A igrexa foi construída orixinariamente baixo o impulso do bispo Diego Xelmírez no primeiro terzo do século XII. Desa época existen aínda algúns vestixios, como o pórticorománico, no que destaca o motivo central dunha imaxe da adoración do neno.
Do período gótico destacan principalmente dúas capelas situadas ao lado da nave principal, ao lado da epístola. A primeira destas capelas, máis preto da cabeceira, está dedicada á Virxe María. Segundo o investigador Caamaño, os seus fundadores e patrocinadores foron Lope de Losada e Teresa Gómez Mosquera; existen rexistros do acordo entre Dona Teresa e Sadornín Fernández sobre certos detalles sobre a capela, datados o 2 de maio de 1578. A capela contigua é da mesma época e, como a de Nosa Señora, é de planta rectangular e bóveda, alzada sobre mísulas, con cinco chaves e o mesmo tipo de arco de acceso. Lixeiramente posterior, o alpendre foi construído no inicio do século XVI. O adro ten un arco gótico á fronte e arcos de medio punto nos lados.
Alén da profusión de detalles propios da devoción mariana, os estudosos citan tamén como elemento interesante na igrexa a torre barroca, finalizada no século XVIII. Por causa dos seus trazos vigorosos, segundo Ramón Otero Pedrayo, a igrexa de Santa María Salomé foi «comparada a unha moza aldeá garrida e piadosa nun paseo das damas aristocráticas.»
Tras unhas investigacións descubriuse que esta igrexa formaba parte dun claustro gótico que agora o delimitan a igrexa, as casas parroquiais e as tendas da rúa Nova.[Cómpre referencia]