Parque de Galeras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Restos do pazo do Espiño, no Carme de Abaixo.

O Parque de Galeras, ou parque das Galeras, é un xardín urbano de Santiago de Compostela, que se estende ao redor das marxes do río Sarela.

Características[editar | editar a fonte]

Cunha extensión de 31 153 m² o parque das Galeras esténdese a ambas as beiras do río Sarela sobre un terreo case plano, no que desemboca nel o río Corgo, mais ben un regato, aínda que caudaloso nos meses chuviosos.[1] Esta case plana valgada está delimitada polo oeste polo pazo do Espiño —romántico palacete modernista rodeado dun bosque frondoso— e o monte Pío —onde está a residencia oficial da presidencia da Xunta de Galicia, obra do arquitecto galego Manuel Gallego Jorreto caracterizada pola súa discreta integración no outeiro no que se asenta—,[2] e polo leste pola cidade vella, o que permite apreciar o contraste entre o tamaño dos bloques de vivendas e dos grandes edificios singulares (Catedral, Convento de San Francisco, Facultade de Medicina, Mosteiro de San Martiño Pinario, antigo Hospital) e as pequenas casas e construcións de escala rural que soben cara o monte Pedroso. Marca, por tanto, o límite entre a cidade e o sue contorno natural.

As Galeras é sobre todo unha gran pradería, moi adecuada para o paseo, os xogos infantís e a práctica deportiva, que ten nos seus bordos, ademais, varias arquitecturas de autor, e cafetarías e restaurantes con vistas sobre o parque.[3]

Datos de interese[editar | editar a fonte]

É un pequeno parque de pendente mínima, que pode percorrerse en dez minutos. Pode visitarse as 24 horas do día. Dispón de amplas zonas de céspede, boas vistas, miradoiro, aéras de descanso con bancos , itinerarios peonís e pode percorrerse en bicicleta. É accesíbel para persoas con diversidade funcional. Ten fontes de auga potábel, un parque de xogos infantil e zonas deportivas. Dispón de iluminación nocturna. E, evidentemente, de cursos de auga: río e regato. Na súa proximidade hai zonas de aparcamento (de pago).[3]

Nos arredores[editar | editar a fonte]

A vacariza do Carme de Abaixo era unha antiga explotación gandeira cuxos terreos e estruturas acollen hoxe varios edificios de vivendas, exquisitamente rehabilitados polo arquitecto Vítor López Cotelo. A calidade da intervención aí levada a cabo por este autor fíxoa merecedora do premio da Bienal Española de Arquitectura no ano 2003. Fronte á vacariza, rodeada de árbores froiteiras, está o CEIP Raíña Fabiola, proxectado polo arquitecto italiano Giorgio Grassi. Na súa simetría e regularidade, a obra mostra os valores de intemporalidade que impregnan a obra deste autor, e que lle permiten aparecer no centro do terreo como un volume sólido, sereno, sen formas sorprendentes: como se sempre estivera alí. E fronte ao colexio, sobre un pequeno outeiro e rodeado por unha frondosa vexetación, está o pazo modernista do Espiño, construído a principios do século XX. No barrio das Galeras destaca ademais, polo volume e a regularidade da súa arquitectura, o que foi até hai uns anos Hospital Xeral de Galicia, trasladado na actualidade ao barrio da Choupana, na periferia da cidade. Desde o parque das Galeras poderíase continuar, nun paseo alternativo duns 40 minutos, até o cumio do monte Pedroso, a referencia paisaxística ineludíbel desde calquera punto da cidade. Esta interdependencia paisaxística motivou que, hai xa tempo, se protexese esa zona da construción, de modo que ningún edificio poida nunca competir en altura, nin en visibilidade, nin en dominio territorial, coa Catedral.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O río Corgo en Vista Alegre en CompostelaVerde (en castelán).
  2. 2,0 2,1 Parque de Galeras 2 en SantiagpTurismo.com (en castelán)
  3. 3,0 3,1 Parque de Galeras 1 en SantiagpTurismo.com (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]