Hospital de San Roque de Santiago de Compostela
Hospital de San Roque de Santiago de Compostela | |
---|---|
Claustro do Hospital | |
Edificio | |
Localización | Santiago de Compostela |
Coordenadas | 42°53′00″N 8°32′31″O / 42.883254, -8.541825 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela é un edificio orixinario do século XVI, que foi reformado no XVIII.
Na actualidade, e tras da súa compra pola Xunta de Galicia e a súa rehabilitación a finais do século XX, o edifcio serve de sede a diversas institucións culturais da cidade.
Localización
[editar | editar a fonte]Está situado no alto da rúa das Rodas, onde comeza a rúa de San Roque, no nº 2 desta rúa.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Un hospital do século XVI
[editar | editar a fonte]Terminado en 1583,[1] o hospital foi inaugurado en 1578 polo arcebispo Francisco Blanco para acoller aos afectados polas terríbeis epidemias de peste que asolaron a cidade no século XVI,[2] dedicándose a San Roque por ser este un dos santos máis invocados para protexer contra esta enfermidade.[1]
O deseño do edificio encargouse a Gaspar de Arce, mestre de obras da Catedral de Santiago. Da súa antiga traza só conserva a portada renacentista, xa que foi reedificado na segunda metade do século XVIII.[1] A súa estrutura conta cunha planta rectangular e un claustro.[2] Destaca pola súa gran sobriedade e as súas liñas simples. A fachada segue a estrutura dun arco de triunfo: sobre as pilastras toscanas levántase un arco de medio punto apoiado en impostas. A continuación, un entaboamento sobre o que se ergue un segundo corpo de menores proporcións. Remata cun frontón triangular sobre unhas delgadas pilastras que enmarcan dúas fornelas coas figuras dos santos Cosme e Damián, os imáns xemelgos que practicaban a medicina gratuitamente.[2]
Do interior cabe resaltar o fermoso claustro de dúas galerías, con catro arcos en cada lado que descansan sobre columnas dóricas.[1][2]
Igrexa do século XVIII
[editar | editar a fonte]Formando conxunto co hospital, está a Igrexa de San Roque (ou Capela de San Roque), de planta tamén rectangular e de estilo barroco.[1]
No seu interior acolle un dos máis importantes retablos de Simón Rodríguez.[1]
En tempos modernos
[editar | editar a fonte]Cando deixou de exercer a súa función hospitalaria foi convertido en residencia do bispo auxiliar da arquidiocese.[Cómpre referencia] Tras da súa adquisición pola Xunta de Galicia, o edificio foi sometido nos últimos anos do século XX a unha profunda rehabilitación e adaptación funcional, a fin de dotalo de espazos adecuados para os depósitos bibliográficos e o desenvolvemento de actividades de carácter científico e cultural. As novas instalacións foron inauguradas o 14 de febreiro de 2001.[3]
Na actualidade serve de sede a diversas institucións culturais da cidade: a Secretaria Xeral de Política Lingüística, o Centro Ramón Piñeiro;[2] desde o ano 2002 acolle tamén ao Instituto Padre Sarmiento (C.S.I.C.),[3] e desde a súa fundación, en 2004, é a sede da Real Academia de Farmacia de Galicia.[4]
No seu interior pódese ver a maqueta da Cidade da Cultura, de Peter Eisenman. Deixando a un lado o seu pequeno xardín, chégase ao conxunto formado polas contrastadas arquitecturas do Centro Galego de Arte Contemporánea e do Convento de San Domingos de Bonaval, que conforman un estreito pasadizo a través do que se accede ao parque de San Domingos de Bonaval.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Antiguo Hospital e Iglesia de San Roque en Santiagoturismo.com.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Antigo Hospital de San Roque, en Turismo.gal.
- ↑ 3,0 3,1 CSIC. Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Edificio.
- ↑ Decreto 156/2004, do 1 de xullo, polo que se acorda a creación da Academia de Farmacia de Galicia Arquivado 31 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine..
- ↑ Conventos del Carmen y de Santa Clara y Antiguo Hospital de San Roque en Santiagoturismo.com.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hospital de San Roque de Santiago de Compostela |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bonet Correa, Antonio (1984): La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII. Madrid: CSIC. ISBN 84-00-02646-2.
- Martínez, Pablo F. (1935): "Hospitales de San Lorenzo y San Roque". Galicia. Revista Mensual Ilustrada, ano 4, nº 19, pp. 88–89.
- Vázquez Pardo, Emilio (1928): "El Hospital de San Roque". Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, nº 179, pp. 186–189.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Hospital de San Roque na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- SAN ROQUE Arquivado 07 de agosto de 2018 en Wayback Machine., por José Gambino, iacobus.org (en castelán).