Mosteiro de San Martiño Pinario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°52′54.52″N 08°32′40.03″O / 42.8818111, -8.5444528

Fachada desde a Acibechería (Praza da Inmaculada).

O mosteiro de San Martiño Pinario é un mosteiro beneditino fundado no século X e que no século XVI, coa reforma promovida polos Reis Católicos, dirixiu e gobernou a totalidade dos mosteiros bieitos masculinos de Galicia.

Situación[editar | editar a fonte]

Sitúase na zona vella da cidade de Santiago de Compostela, fronte á fachada da Acibechería da Catedral e ocupa 22.000 m².

Historia[editar | editar a fonte]

Símbolo do mosteiro, un dos moitos situados nas fachadas das casas santiaguesas que foron propiedade do mosteiro. Representa un piñeiro e as letras S(an) M(artiño).

Tivo a súa orixe nun oratorio coa advocación de Santa María denominado da Corticela que foi derrubado a finais do século IX, agás a capela, que hoxe en día forma parte da Catedral de Santiago, cando o rei Afonso III o Magno e o bispo Sisnando iniciaron a nova fábrica catedralicia.

Deste xeito, cara ao ano 899, edificouse este mosteiro a onde se trasladaron os monxes beneditinos do antigo oratorio. Este mosteiro logo foi substituído por outro cenobio cuxa igrexa foi consagrada no ano 1102 polo bispo Xelmírez, mais non é moito o que fica daquela época.

Ao longo da Idade Media o mosteiro medrou de tal xeito que a finais do século XV converteuse no máis rico e poderoso de Galicia. Isto comportou que fose reedificado case completamente a partir do século XVI. Desde ese século foi o máis poderoso de Galicia tendo baixo a súa dependencia a maioría dos mosteiros galegos.

Coa desamortización no ano 1835 dedicouse a varias funcións e desde o ano 1868 converteuse na sede do seminario maior da Arquidiocese católica latina de Santiago de Compostela.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Mestúranse nel elementos renacentistas, barrocos e neoclásicos. Pero fundamentalmente trátase da gran fábrica do renacemento galego, coa gran reconstrución iniciada na segunda metade do século XVI, abandonándose definitivamente a tradición plateresca cuxo final o simbolizan as obras da Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra.

Deste xeito Mateo López tras rematar o coro do templo pontevedrés realizou o proxecto ou traza universal e a fachada da igrexa de San Martiño. Durante o longo proceso construtivo participaron tamén o experto trazista e tratadista de cantaría Ginés Martínez e o arquitecto granadino Bartolomé Fernández Lechuga.

A fachada principal[editar | editar a fonte]

A fachada principal oriéntase cara ao sur e ten diante uns xardíns que constitúen a praza da Inmaculada. Foi deseñada por Gabriel de las Casas e comezouna a construír o mestre González Araujo e acabada por Fernando de Casas e Novoa. Conformada por cinco pavillóns a monumental fachada que data do ano 1738 ocupa a parte central e accédese a ela desde unha tripla escalinata pétrea. Nela catro grandes columnas dóricas soportan un entaboamento con pináculos. Sobre a porta hai unha imaxe de San Bieito, un gran escudo de España e San Martiño a cabalo no alto partindo a súa capa cun pobre.

A Igrexa[editar | editar a fonte]

Fachada da igrexa.
Interior.

A igrexa, iniciada cara ao ano 1590 e rematada entre o ano 1645 e o 1652, é obra de Mateo López y González de Araújo. De grandes dimensións e primando nela un sobrio estilo clasicista ábrese á praza que leva o nome do mosteiro, que baixa cara ela.

A planta da igrexa ten unha soa nave lonxitudinal, cuberta con bóveda de canón con falsos casetóns. Ordénase arredor dunha cruz latina con capelas laterais que conforman coa súa composición un gran rectángulo. Ábrense á nave seis capelas laterais entre os contrafortes que comunican entre si e teñen o mesmo tipo de bóveda que a nave. Nelas hai retablos do século XVIII con esculturas de Ferreiro e Silveira entre outros. O cruceiro ilumínase por medio dunha cúpula de media laranxa, a maior ata o momento das construídas en Galicia. Foi deseñada por Bartolomé Fernández Lechuga, e rematada no ano 1626, seguindo o modelo da primeira gran cúpula do renacemento español, a cúpula da catedral de Granada, obra de Diego de Siloé, que a súa vez responde a unha tipoloxía florentina do século XV.

Os muros da nave central articúlanse sobre unha ordenación de arcos dobres apoiados sobre pilastras xónicas, a imaxe dos templos portugueses de Amarante ou Ponte de Lima.

O tipo de bóveda que cobre a nave central, as capelas laterais e as salas laterais á ábsida son de deseño reticular de falsos casetóns ou artesóns.

O cadeirado do coro, barroco, é obra de Mateo de Prado entre os anos 1639 e 1647. As balconadas barrocas que sustentan o coro, así como a escaleira do claustro son obras de Frei Tomás Alonso, coa característica exuberante decoración vexetal. O retablo do altar maior foi construído entre o ano 1730 e o 1733 por Fernando de Casas Novoa e Miguel de Romay. É un retablo bifronte, coa cara posterior de madeira pulida. Acolle as representacións da coroación da Virxe e as ecuestres de San Martiño, o Apóstolo Santiago e san Millán da Cogolla.

Este retablo, xunto cos situados a cada lado do cruceiro, forman parte dun gran discurso iconográfico deseñado por Casas.

O retablo do lado do evanxeo é coñecido como da Virxe Inglesa. Está presidido por unha imaxe da Virxe datada arredor do ano 1500 e da que hai referencias nos libros do templo desde 1607. O resto de figuras do retablo están relacionadas coa Virxe: San Xosé co neno, San Xoán Bautista, e os pais de María: Xoaquín e Ana.

O retablo do lado da epístola, da mesma estrutura que o anterior, está adicado a San Bieito, fundador da orde propietaria do templo. A figura central é a do santo cos seus atributos de autoridade e dignidade (a mitra e mais o báculo), o da súa labor lexislativa (o libro da regra) e do seu poder taumatúrxico (o corvo co pan no peteiro). Na parte superior, un altorrelevo representa a éxtase do santo. Completan o retablo catro figuras de santos bieitos: Mauro e Plácido, discípulos de Bieito desde a nenez, Anselmo abade e San Tomé de Aquino.

Nos remates dos dous retablos do cruceiro aparecen catro figuras de santos fundadores de ordes relixiosas, en concreto das catro ordes principais presentes na cidade no tempo: San Domingos de Andrade, San Ignacio de Loiola, Santo Agostiño e San Francisco de Asís. Destaca esta última figura, na que o santo aparece vestido de peregrino e cunha cesta con peixes na man. As terras veciñas nas que erguen a igrexa e o mosteiro de San Franscisco foron cedidas polos bieitos de Pinario aos franciscanos. O simbólico pagamento desta cesión era unha cesta anual de peixes. Esta historia é a que se representa na imaxe.[2]

A fachada, comezada no ano 1598 e rematada no ano 1645, é obra do portugués Mateo López. De gustos platerescos, ten estrutura de retablo dividido en tres plantas construídas en ordes corintia e composta e mostra as figuras da Virxe co neno e varios santos abades beneditinos. O Pai Eterno preside o frontón triangular. San Martiño culmina o conxunto no alto do mesmo na súa representación máis clásica: a cabalo e partindo a súa capa para abrigar a un mendigo.

Os claustros[editar | editar a fonte]

O mosteiro conta con dous claustros construídos, o máis grande deles, o procesional, comezado a construír no ano 1636 seguindo o proxecto clasicista de Bartolomé Fernández Lechuga (o autor do cruceiro da igrexa), e iniciado no ano 1638 por José Peña de Toro e continuado por Fernando de Casas Novoa, quen o rematou no ano 1743. Configúrase nunha planta cadrada con dúas plantas con pares de columnas dóricas que soportan arcos de medio punto na planta inferior e balcóns na superior. No medio, unha fonte barroca obra de Casas e Novoa 1747.

Desde este claustro accédese ao piso principal, obra de Fernández Lechuga cara o ano 1627.

No interior acumúlanse pezas de moito valor, coleccións de ourivaría, pinturas, obxectos sacros etc. Pódense visitar o oratorio de San Filipe Neri, a sancristía, a botica, a capela das reliquias e o claustro procesional.

Situación actual[editar | editar a fonte]

Na actualidade funciona como Seminario Maior, residencia de estudantes e sede da Escola Universitaria de Traballo Social, centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela, así como sede do Instituto Teolóxico Compostelán. Nel tamén se sitúa o Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Retablo. 
Vista superior do coro. 
Aldraba. 
O Seminario Maior desde os tellados da Catedral. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Castillo 1987, p. 556.
  2. Cegarra, Basilio (1992). Guía da arte de Galicia. Editorial Galaxia. p. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-7154-847-X. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]