Pazo dos Condes de Ximonde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non confundir co Pazo de Ximonde en Vedra, propiedade tamén da familia Ximonde.
Pazo dos Condes de Ximonde (Auditorio Abanca)
Pazo dos Condes de Ximonde en Santiago
Edificio
TipoCasa palaciana urbana
Estilobarroco galego
EnderezoRúa do Preguntoiro, 23
LocalizaciónSantiago de Compostela
Coordenadas42°52′49″N 8°32′32″O / 42.880413233564, -8.5422185389844Coordenadas: 42°52′49″N 8°32′32″O / 42.880413233564, -8.5422185389844
Construción
Construciónséculo XVIII
Remateséculo XVIII
Remodelaciónséculo XIX
Dimensións
Plantasterrea e dous andares
editar datos en Wikidata ]

O pazo dos Condes de Ximonde ou Pazo de Ramirás[1] en Santiago de Compostela é unha residencia urbana palaciana, situada no número 23 da rúa do Preguntoiro, na cidade vella.

Foi a residencia señorial dos Condes de Ximonde nesa cidade. Hoxe é un edificio dedicado a actividades culturais, sede do Auditorio Abanca de Afundación.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

O pazo foi a residencia urbana dos Condes de Ximonde en Santiago de Compostela, na rúa do Perguntoiro, durante os séculos XVIII e XIX. Tamén se lle coñecía coma Pazo de Ramirás polo título do home da Condesa de Ximonde, Xacoba Cisneros de Puga, nada o 7 de xaneiro de 1813. Na súa fachada aínda conserva o escudo nobiliario dos antigos propietarios.

Neste palacio residiron os dous primeiros condes, Xoán Antonio e Pedro Cisneros, e maila condesa Xacoba.

Logo do falecemento da condesa, en 1860, foi residencia de Perfecto Conde Fernández, catedrático de Histoloxía da Facultade de Medicina e esposo de Elisa Puga Blanco, filla do curmán e herdeiro universal da Condesa, Manuel María Puga Feijoo. Hoxe é sede do Auditorio da entidade Afundación.

Perfecto Conde Fernández (1847-1903) foi un médico galego, primeiro profesor de histoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Foi catedrático de histoloxía, histoquímica e anatomía patolóxica da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela do 26 de decembro de 1892 ao 30 de decembro de 1903.

Casou, no Pazo de Anzobre, con Elisa Puga Blanco, terceira irmá do xurista e político compostelán Luciano Puga Blanco, coñecido pola defensa que realizou do poeta Curros Enríquez. Perfecto era irmán do Letrado Cándido Conde Fernández, colaborador do bufete de Luciano Puga e que posteriormente foi Notario de Ferrol. A sobriña de Elisa Puga, Manuela Pumpido Puga, que tamén morou no pazo, contraeu matrimonio co irmán de Perfecto, Cándido Conde Fernández.

O condado de Ximonde[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Condado de Ximonde.
Escudo de armas dos condes de Ximonde.

O primeiro titular do Condado de Ximonde foi Xoán Antonio Cisneros de Castro e da Barrera (1725-1798). Recibiu o título de Conde de Ximonde do Rei Carlos III de España, co vicecondado previo de Soar, por Decreto dado no Palacio Real de El Pardo o 14 de xaneiro de 1766. Finou o 20 de decembro de 1798, aos 73 anos.

O segundo titular foi seu fillo Pedro Cisneros de Castro e Ulloa nado o 2 de decembro de 1770, que foi membro da Xunta Suprema que se formou na Coruña durante a Guerra da Independencia, como Rexedor de Santiago de Compostela, e representou ao Reino de Galicia na Xunta Suprema Central. Foi un importante defensor da cultura galega e faleceu en Compostela o 12 de xullo de 1824, aos 53 anos de idade.

Sucedeuno a súa filla, Xacoba Cisneros de Puga, que estivo casada con Xosé Mª Bermúdez Acevedo e morreu en Santiago de Compostela o 9 de abril de 1860 aos 47 anos de idade. A condesa e seu home, señor de Ramiráns e Vilardefrancos, foron partidarios do carlismo. O home da condesa foi o presidente da Xunta Superior que en 1836 constituíron os carlistas na Coruña, ao comezo da primeira guerra carlista, para dirixir as milicias galegas.[3]

Estrutura da edificación[editar | editar a fonte]

O pazo dispuña dunha horta ao leste. Entre esta e o pazo existía unha calella que comunicaba a Rúa das Ameas coa Praza da Pescadería Vella. A calella ficou integrada finalmente no edificio, que coma testemuña conservouse trazada no actual patio de butacas do auditorio.

O edificio foi reformado ao longo dos anos ata en seis ocasións, sendo a de 1909 por Ramón Mosquera Codesido a máis relevante. En 1970, realizouse outra para a instalación dunha tenda.

A edificación orixinal é do século XVIII, edificio urbano en cantaría de granito, con planta terrea e dous andares. Do edificio orixinal consérvanse os dous arcos centrais da planta terra da fachada á rúa do Perguntoiro e o escudo situado no centro da fachada no segundo andar. Os balcóns dos andares primeiro e segundo reformáronse a finais do século XIX.[4]

A fachada conserva o escudo nobiliario dos antigos propietarios, situado no machón central do segundo andar, pódese apreciar as armas da familia: Figueroa (cinco follas de figueira colocadas en aspa), Castro (seis roeis de azur colocados en dous paus de tres), Mendoza (acuartelado en aspa) e Moscoso (unha cabeza de lobo). Aparece así mesmo unha cruz flordelisada da Orde Militar de Santiago e, baixo a coroa, un pequeno escudo xaquelado coas armas da liñaxe dos Cisneros.[5]

Auditorio[editar | editar a fonte]

A adaptación do edificio para o transformar no auditorio Abanca, inaugurado en setembro de 2011, correu a cargo do arquitecto Xosé Luís Pereiro. Respectouse a antiga fisionomía do edificio, mantendo o conxunto arquitectónico que conforma xunto cos inmobles lindeiros. Conserváronse todas as fachadas e muros perimetrais existentes, así como da antiga escaleira, que foi reconstruída na súa totalidade, recuperando os orixinais banzos de granito do seu primeiro tramo. O auditorio ten capacidade para uns 700 espectadores, distribuídos no patio de butacas e un anfiteatro. Posúe foso de orquestra, cámara negra, cuncha acústica, e camerinos.[5]

A oferta cultural xira en torno a tres grandes epígrafes: dous ciclos temáticos (un de danza, lírica e música e outro de teatro), e mais unha programación xenérica orientada a públicos moi diferentes.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Polo título do home da Condesa de Ximonde.
  2. Casa de Maindo
  3. O carlismo galego, Barreiro Fernández. Santiago de Compostela, 1976
  4. "MODIFICACIÓN PUNTUAL DEL PLAN ESPECIAL DE PROTECCIÓN Y REHABILITACIÓN DE LA CIUDAD HISTÓRICA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, RELATIVA A LA UNIDAD EDIFICATORIA 11110 3 – C/ PREGUNTOIRO Nº 23" (en castelán). 2016-03-04. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 19 de novembro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 Afundación
  6. Auditorio Abanca

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]