Pazo de Fondevila

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°52′53.9″N 8°32′29.0″O / 42.881639, -8.541389

Unha das entradas do pazo de Fondevila
Outra das entradas do pazo
O escudo no chaflán

O pazo de Fondevila é un pazo urbano situado no número 14 da rúa das Casas Reais de Santiago de Compostela, fronte da Capela de Ánimas.

Características[editar | editar a fonte]

A impresión de nobreza austera que presenta está acentuada polo lugar onde se ergue, na rúa das Casas Reais, que debe o seu nome aos varios edificios que alí existían, onde residía o alto clero de Santiago. Na actualidade, desas casas de nobres, ademais do pazo de Fondevila, só queda o Palacio Vello do Conde de Aranda, no que funcionou a primeira oficina do notariado de España.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O pazo foi construído inicialmente en 1660 pola familia Sánchez Boado para a esposa do alcalde Pedro Varela Fondevila.[2] Pero o seu aspecto actual débese ao arquitecto Clemente Fernández Sarela, que o reconstruíu no ano 1760. O nome do pazo débese, pois, a Pedro Varela Fondevila que, ademais de alcalde, era irmán de Xoán Varela Fondevila, bispo auxiliar da arquidiocese compostelá e cuxo corpo repousa na Catedral.[3]

A estrutura do edificio responde á típica arquitectura palaciana do barroco compostelán.[2] É de planta rectangular e consta de tres andares. Destacan nel os seus dous balcóns, un no frontón superior, e o clásico balcón nobiliario da segunda planta. No nivel inferior hai tres posíbeis accesos ao interior do edificio. A decoración céntrase na esquina en chafrán do edificio, na que se pode ver baixo un frontón circular, un ostentoso escudo coas armas do seu primeiro propietario. Tamén é notábel o encadramento das fiestras e os balcóns voados.[4][5][6]

O pazo de Fondevila foi unha das residencias da nobreza que residía no casco histórico compostelán, de aí o propio nome da rúa na que está situado, aínda que co paso dos anos esta zona centro da cidade acabou quedando en desuso por parte da nobleza debido a que a zona se converteu en punto comercial preferente para os santiagueses. O seu último uso coñecido foi o de albergar a biblioteca da fundación dunha entidade financeira, a extinta Caja Madrid.[5][6]

Na actualidade[editar | editar a fonte]

Na actualidade o edificio non é visitábel, sendo de propiedade privada desde que foi comprado, en decembro de 2019, polo grupo de restauración "La Penela", polo que pronto volverá a recobrar a vida no seu interior, posto este grupo investidor presentou xa o proxecto ao Concello de Santiago de Compostela para abrir un restaurante de cociña galega neste espazo. «Encontramos o pazo en bastante bo estado, porque xa fora rehabilitado para os seus anteriores usos», dixo o xerente do grupo, que espera abrir este mesmo ano de 2021 para aproveitar o tirón do Xacobeo.[5][6][7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pazo de Fondevila, en Centro Virtual Cervantes. Instituto Cervantes. Consultado o 4 de xuño de 2021.
  2. 2,0 2,1 Alonso Ruiz, Begoña (1993): Arquitectura señorial en el norte de España. Oviedo: Universidade de Oviedo. ISBN 978-84-7468-780-4, pp. 55-56.
  3. Pazo de Fondevila en Artehistoria.
  4. Pazo de Fondevila en santiagoturismo.com.
  5. 5,0 5,1 5,2 "Compostela, de pazo en pazo". El Correo Gallego. 19 de febreiro de 2018. Consultado o 4 de xuño de 2021. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Pazo de Fondevila en paxinasgalegas.es.
  7. Calveiro, Patricia (26 de febreiro de 2021). "Avanza el proyecto del grupo La Penela para abrir un restaurante en el santiagués pazo de Fondevila". La Voz de Galicia. Consultado o 4 de xuño de 2021. 
  8. García, David García (4 de xuño de 2021). "La historia del éxito empresarial de La Penela: de Coirós a París, pasando por A Coruña, con la tortilla de Betanzos". La Voz de Galicia. Consultado o 4 de xuño de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]