Saltar ao contido

Convento de San Paio de Antealtares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Convento de San Paio de Antealtares

Tipomosteiro Editar o valor en Wikidata
Parte deCamiño de Santiago francés na provincia da Coruña Editar o valor en Wikidata
Estiloarquitectura barroca Editar o valor en Wikidata
Localización
Mapa
 42°52′50″N 8°32′35″O / 42.8806, -8.5431
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
Provinciaprovincia da Coruña
ConcelloSantiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Patrimonio cultural
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade
Data?
Identificador669-905
Wikidata ]

San Paio de Antealtares é un convento do século IX de monxas beneditinas de clausura. Está situado no casco vello de Santiago de Compostela, fronte á cabeceira da catedral de Santiago de Compostela, pechando a praza da Quintana.

Vista desde a rúa da Conga.

Mosteiro primitivo

[editar | editar a fonte]

O primeiro mosteiro foi fundado por volta do 830 por Afonso II o Casto e ocupárono unha ducia de monxes bieitos comunidade que tiña como misión atender e manter o culto ás reliquias do apóstolo Santiago o Maior. A esta primeira comunidade entregou o rei un pequeno couto que pouco despois ampliou ata chegar ás 3 millas desde a igrexa de Santiago. Levantouse o mosteiro ao leste do mausoleo romano onde se atoparon os restos apostólicos, en fronte da súa porta de acceso, o que fixo que o mosteiro recibise a denominación de Antealtares. Ningún vestixio ten chegado ata os nosos días daquela primeira construción xa que desde o século IX ao XI estivo contiguo ao testeiro da igrexa de Santiago, no lugar que ocupou a cabeceira do templo románico da catedral que substituíu a antiga igrexa.

En 1077, o abade Faxildo e o bispo Diego Páez chegaron, na Concordia de Antealtares, a un acordo sobre q nova localización do mosteiro, que se situaba diante dos tres altares, na honra do Salvador, de San Pedro e de San Xoán. Neste mosteiro disque compuxo o bispo San Pedro de Mezonzo o himno "Salve Regina". Nos anos de decadencia, os monxes bieitos abandonárono case en ruínas (derrubouse en 1256) e instaláronse en San Martiño Pinario.

O Estudio de Gramática

[editar | editar a fonte]

O 4 de setembro de 1495 outorgáronse as escrituras de doazón de tódalas dependencias do mosteiro agás a igrexa para que Lopo Gómez de Marzoa funde nel un colexio para estudantes pobres, o coñecido como Estudio de Gramática, xermolo da Universidade de Santiago de Compostela.

En 1499 foi ocupado por unha comunidade de monxas bieitas de clausura, que nel permanece até hoxe.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Fachada que dá á Vía Sacra.

A construción da igrexa, encetada en 1700, durou nove anos e iniciouna frei Gabriel de Casas, no ano 1699, coa demolición da anterior igrexa. En 1703 a comunidade beneditina retirou a súa confianza o arquitecto (pola lentitude das obras) e foi Pedro García quen continuou as obras, seguindo as trazas xa iniciadas. O novo templo inaugurarase solemnemente no ano 1707.

A fachada é sinxela pero monumental e mostra a San Paio mártir. A planta é de cruz grega e está recuberta con bóvedas de canón con casetóns. A cúpula elévase sobre pendentes moi decorados e remata nunha lanterna que ilumina o interior.

Imaxinería

[editar | editar a fonte]

O retablo maior é obra de Francisco Castro Canseco (1714) e nel aparecen tres santos, San Bieito, San Plácido e San Mauro e tres santas, Santa Escolástica, Santa Xertrude e Santa Francisca Romana, conducindo a imaxe de San Paio, arrodeado por Santiago e San Fernando montados a cabalo (inspirados no baldaquino catedralicio). O conxunto complétase cunha Asunción da Virxe, acompañada polos apóstolos Pedro e Paulo. O órgano, construído en 1782 polo mestre Alberto de la Peña, foi restaurado recentemente.

Convento actual

[editar | editar a fonte]

Do mosteiro primitivo só se conservan uns capiteis e unha ara de mármore branco. O actual comezouse a construír no século XVI e rematouse só en 1793. A renovación comezouse no ano 1600. Encargóuselle a Mateo López a traza da zona occidental, cara á praza da Quintana e construíuse un lenzo monumental e austero. No 1641 Jácome Fernández Fillo rematou parte deste lado trazado por Bartolomé Fernández Lechuga. Entre 1653 e 1657 construíuse un pasadizo que enlaza esta parte coa igrexa.

A fachada que dá á praza da Quintana, é sobria e utiliza exclusivamente liñas rectas. A súa monumentalidade provocou os celos do arcebispado e foi a principal causa da remodelación da cabeceira románica da Catedral, obra que deu como resultado o aspecto que posúe actualmente.

Detalle da porta dos Carros. Representa a fuxida a Exipto.

A fachada que dá á Vía Sacra, obra de Melchor de Velasco comezada cara ao ano 1658, presenta unha portada, a Portería, enmarcada nun arco de medio punto baixo un friso de tríglifos e métopas entre dúas xigantes columnas dóricas. Na parte superior sitúase un frontón curvo partido cun escudo imperial. Todo iso realizado en claro estilo clasicista.

A partir de 1744 construirase o espazo ao longo da Vía Sacra que vai desde a portería ata a chamada Porta dos Carros, no que destaca o conxunto de chemineas que rematan o edificio e a estrutura da Porta dos Carros. Esta é froito de dúas etapas e trazas ben distintas; a primeira relacionada con Fernando de Casas Novoa, e unha segunda, na que a partir de 1749 Lucas Ferro Caaveiro aumentaralle a altura cun miradoiro sobre a balaustrada.

A porta presenta unha escena da Fuxida a Exipto relacionada co facer de Francisco de Lens.

Situación actual

[editar | editar a fonte]

Na actualidade atópase en bo estado de conservación.

Desde a igrexa pódese acceder ao Museo de Arte Sacra de Antealtares, inaugurado en 1873 e que ofrece unha colección de obxectos litúrxicos.

Ademais, hoxe en día pódense mercar nel doces elaborados polas monxas que o habitan.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]