 200 km/h ata que estea instalado o sistema de sinalización e seguridade ERTMS e poidan circular os trens AVE. Ata ese momento a liña é operada por trens Alvia.
A estación
[editar | editar a fonte]A estación atópase no barrio de Las Viñas, a uns 600 m da Avenida das Tres Cruces. O edificio de estilo neoplateresco e construído con pedra dourada de Villamayor posúe unha fachada principal de 88 metros de lonxitude formada por tres corpos que inclúen catro torres cadradas e tres pisos.[5] O corpo central claramente diferenciado dos laterais serve para acceder ao edificio para viaxeiros. Conta cunha terraza no segundo piso decorada cun frontón triangular, un reloxo e dous escudos. A planta baixa complétase con arcadas de estilo renacentista que debuxan unha longa galería. Unha crestería completa a ornamentación que en xeral garda unha gran similitude co palacio de Monterrey en Salamanca.[5]
Dispón de tres plataformas, un lateral e dous centrais, todas cubertas con marquesiñas, ás que acceden cinco vías. Moitas máis vías completan o complexo ferroviario.
Ten venda de billetes, atención ao cliente, aseos e cafetería. Todo o recinto está equipado con servizos adaptados para as persoas con minusvalía. No exterior existe un aparcadoiro, unha parada de taxi e outra de autobuses urbanos.
Servizos
[editar | editar a fonte]Longa Distancia
[editar | editar a fonte]Actualizados a 6 de xuño de 2016.
Media Distancia
[editar | editar a fonte]Actualizados a 6 de xuño de 2016.
Liña | Trens | Orixe/Destino | Destino/Orixe |
---|---|---|---|
18 | MD | Valladolid-Campo Grande | Pobra de Seabra |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Estacións históricas Adif
- ↑ 2,0 2,1 Estación de Zamora Euroferroviarios
- ↑ En 1985 pecháronse máis de 900 quilómetros de liñas altamente deficitarias Vía Libre
- ↑ Medina del Campo a Zamora y Orense á Vigo - MZOV Arquivado 29 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Spanishrailway
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Con el Sello de Norte Luis Guijarro