Castrosua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castrosua
Tipo Sociedade Anónima
Fundación 1948 O Carballiño, Ourense
Localización Estrada da Coruña, km 59,5 15890 Santiago de Compostela
Fundador José Castro Suárez
Industria Autobuses
Produtos Autobuses
Páxina web castrosua.com

Carrocera Castrosua, S.A. é unha empresa galega construtora de carrozarías de autobuses, con sede Santiago de Compostela.

Historia[editar | editar a fonte]

Scania N-270 UB 4x2 Castrosua City Versus.

Castrosua foi fundada en 1948 no Carballiño por José Castro Suárez. Nese mesmo ano a empresa mudouse a Vilagarcía de Arousa, a unha fábrica de 200 m² onde se construían carrocerías de madeira e chapa. Posteriormente abriu nas Carolinas (tamén en Vilagarcía) unha nave de 2.000 m², e anos despois outra en Santiago de Compostela de 2.500 m².

En 1965 fusionouse con Carrocerías Caride, fundándose Castro-Caride. Despois chegou a fusión con Obradors e Barro Chavín, fundándose Unicar. A empresa tiña factorías en Ourense, Vilagarcía de Arousa, Compostela, Manresa e Viveiro. En 1966, abandonada xa a madeira, chegou a un acordo coa empresa sueca Scania para a fabricación conxunta, encargándose a empresa sueca dos mecanismos e a galega da montaxe das carrocerías.

A crise do petróleo e diferentes conflitos no mercado nacional do autobús provocaron a disgregación de Unicar, establecéndose de novo Castrosua. Na década de 1980 era xa un dos principais produtores de autobuses interurbanos.

Posteriormente deixou de fabricar autobuses de liña, e en 1998 ampliou o grupo coa creación de tres sociedades máis, Castro Inversión y Desarrollo, Insular Carrocera de Las Palmas e Castro Carrocera (Carsa), que ten a súa planta de produción en Vilagarcía, unicamente dedicadas á produción e ao financiamento de autobuses urbanos. Porén, en 2006 recuperou a fabricación de autobuses de liña.

En 2008 a planta tiña máis de 600 traballadores, producía 450 autobuses urbanos ao ano e abranxía o 50% do mercado español dese tipo de vehículos.[1] O volume de negocio en 2003 era de 30 millóns de euros anuais, conforme fontes da propia empresa.[2]

Modelos actuais[editar | editar a fonte]

A produción de Castrosua está destinada principalmente ao tráfico urbano (modelos CS-40 e City Versus) e suburbano (CS-40 Magnus), se ben a través da filial Carsa comeza a internarse no segmento do autocar coa carrocería Master 36.

CS-40 City II[editar | editar a fonte]

Aparecido a finais da década de 1990 coma un reestyling do modelo CS-40 City, foi un dos maiores éxitos da compañía, pois ao ser carrozable sobre a práctica totalidade de chasis do mercado, puideron comercializarse infinidade de versións (piso baixo, low-entry etc) en múltiples lonxitudes comprendidas entre 10 e 18 metros, sendo a máis vendida a versión de 12 metros.

Deseñada para o servizo urbano, vendéronse tamén versións para tráfico suburbano e mesmo para servizos interurbanos de proximidades. Destaca a incorporación masiva desta carrocería aos primeiros 276 Iveco CityClass adquiridos pola EMT de Madrid, así como a un total de 36 unidades MAN NL/263 F, tamén do parque da EMT. Este modelo mantívose en catálogo até a aparición do modelo City Versus, unha nova versión da CS-40 pero cun deseño completamente novo.

Con todo, malia que foi descatalogada, a carrocería CS-40 City II seguiría sendo producida baixo licenza pola empresa Irizar, debido á crecente demanda do mercado marroquí.

City Versus[editar | editar a fonte]

Realizando a liña F de Elche.

O novo modelo urbano da carroceira substitúe ao veterano CS40 City, tanto no catálogo de Castrosua como no das súas filiais Carsa e Insucar. Estruturalmente é idéntica á CS-40 City II, se ben incorpora un novo deseño, ofrecendo ademais un interior renovado. Adaptado ao tráfico das grandes cidades, é carrozable en todos os chasis do mercado en lonxitudes entre 10 e 18 metros. Existen versións de gasóleo e Gas Natural Comprimido (GNC).

CS40 Magnus[editar | editar a fonte]

Man 12.240HOCL-NL Carsa CS40 Magnus.

O CS40 Magnus deriva da versión City, e é estruturalmente idéntica a ela, se ben a parte frontal foi modificada para darlle un deseño máis aerodinámico, tendo un aspecto máis "de autocar" fronte ao testeiro practicamente plano dos autobuses urbanos. Trátase dunha carrocería destinada ao sector interurbano ou de proximidades, carrozable sobre todos os chasis do mercado (Scania, MAN, Volvo, Irisbus...) en lonxitudes entre 10 e 18 metros.

CS40 Magnus S[editar | editar a fonte]

Iveco EuroRider 29A Castrosua CS40 Magnus S.

Trátase da versión elevada do Magnus, adaptada para percorridos máis longos nos que se necesita máis comodidade.

Híbrido Tempus[editar | editar a fonte]

Castrosua Tempus na FIAA 2008 en Madrid.

Castrosua presentou na edición 2008 da FIAA o autobús híbrido eléctrico Tempus[3][4], de 17 prazas sentadas (máis a da persoa que guía) e 40 de pé. É un híbrido enchufable de rango estendido (leva un xerador diésel a bordo para cando se acaban as baterías). Está incluído no proxecto Electrobús do Ministerio de Industria de España / IDAE[5].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]