Edificio Docente Roberto Novoa Santos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

O Edificio Docente Roberto Novoa Santos da USC, integrado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), é un edificio anexo ao novo Hospital Clínico.

Historia[editar | editar a fonte]

O ano 2015 marca un antes e un despois na ensinanza da medicina en Santiago de Compostela. Porque para esa data, a Universidade de Santiago de Compostela prevía inaugurar os últimos edificios do soñado Campus da Saúde da Choupana, xusto ao lado do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Así, as Facultades de Medicina e Odontoloxía e a Escola Universitaria de Enfermaría (futura Facultade, sen dúbida) trasladaranse dentro duns poucos anos ao Campus Sur, integradas dentro do ambicioso proxecto do Campus Vida.[1]

O novo edificio foi inaugurado o 21 de setembro de 2009 polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, que o cualificou como «unha peza moi importante» do Campus de Ciencias da Saúde. O reitor presentou o novo edificio como un dos referentes «do que é a asistencia clínica, a docencia e a investigación no ámbito das ciencias da saúde» e indicou que a universidade colaborou financiando a súa construción con «6 millóns de euros». A «boa colaboración» que manteñen a USC e a Consellería de Sanidade terá como froito, segundo Barro, «máis infraestruturas compartidas e colaboración a nivel docente». Xa que «compartir sempre é moito mellor que competir», dixo, ambas as entidades tamén colaboran no ámbito da investigación, por exemplo, coa creación do Instituto de Investigacións Sanitarias.[2]

O Edificio Docente Roberto Novoa Santos, un inmoble de más de 5 200 m² en cinco andares, alberga xa as clases dos estudantes de Medicina desde hai meses. Os futuros médicos deixarán de estar no edificio da rúa de San Francisco para trasladarse a un maior: serán 13 785 m² de construción nos que se incluirá unha biblioteca de Ciencias da Saúde.[1]

Características[editar | editar a fonte]

O edificio ten unha superficie de 5 240 m² distribuídos en cinco plantas das que dúas son de semisoto. Este espazo dedicado á docencia está dotado con seis aulas con capacidade para 120 alumnos, outras tantas para 48 alumnos, tres titorías, un seminario, unha aula magna para 342 persoas, unha biblioteca, cafetería e vestiario para o alumnado.[3]

O arquitecto redactor do proxecto foi Miguel Pérez Moreiras, correspondéndolle a adxudicación da construción do edificio á empresa Dragados S.A. Para a súa execución foi necesario construír ao mesmo tempo un novo heliporto que posibilitase as manobras dos helicópteros segundo a normativa da aviación civil. Estas obras foron contratadas pola USC á mesma empresa e súa construción foi realizada de maneira coordinada coa do edificio. Isto motivou retardar a execución das primeiras fases da obra, debido a que non se puideron instalar guindastres fixos por motivos de seguridade.[3]

O anteproxecto do arquitecto Manuel Gallego Jorreto resolveu convenientemente un dos maiores problemas á hora de construír as edificacións: o uso intensivo da parcela dedicada a Enfermería. Por iso, os usos propios da vida colectiva estudantil trasladaranse a Odontoloxía. Mediante unha pasarela, ambos centros quedarán unidos, polo que serán un único complexo. Ademais, Odontoloxía contará cunha zona autónoma dedicada á atención ao doente que contará con acceso propio. Situarase na planta baixa e sobre ela se desenvolverase a actividade investigadora do centro. A área clínica contará con 32 boxes e dúas salas de recuperación, así como zonas de revelado, baleirado de modelos dentais, radiodiagnóstico e esterilización. Para a investigación dedicaranse 13 unidades para as especialidades con atención a doentes e catro laboratorios especializados. Enfermaría, pola súa parte, contará con dous laboratorios docentes, seis de investigación, outras tantas aulas e un total de oito seminarios.[1]

Transformación do barrio da Choupana[editar | editar a fonte]

Con estas novas construcións, o barrio da Choupana perfílase como a extensión do Campus Sur da USC, e en poucos anos está chamado a ser o corazón do Campus Vida, porque albergará xunto ao Hospital Clínico a nova Facultade de Medicina e a Escola de Enfermaría. Nesta zona avanzan as obras do Cimus, e xa funciona o Edificio Docente Roberto móvoa Santos, que permite compatibilizar mellor a alumnos e docentes as clases teóricas e as prácticas no complexo hospitalario. Ao outro lado da estrada, no Campus Sur, prevense construír as novas instalacións Odontoloxía e Enfermería, que permanecen por agora no casco histórico de Santiago. O arquitecto Manuel Gallego Jorreto concibiu un sistema de pasarelas e pasos subterráneos que comunicarán estes futuros inmobles cos da Choupana, de modo que sexa posíbel ir dun extremo ao outro, até case as portas do Clínico, sen ter que camiñar nada ao descuberto.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]