Rúa da Acibechería (Santiago de Compostela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Rúa da Acibechería
Escudo de Santiago de Compostela.svg Concello de Santiago de Compostela
Rua Acibechería Santiago-numerada e marcada.jpg
Santiago 14-19, Acibechería.JPG
Dimensións
Lonxitude 107 m
Área 500
Localización
Inicio Praza de Cervantes
Fin Praza da Inmaculada
Coordenadas 42°52′52.45″N 08°32′36.25″O / 42.8812361, -8.5434028Coordenadas: 42°52′52.45″N 08°32′36.25″O / 42.8812361, -8.5434028
Outros datos
Nomes alternativos Rúa da Moeda (ata o século XV); Rúa dos Cambeas (non oficial ata o século XV)

A rúa da Acibechería é unha rúa da cidade de Santiago de Compostela, situada ao norte da súa améndoa histórica. É a última rúa que se atravesa antes de chegar á catedral para os peregrinos dos Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Camiño Inglés.

Xeografía e morfoloxía[editar | editar a fonte]

A rúa encóntrase ao norte da antiga cidade, no importante eixo leste-oeste que unía a Porta do Camiño coa Praza do Obradoiro. Une as prazas de Cervantes e da Inmaculada, nun traxecto curto pero algo revirado debido á súa configuración seguindo unha parte da liña da primeira estacada defensiva da cidade.

A numeración da rúa introdúcese bastantes metros na Praza da Inmaculada, desde un pequeno tramo do número 25 ata o número 33, remanente dos tempos nos que no lado norte deste tramo existían unha serie de edificios que foron derrubados no século XVII.

Etimoloxía e toponimia[editar | editar a fonte]

En tempos pretéritos esta rúa recibía o nome de rúa da Moeda (non confundir coa actual rúa homónima) ou dos Cambeas, pola gran cantidade de casas de cambio que había nela. Debido ao gran número de artesáns do gremio dos acibecheiros ao longo da rúa, no século XV cambiouse o seu nome[1]; de feito, no momento do derrubo do antigo Colexio de San Xerome, a numerosa presenza de tendas de acibecheiros incrustadas á mazá do devandito edificio, dificultou a operación de venda polo valor das rendas que proporcionaban os alugueiros[2].

Historia[editar | editar a fonte]

A Rúa da Acibechería fotografada desde o número 2

Coa chegada dos primeiros peregrinos a Compostela, comezaron a instalarse uns barrios suburbiais que rodeaban a antiga estacada de madeira que protexía o Locus Sanctus, aproveitando o crecente comercio que a trasfega de xente proporcionaba. Un deles foi o denominado Forum (hoxe a Praza de Cervantes). Ademais, o bispo de Iria Sisnando (879-919) mandou construír no 899 un novo mosteiro fóra do Locus chamado de Santo Estevo Pinario (hoxe de San Martiño Pinario). Estes dous polos de atracción foron procurando a progresiva aparición de edificacións ao carón do camiño que ía polo exterior da estacada e chegaba perante a Porta do Paraíso, por onde entraban os peregrinos á Basílica, formando o xermolo desta rúa. Con Sisnando II (951-968), cun cada vez máis definido armazón urbano, cambiouse o concepto de Locus polo de Villa Burguensis; é dicir, se lle recoñecía ao poboamento unha estrutura comercial cada vez máis importante[3]. Por isto, este bispo mandou substituír a antiga estacada por unha muralla de cachotaría e construír unha nova estacada de madeira que grosso modo delimitaba a Villa Sancti Iacobi ao perímetro que logo tería a definitiva muralla de Cresconio. O foso desa muralla de cachotaría, por tanto, seguía aproximadamente o trazado da actual rúa da Acibechería na súa marxe sur.

Postal antiga da Casa Thomàs (ca. 1915).

Entre os séculos XII e XIII foise conformando o actual rueiro compostelán seguindo diversos eixos. Un deles, quizais o comercialmente máis importante, foi o que ía desde a Porta do Camiño ata a Praza da Inmaculada (do leste ao oeste), que recibía en fontes clásicas o sintomático nome de rúa Maior. O seu percorrido foi dividido en tramos que levaban os nomes de rúa do Camiño ou rúa Francíxena (hoxe rúa das Casas Reais), rúa do Campo (Praza de Cervantes), rúa da Moeda (Acibechería) e rúa da Trindade (que atravesaba polo Pazo de Xelmírez, seguía xunto ás casas do Sancti Spiritus, onde hoxe está o Hospital Real, e chegaba ata a Porta da Trindade)[4].

Na Historia Compostelá refírese que o arcebispo Xelmírez mandou construír en 1120 unha capela dentro do novo pazo arcebispal "ante a que se acuña a moeda, fronte da igrexa de Santiago, á dereita segundo sáese da mesma igrexa do Apóstolo"[5]; é dicir, falábase da rúa da Moeda, hoxe da Acibechería. Outra das construcións xelmiranas sería o Hospital de Santiago (logo, Colexio de San Xerome), que chegaría a substituír o anterior hospital mandado facer por Sisnando I, sito fronte á antiga basílica prerrománica dentro do recinto defensivo, que se quedou pequeno e, ademais, estorbaba a ampliación da catedral.

Plano do treito final da Acibechería, coa situación dos soportais (proxecto de derrubamento de Miguel Ferro Caaveiro en 1799).

Na marxe sur desta rúa encontrábanse as casas do Mestre Mateo, que desapareceron tras un incendio en 1328[1][6], tal como se recolle no Tombo A (fol. 67) que se garda no Arquivo da Catedral de Santiago.

Esta rúa tivo case sempre soportais no treito entre a rúa da Vía Sacra e a Praza dos Cambeas (actual Praza da Inmaculada, aínda que máis exigua pola existencia das edificacións da mazá de San Xerome). Pero, a finais do século XVIII foron desaparecendo para ensanchar a rúa[1], sendo un dos primeiros segmentos con soportais en seren derrubados[7].

En 1651 a Universidade vendeu o antigo Colexio de San Xerome aos monxes do Mosteiro de San Martiño Pinario, que desexaban ampliar a súa sede[8], dando comezo o seu derrubo ao ano seguinte e adquirindo a Praza da Inmaculada a súa configuración actual.

Monumentos[editar | editar a fonte]

Plano conxectural da Rúa da Acibechería a finais do século XVI[9]
  • Hospital de Santiago ou Colexio de San Xerome (desaparecido). O primeiro hospital para peregrinos situábase xunto á basílica prerrománica e fora mandado construír polo bispo Sisnando I. Porén, o arcebispo Xelmírez decidiu a construción dun novo edificio ao principio da actual rúa da Acibechería para dar un mellor servizo á crecente afluencia de peregrinos[10]. Recibiu o nome de Hospital de pobres e peregrinos de Santiago e sostíñase coas esmolas recibidas no altar maior e outras. Tivo o seu cemiterio ao comezo da rúa das Hortas, ao carón da Igrexa da Trindade e preto da porta homónima. O edificio foise facendo máis grande, pola sempre crecente demanda asistencial, ata o punto de ocupar todo o espazo que había entre a rúa e o Mosteiro de San Martiño. Era de grosos muros, mesmo que durante as revoltas xelmirianas tivo un uso defensivo[11]. En 1484 o edificio sufriu un voraz incendio, que o arruinou. Foi reconstruído no mesmo lugar pouco despois e tivo dúas plantas: planta baixa (cociña, adegas, capela, enfermaría e 19 camas) e planta primeira (outra enfermaría, 20 camas e unha sala con 6 camas para enfermos contaxiosos). O máis salientable do edificio era a portada tardo-gótica (de 1491), que é o único que hoxe en día se conserva[12][13].Non obstante, a principios do século XVI, unha vez que as funcións hospitalarias foron asumidas polo novo Hospital Real, o vello Hospital foi adquirido por cesión do Mosteiro de San Martiño Pinario[14] pola incipiente Universidade do arcebispo Alonso III de Fonseca, que dedicou o edificio a acoller as clases de Artes pasando a chamarse, primeiro, Colexio de Santiago Apóstolo[15] e, despois, Colexio de San Xerome ou Colexio de Artistas. Os elementos mobles do vello hospital foron depositados en San Bartolomeu[16]. Sobre 1551 xurdiu a idea de ampliar o novo Colexio de Santiago Alfeo, engadíndolle unha nova edificación ao seu carón que substituíse ás daquela decadentes instalacións do Colexio de San Xerome, pero nin nesta ocasión nin en 1586 nin en 1592 nin en 1599, en que volveuse a formular o traslado, callou a idea máis aló duns arranxos de urxencia. Outra vez, entre 1635 e 1638, diversas comisións quixeron dar impulso ao proxecto de traslado á Praza do Hospital Real do vello Colexio, participando nunha delas o abade de San Martiño Pinario, suxeito imprescindible na operación porque cos cartos procedentes da venda do edificio se quería levantar o novo. Pero, o abade rexeitou a merca polo alto custo. Por fin, en 1650 a Universidade presentou unha primeira oferta de venda do inmoble. Pedía 8.000 ducados, pero sen incluír a fonte nin os perpiaños, só o chan onde se asentaba, e ademais se quería unha compensación polas rendas que se obtiñan das tendas de acibecheiros pegadas ao vello hospital. A oferta foi novamente rexeitada e, dada a urxencia que o estado do inmoble presentaba, chegouse ao ano seguinte a un acordo que reducía o importe da venda a 6.000 ducados, máis unha indemnización de 800 escudos polas rendas das tendas e non incluíndo os despoxos (perpiaños e madeiras) do edificio[17]. En 1652 o edificio desmantelouse, quedando parte dos materiais expostos na Praza do Hospital Real para aproveitamento da nova fábrica.
  • Fonte do Hospital de Santiago (desaparecido). Na venda do vello hospital en 1651 finalmente quedou incluída no prezo a fonte, que pasou á propiedade do mosteiro [18]. Durante moito tempo esta fonte estivo ao leste da Praza da Inmaculada, ata que xa iniciado o século XX se reurbanizou a praza, desaparecendo.

Edificacións actuais[editar | editar a fonte]

  • Número 3 (na marxe sur; baixo e tres plantas). De aspecto medieval, é un dos escasos edificios da cidade que aínda mantén balcóns de madeira, reminiscencia doutros tempos[1].
  • Número 6 (na marxe norte; baixo e tres plantas). Conta no muro cunha marca de propiedade pertencente á Orde da Mercede.
  • Número 7 (na marxe sur; baixo e tres plantas). Obra de 1876 do arquitecto Manuel Pereiro Caeiro por encargo de Pedro Antonio García, cunha galería na última planta que, en principio, non estaba contemplada nos planos da construción[19].
  • Número 8 (na marxe norte; baixo e tres plantas). Obra de 1908 do arquitecto Jesús López de Rego para o xastre Avelino Cimadevila Rey, cunha característica galería superior que se prolonga aos dous ocos en miradoiros da segunda planta que remarcan un pequeno balcón central[20][21]. Unha das mellores galerías decimonónicas da cidade, cun esquema que se repetiría no número 96 da rúa de San Pedro (1914) e no número 24 da Virxe da Cerca (1925).
  • Número 12 (na marxe norte; baixo e tres plantas). Conta sobre o van da porta cunha marca de propiedade pertencente á Confraría da Nosa Señora da Concepción.
  • Número 14 (na marxe norte; baixo e tres plantas). Reformada en 1879 por Pereiro Caeiro, por encargo do comerciante Tomás González Moar, engadíndoselle unha galería na última planta[22].
  • Número 16 (na marxe norte; baixo e tres plantas). Neste número e no número 14 estivo a probable localización da antiga Praciña de San Xoán ou dos Oficios. Nun lado da praciña existiu unha fonte coroada por unha imaxe do Evanxelista que lle deu nome[23].
  • Número 18 (na marxe norte; baixo e tres plantas). Conta no muro cunha marca de propiedade (galiña sobre unha cuncha) pertencente ou ben á Confraría do Espírito Santo[24], ou ben ao Priorato de Sar, ou ben a outro aforamento aínda descoñecido.
  • Número 19 (na marxe sur; baixo e dúas plantas). Obra de 1897 debida a Pereiro Caeiro, quen a promoveu[19].
  • Número 21 (na marxe sur; baixo e dúas plantas). Obra de 1897 debido ao propio Pereiro Caeiro, coa promoción de Benito García López[19].
  • Número 33 (na marxe sur; baixo e dúas plantas). Antigamente contou cuns soportais, que desapareceron na reforma do século XVIII. En 1891 o arquitecto Manuel Pereiro reformou a súa fachada, por encargo do xastre Felipe Cimadevila Iglesias[22], quen a dedicaría a ser residencia da súa familia. O edificio foi reformado 1970. É o derradeiro número da rúa e fai esquina co número 9 da Praza da Inmaculada, que está asoportalada.

Personaxes e negocios relacionados coa rúa[editar | editar a fonte]

O escritor Alfredo Brañas.
  • No número 5 desta rúa faleceu o 21 de febreiro de 1900 o escritor Alfredo Brañas Menéndez.
  • Nos baixos do número 8 estivo o negocio de Avelino Cimadevila Rey, dedicado á venda de roupa talar, ornamentos de igrexa e artigos complementarios. Tamén residiu aquí durante un tempo a familia de Francisco de Asís Porto Rey (pai do alcalde franquista da cidade Ángel Porto Anido), curmán de Avelino.
  • Nos baixos do número 12 estivo desde 1848 situada unha libraría fundada por Ramón Cándido Rey Romero (fillo do libreiro Francisco Rey Romero) e Juan Cuveiro chamada "Librería Circulatoria de los Sres. Rey Romero y Cuveiro". O propio Ramón Rey residiu no número 14.
  • No número 15 residiu o catedrático da Facultade de Farmacia, Enrique Cuenca Araujo.
  • O cóengo de graza da Catedral de Santiago, Pablo Cuesta Hernández (sobriño 2º do arcebispo de Santiago, Miguel García Cuesta), secretario de Cámara do Arcebispo e protonotario apostólico, faleceu no número 16.
  • No número 16 estivo situado entre 1848 e 1849 a "Librería Minerva", propiedade do profesor universitario Julián Rodríguez del Valle e Francisco Constanti Miller.
  • No número 27 houbo desde 1900 un negocio de venda e artello de paraugas propiedade de Alfonso Quintela Naya.

Nun ultramarinos da rúa comeza a acción da obra Dedalus en Compostela, de Vicente Risco (1929).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Pereiro Alonso, 1996, p. 40
  2. Vicente López, 2012, p. 77
  3. Vicente López e Prado Seijas, 2010, p. 20-21
  4. Armas Castro, José. El afianzamiento de la realidad urbana después del año mil. , en VV.AA., 2003, pp. 90-91
  5. De Beauvais, Xiraldo. Libro II, capítulo XXV (Construyó un nuevo Palacio). , en VV.AA., 1994, pp. 345-346
  6. CARRO GARCÍA, Jesús (1967). "Las casas del Maestro Mateo". Cuaderno de Estudios Gallegos; Tomo XXIII, fasc. 67. Santiago de Compostela. pp. 246–251. 
  7. Costa Buján, 2013, p. 243
  8. Bonet Correa, 1984, p. 306
  9. Plano elaborado en base ás informacións extraídas de Unha historia urbana: Compostela 1595-1780 (A. A. Rosende Valdés, pp.319-320), Santiago de Compostela, 1850-1950. Desenvolvemento urbano. Outra arquitectura (P.Costa Buján e J.Morenas Aydillo, pp.130-133) e un plano de 1595 do Arquivo Xeral de Simancas (signatura M.P. e D. XXXIV-21).
  10. Porén, Rosende Valdés recolle un documento de principios do século XIX, titulado "Apuntes tocantes a la plazuela, questa delante de San Martin, y su dominio", que alberga o Arquivo da Catedral de Santiago, no que se afirma que o edificio foi fundado en 1302 por "el muy noble Señor Sarracino González" Rosende Valdés, 2004, p. 442
  11. REY-STOLLE PEDROSA, Alejandro "Adro Xavier" (1985). Editorial Casals, ed. Diego Gelmírez. Reino de Galicia. Siglos XI-XII (2ª ed.). Barcelona. pp. 491–192. ISBN 84-218-0699-8. 
  12. Armas Castro, José. El afianzamiento de la realidad urbana después del año mil. , en VV.AA., 2003, pp. 104-105
  13. Rosende Valdés chama a atención sobre a iconografía da portada, que lembra a función asistencial do edificio, "cuxas xambas debuxaban unha avenida simbólica que conducía á salvación física, como paso a un edificio hospitalario, e espiritual, porque a súa iconografía configuraba unha imaxe da Igrexa" Rosende Valdés, 1996, p. 104
  14. Como queira que o notario Lopo Gómez de Marzoa quería fundar un colexio para estudantes pobres, o abade de San Martiño, frei Juan de Melgar, cedeulle en 1495 o Mosteiro de San Paio de Antealtares, que quedara baleiro. Pero, ao pouco, en 1499, as monxas bieitas foron trasladadas a el, o que o impediu. Así que, en alternativa, De Melgar lle ofreceu o Hospital Vello sen outra condición que o edificio mantivese como Patrón ao abade de San Martiño para sempre Rosende Valdés, 2004, pp. 442-443
  15. Rosende Valdés, 2004, p. 322
  16. Galicia Histórica, maio 1902, pp. 382-385.
  17. Vicente López, 2012, pp. 72-78
  18. Vicente López, 2012, p. 78
  19. 19,0 19,1 19,2 Pereiro Alonso, 1996, pp. 41-42
  20. Pereiro Alonso, 1996, pp. 40-41
  21. Costa Buján e Morenas Aydillo, 1989, pp. 170-171
  22. 22,0 22,1 Pereiro Alonso, 1996, p. 42
  23. Rosende Valdés, 2004, p. 319
  24. Pereiro Alonso, 1996, p. 41

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bonet Correa, Antonio (1984). CSIC; Instituto Padre Sarmiento, eds. La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII. Santiago de Compostela. p. 615. ISBN 84-00-02646-2. 
  • Costa Buján, Pablo; Morenas Aydillo, Julián (1989). Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ed. 1850 - Santiago de Compostela - 1950. Desenvolvemento urbano. Outra arquitectura. Prólogo de Pedro Navascués Palacio e epílogo de Carlos Almuiña Díaz. Santiago de Compostela. p. 437. ISBN 84-85665-15-5. 
  • VV.AA. (1994). Falque Rey, Emma, ed. Historia Compostelana. Colección Clásicos Latinos Medievales, número 3. Torrejón de Ardoz: Ediciones Akal, Colección Clásicos Latinos Medievales. p. 648. ISBN 84-460-0417-8. 
  • Pereiro Alonso, José Luis (1996). Editorial Ronsel, ed. Rincones de Compostela. La Obra de Manuel Pereiro Caeiro. Santiago de Compostela. p. 261. ISBN 84-88413-79-3. 
  • Rosende Valdés, Andrés A. (1996). Universidade de Santiago de Compostela, ed. La escultura de la Universidad de Santiago hasta la Guerra Civil. Artigo en El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela, no volume I (Estudios). Coordinación de Vila Jato, María D.1. Santiago de Compostela. pp. 100 a 113. ISBN 84-8121-439-6. 
  • VV.AA. (2003). Concello de Santiago, Consorcio de Santiago e Universidade de Santiago de Compostela, ed. Historia de la ciudad de Santiago de Compostela. Coordinación de Portela Silva, Ermelindo. Santiago de Compostela. p. 644. ISBN 84-9750-137-3. 
  • Rosende Valdés, Andrés A. (2004). Unha historia urbana: Compostela 1595-1780. Colección Libros da Brétema, número 4. Santiago de Compostela: Edicións Nigra Trea. p. 477. ISBN 84-95364-30-1. 
  • Vicente López, Simón; Prado Seijas, Julio (2010). Sotelo Blanco Edicións; Consorcio de Santiago, eds. Compostela, una historia entretenida. Atlas histórico ilustrado de la ciudad de Santiago. Ilustracións de José Luis Serrano Silva. Santiago de Compostela. p. 182. ISBN 978-84-7824-604-5. 
  • Vicente López, Simón (2012). Consorcio de Santiago; Teófilo Edicións, eds. Vega y Verdugo, Peña de Toro y la introducción del barroco en Compostela. Santiago de Compostela. p. 616. ISBN 978-84-940757-2-8. 
  • Costa Buján, Pablo (2013). Tesis doctoral: Evolución urbana y cambios morfológicos, Santiago de Compostela 1778-1950. A Coruña: Universidade da Coruña. p. 1087. ISBN 84-95364-30-1. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]