Rugby

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

O rugby é un deporte de contacto orixinario de Inglaterra no cal se enfrontan dous equipos nun terreo de xogo rectangular co obxectivo de anotar puntos cun balón ovalado. Os puntos poden acadarse pousando o balón coas mans na zona de ensaio rival ou pasando o balón co pé entre dous paus. Existen varias modalidades de rugby que se diferencian principalmente pola cantidade de xogadores que compoñen cada equipo, chamándoselle rugby en Galicia ó rugby union por ser a única disciplina que conta con practicantes, equipos, competicións e federación na comunidade autónoma. Esta é a modalidade mais estendida no mundo, e a súa característica principal é que os equipos contan con quince xogadores cada un.

O deporte do rugby toma o seu nome da cidade inglesa na que naceu, sendo a súa orixe as primitivas regras do fútbol escritas no Rugby School no século XIX. Nos tempos actuais a súa práctica está moi estendida nas Illas Británicas, en países con pasado colonial británico como Australia, Suráfrica e Nova Zelandia, e noutros países como Francia, Italia e Arxentina. Outros países como Estados Unidos, Canadá, Xapón, Samoa, Fidxi, Tonga, Uruguai, Namibia, Xeorxia ou Romanía tamén participan frecuentemente en torneos internacionais de primeiro nivel como a Copa do Mundo de Rugby, que se disputa cada catro anos. Outros torneos de gran importancia a nivel de seleccións nacionais son o Seis Nacións e o Rugby Championship que se disputan cada ano. A nivel de clubs os torneos mais salientables son o Super Rugby e a Champions Cup.

A entidade reguladora do rugby a nivel mundial e a World Rugby, fundada en 1886, e cuxa sede está en Dublín (Irlanda).

Historia[editar | editar a fonte]

The Rugby School

A súa invención atribúese miticamente [1] a William Webb Ellis, estudante de teoloxía da inglesa escola de Rugby, de onde toma o seu nome, en 1823, tras tomar a pelota coas mans nun partido de fútbol e cargar contra os adversarios.

Porén, os seus antecedentes remotos están nos innumerables xogos de pelota que se practicaban en todas as épocas e por todo o mundo. Así, existen xa no antigo Exipto, na Grecia clásica (pheninde, épiscyre e aporrhaxis), algún nomeado en A Ilíada. O haspartum foi practicado polos lexionarios romanos. Durante a época medieval atopamos rastro do xogo na soule ó oeste de Francia e do barette ó sur. O calcio xógase en Italia, e nas Illas Británicas practicábanse xogos como o hurling en Cornualles e Irlanda, o camp ball de East Anglia, o knappam en País de Gales e o ba' game dos Borders escoceses. Estes xogos carecían de regras aparentes e non era raro que durante a súa celebración, que se prolongaba durante días, se producise algún morto.

Cuberta orixinal das primeiras regras de rugby, so a denominaciñon xenérica de football

O primeiro club de rugby é o Guy's Hospital e foi fundado en Inglaterra no ano 1843. As primeiras regras escritas datan de 1845; e a primeira federación, a inglesa (Rugby Football Union), constitúese o 26 de xaneiro de 1871. O primeiro partido internacional dispútase ese mesmo ano entre Inglaterra e Escocia en Edimburgo. En 1877 o número de xogadores redúcese de 20 a 15. Exemplo da influencia británica no rugby atopámolo co torneo con máis carisma no mundo do rugby, o Torneo das Seis Nacións é o herdeiro directo do 4 nacións que enfrontaba ás 4 seleccións británicas. A partir de Inglaterra, o rugby popularizouse rapidamente no País de Gales, Escocia, Irlanda e Francia. Estes países difundírono polas súas colonias e outros países, arraigando especialmente en Suráfrica, Australia, Nova Zelandia, Arxentina, Uruguai e as Illas do Pacífico Sur. É aceptado que entre os aborígenes de Oceanía, o rugby substituíu as guerras tribales. Os maoríé neozelandeses son un pobo especialmente dotado para o rugby, estando a selección de Nova Zelandia (os míticos "All Blacks") chea de xogadores desta ascendencia. En homenaxe a eles, esta selección empeza os seus partidos coa representación dunha danza tribal de guerra denominada "haka".

As regras do xogo[editar | editar a fonte]

Xogador a punto de ser placado
Dimensións dun campo de rugby

No rugby enfróntanse dous equipos dentro dun campo rectangular en cuxos extremos atópanse instaladas dúas porterías con forma de "H". O obxectivo fundamental consiste en apoiar un balón ovalado no chan coas mans sobre ou trala liña de ensaio. Isto denomínase ensaio (try en inglés) e ten un valor de 5 puntos. Tralo ensaio, o equipo anotador ten o dereito de patear o balón cara á portería adversaria, e se consegue pasalo (transformación) entre os dous paus verticais e por enriba do travesaño, anota 2 puntos máis. Orixinalmente os ensaios eran para dar opción a tirar a paus (transformación) valendo máis os tiros a paus que os ensaios. Tamén poden conseguirse puntos tirando a paus tras un golpe de castigo ou penalty ou mediante un bote-pronto ou drop, consistente en tirar a paus durante o xogo aberto deixando previamente botar o balón no chan. Námbolos casos o seu valor é de 3 puntos.

Para lograr tal obxectivo o equipo atacante pode:

  • correr evadindo ou resistindo as placaxes do equipo defensor (enténdase por placaxe calquera agarre que realice o xogador defensor cos brazos a calquera parte do corpo do atacante dende os ombreiros cara abaixo - prohibido placar a cabeza ou o pescozo),
  • dar pases cara atrás ou ó costado (o pase cara adiante está prohibido); ou
  • mediante patadas cara ó territorio rival.

A forma de poñer o balón en xogo no rugby é moi característica. Cando o balón sae fóra do campo ponse en xogo mediante un saque lateral (touche en francés ou line out en inglés) onde a cantidade de xogadores é definida polo equipo que ingresa a pelota e pode variar dende dous xogadores até os catorece xogadores, sen contar ó xogador que introduce a pelota (xeneralmente o hooker ou talonador), e tras unha falta menor (un pase adiantado, por exemplo) ou para reiniciar o xogo logo dunha formación onde a pelota non saíu para ningún dos dous equipos mediante unha melé (scrum en inglés).

A melé
Touche

En ambos casos, do que se trata é de que o contrario tamén teña opción de obter o balón. Outra cousa son as infraccións maiores, que se penalizan cun golpe de castigo (penalty en inglés), no que o balón xógao directamente o equipo non infractor coa man ou pateándoo, e pode dar lugar a tiro a paus para conseguir 3 puntos ou patear cara ó touch (despexar) coa intención de gañar terreo xa que o reinicio, un line, o realizaría o mesmo equipo que pateou.

Durante o desenvolvemento do xogo, e como consecuencia das técnicas de contacto, prodúcense agrupacións espontáneas dos xogadores co obxectivo de conservar ou recuperar o balón. Son as melés abertas ou rucks (co balón no chan) e os moles (co balón na man), ambas coas súas regras particulares.

Modalidades de rugby[editar | editar a fonte]

Bóla de rugby da selección italiana

Rugby 15 ou rugby union[editar | editar a fonte]

A versión deste deporte máis coñecida é a do rugby xogado por equipos de quince xogadores, aínda que non é a única. É o que se coñece no mundo anglosaxón como rugby union, en referencia á "Federación" (Union) de clubs que se rexen por unhas mesmas normas e que, tradicionalmente, foron universitarios ou afeccionados.

Primeira liña:

  • 1 - Loose head Prop - Pilier esquerdo
  • 2 - Hooker - Talonador
  • 3 - Tight head Prop - Pilier dereito

Segunda liña: xeneralmente os xogadores máis altos do equipo, tamén encargados de gañar o balón en saques dende o lateral (touche, line-out)

  • 4 - Lock (2nd row) - Segunda liña
  • 5 - Lock (2nd row) - Segunda liña

Terceira liña:

  • 6 - Flanker - Terceira liña ou terceira á
  • 7 - Flanker - Terceira liña ou terceira á
  • 8 - Number 8 - Terceira centro ou número 8

Liña de 3/4 ou "backs": Nos distintos países estes xogadores reciben diferentes nomes de acordo coa súa propia tradición. Así, nos países do hemisferio sur, o apertura (nº 10) e o primeiro centro (nº 12) denomínanse respectivamente first e second five eights.

  • 9 - Scrum-half - Medio-melé: é o encargado de dirixir ós dianteiros e enlazar coa liña de tres cuartos
  • 10 - Fly-half - Apertura
  • 11 - Left wing - Á esquerdo
  • 12 - Inside center - Primeiro centro
  • 13 - Outside center - Segundo centro
  • 14 - Right wing - Á dereito
  • 15 - Full back - Defensor
Situación dos xogadores de Rugby 15 dentro do campo de xogo
1 Pillier esquerdo 2 Talonador 3 Pillier dereito
4 Segunda liña 5 Segunda liña
6 Terceira liña 8 Terceira liña centro 7 Terceira liña
 
9 Medio melé
10 Medio apertura
12 Primeiro centro
13 Segundo centro
11 Ala esquerdo 14 Ala dereito
15 Zagueiro


É famosa a frase de Jean Giraudoux, que describiu un equipo de rugby do seguinte xeito: "Un equipo de rugby está formado por 15 xogadores: oito son fortes e activos, dous lixeiros e astutos, catro altos e rápidos e un que é modelo de flema e sangue fría. É a proporción ideal entre os homes", onde fai referencia ós oito dianteiros, ós dous medios -de melé e apertura-, ós 4 tres-cuartos (dous centros e dúas ás) e ó defensor respectivamente.

Un partido dura 80 minutos, dividido en dous partes de 40 minutos.

Rugby 13 ou rugby league[editar | editar a fonte]

Agora ben, é preciso ter en conta que dende o século XIX existe en Inglaterra unha variante cuxas regras difieren en parte e que xogan equipos de trece xogadores; estes foron profesionais practicamente dende a implantación desa modalidade. A ese xogo chamóuselle rugby league [1], en referencia ó campionato de liga en que se enfrontaban os clubs que remuneraban ós seus xogadores. De Inglaterra, pasou a algúns países da esfera cultural e de influencia británica (Australia, Nova Zelandia) así como a Francia.

Rugby 7 ou seven-a-side[editar | editar a fonte]

O formato de rugby de sete xógase normalmente en torneos curtos (dun día ou unha fin de semana). Utilízase o mesmo campo que na modalidade de quince homes, pero con só sete xogadores por equipo. O partido divídese en dous tempos que duran entre sete e dez minutos. Actualmente existe un Campionato do Mundo de Rugby a 7 e un circuíto mundial.

O rugby no mundo[editar | editar a fonte]

Arxentina contra Francia

O rugby é o segundo deporte de equipos máis popular no mundo, só sendo superado polo fútbol. Disputado en máis de 120 países, é extremadamente popular nas Illas Británicas, en Australia (Wallabies), en Nova Zelandia (The All Blacks), en Suráfrica (The Springboks) e en Francia (Les Bleus), sendo esas as grandes potencias do deporte. É tamén bastante popular en Italia ('Gli Azzurri) e na Arxentina (Los Pumas). Fóra dos Xogos Olímpicos dende 1928, todo indicaba que o deporte volvería á familia olímpica nos xogos de 2012 (mais aí, talvez, coa súa versión reducida, o rugby de sete jogadores, coñecido como Seven-A-Side), con todo tal expectativa non foi confirmada polo Comité Olímpico Internacional e o rugby non volverá ás Olimpíadas nesa data.

O Mundial de Rugby é o principal evento entre seleccións. Disputada cada catro anos, trátase do terceiro evento deportivo máis visto no planeta (detrás da Mundial de Fútbol e dos Xogos Olímpicos).

Outros importantes torneos son o das Seis Nacións (torneo deportivo entre seleccións máis antigas do mundo), disputado por Inglaterra, Escocia, País de Gales, Irlanda, Francia e Italia; e o Tres Nacións, disputado por Australia, Nova Zelandia e Suráfrica. Alén deses campionatos, as principais seleccións do mundo disputan anualmente unha serie de amigables, denominados Tests.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. DUNNING, Eric e SHEARD, Kenneth Barbarians, gentlemen and players: a sociological study of the development of rugby football. Oxon: Routledge. 2005. pp. 52–53

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Rugby

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]