Óscar Cano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Óscar Cano
Información persoal
Nome Óscar Pedro Cano Moreno
Nacemento 7 de novembro de 1972 (51 anos)
Lugar de nacemento Granada
Información de club
Club actual Sabadell
Adestrador
Anos Equipos
2003–2005 Imperio de Albolote
2005–2006 Arenas de Armilla
2006–2007 Baza
2007–2008 Granada
2010 Poli Ejido
2010–2011 Salamanca
2011–2012 Melilla
2012–2014 Betis B
2014–2015 Alcoyano
2015 Elche B
2016 Qatar sub-19
2018–2021 Castellón
2021–2022 Badajoz
2022–2023 Deportivo da Coruña
2023– Sabadell
Na rede
http://oscarcano.com/
editar datos en Wikidata ]

Óscar Pedro Cano Moreno, nado en Granada o 7 de novembro de 1972, é un adestrador de fútbol español, que dende novembro de 2023 adestra o Sabadell, da Primeira División RFEF.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios no fútbol[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol no Colexio Ave María de Granada, pasando logo ás categorías inferiores do Parque Nueva Granada.[1] Tras debutar co primeiro equipo deste en Segunda Rexional, foi descuberto por Gerardo Castillo, que o fichou para o Guadix, de Terceira División, equipo co que logrou o ascenso á Segunda División B na tempada 1995/96. Con todo, o falecemento de seu pai naquel entón desanimouno e acabou deixando o equipo.[1] Posteriormente xogou no Alfacar e no Santa Fe, ambos de Rexional Preferente, antes de centrarse plenamente na súa carreira como técnico.[1]

Primeiros pasos como adestrador[editar | editar a fonte]

Iniciouse como adestrador no xuvenil B do Granada, pasando logo polos modestos Imperio de Albolote e Arenas de Armilla, ambos da provincia de Granada. Na tempada 2005/06 dirixiu o Baza na Segunda División B, acadando comodamente a permanencia e o 11º posto, o mellor resultado da historia do club.

Granada e Poli Ejido[editar | editar a fonte]

En 2007 chegou ao banco do primeiro equipo do Granada, tamén de Segunda B, co que acabou quinto do Grupo 4 na súa primeira tempada, a un punto da promoción de ascenso. Os malos resultados no inicio da campaña 2008/09, con seis derrotas nas dez primeiras xornadas, provocaron a súa destitución en outubro.[2] En xaneiro de 2010 substituíu a Josep Maria Nogués no Poli Ejido, club ao que conseguiu meter na promoción de ascenso. Na primeira eliminatoria enfrontouse ao Barcelona B de Luis Enrique, co que empatou tanto na ida como na volta, quedando eliminado pola regra do gol en campo contrario.[3]

Salamanca[editar | editar a fonte]

No verán de 2010 foi contratado polo Real Jaén, pero deixou o club só dúas semanas despois da súa chegada, cando recibiu unha chamada do Salamanca, de superior categoría.[4] Comezou a que foi a súa primeira experiencia na Segunda División con bos resultados, ocupando durante varias xornadas os postos de promoción de ascenso, pero non chegou a rematar a tempada no club, sendo destituído en febreiro de 2011 despois dunha xeira de 10 derrotas consecutivas.[5]

Melilla[editar | editar a fonte]

Na tempada 2011/12 adestrou o Melilla na Segunda B, acabando unha posición por debaixo da promoción de ascenso. En xuño abandonou o club por desacordos coa directiva sobre o proxecto.[6]

Betis B[editar | editar a fonte]

En outubro de 2012 asinou polo Betis B, converténdose no terceiro adestrador do equipo na tempada, despois de Hristo Vidaković e Antonio Racero "Puma". Colleu o equipo na penúltima posición, a 9 puntos da salvación, e non foi capaz de conseguir a permanencia. Continuou como técnico do filial bético durante a tempada 2013/14 na Terceira División, proclamándose campión e devolvendo así o equipo a Segunda B, antes abandonar a entidade en xuño de 2014.[7]

Alcoyano[editar | editar a fonte]

A continuación fichou polo Alcoyano, tamén de Segunda B, ao que adestrou ata febreiro de 2015, cando foi destituído debido aos malos resultados obtidos nas xornadas previas.[8] En xullo do mesmo ano chegou ao Elche Ilicitano, filial do Elche, pero deixou o equipo só tres semanas despois, debido á difícil situación deportiva e institucional do club.[9]

Qatar e Cultural Leonesa[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 2016 marchou a Oriente Medio para facerse cargo da selección sub-19 de Qatar.[10] Regresou a España en decembro e durante o seguinte ano e medio exerceu como director deportivo da Cultural Leonesa.[11][12]

Castellón[editar | editar a fonte]

En decembro de 2018 converteuse no terceiro técnico do Castellón durante a campaña 2018/19. O equipo castellonenco era nese momento o pechacancelas do Grupo 3 da Segunda División B e atopábase a catro puntos da salvación. Cano conseguiu salvar o equipo tras vencer ao Barcelona B na derradeira xornada, e continuou no club durante a seguinte campaña. Invicto durante as primeiras xornadas da 2019/20, o Castellón acadou o liderado, e ocupaba a primeira praza cando a liga se viu interrompida pola pandemia de COVID-19. A competición acabou dándose por rematada e o equipo de Cano proclamouse campión.[13] A continuación disputou promoción de ascenso, na que derrotou ao Peña Deportiva e ao Cornellà, conseguindo devolver o Castellón á Segunda División despois dunha década de ausencia.[14]

Na 2020/21 iniciou a súa terceira tempada no club albinegro, pero foi cesado en xaneiro, tras unha serie de malos resultados e co equipo en postos de descenso.[15]

Badajoz[editar | editar a fonte]

En xullo de 2021 foi anunciado como novo adestrador do Badajoz, da Primeira División RFEF.[16] Estivo á fronte do equipo durante sete meses, ata que foi destituído en febreiro de 2022, co equipo ocupando a 12ª posición, lonxe do obxectivo inicial da directiva, que era o ascenso.[17]

Deportivo da Coruña[editar | editar a fonte]

O 11 de outubro de 2022 foi anunciado como novo adestrador do Deportivo, substituíndo a Borja Jiménez, cesado ese mesmo día.[18] O equipo estaba quinto no momento da súa chegada e mantívose en zona de promoción de ascenso durante case toda a tempada, pero sen chegar en ningún momento ao liderado, obxectivo prioritario do club.[19] Xa sen opcións de ascenso directo e con boa parte da afección en contra,[20] foi cesado o 15 de maio de 2023, despois dunha derrota contra o Linares por 3-2 na xornada 36, sendo substituído por Rubén de la Barrera.[21]

Sabadell[editar | editar a fonte]

En novembro de 2023 chegou ao banco do Sabadell, tamén de Primeira RFEF, converténdose no terceiro técnico do equipo durante a tempada, tralos destituídos Miki Lladó e Gerard Bofill.[22]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Betis B
Castellón

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Confidencial: Óscar Cano, aquel “pivote de calidad” que se frustró por el fallecimiento de su padre" (en castelán). 6 de outubro de 2021. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2022. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  2. "Braojos, nuevo entrenador del Granada CF" (en castelán). 16 de outubro de 2008. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  3. "Los tres ascensos recientes" (en castelán). 17 de xuño de 2020. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  4. "Óscar Cano, nuevo entrenador del Salamanca". Marca (en castelán). 1 de xullo de 2010. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  5. "Óscar Cano, destituido como técnico del Salamanca". As (en castelán). 14 de febreiro de 2011. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  6. "Óscar Cano deja el Melilla" (en castelán). 8 de xuño de 2012. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2022. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  7. "Óscar Cano deja de ser entrenador del Betis B" (en castelán). 25 de xuño de 2014. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  8. "El Alcoyano destituye a Óscar Cano" (en castelán). 16 de febreiro de 2015. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  9. "Parras dirigirá al filial del Elche tras la renuncia de Óscar Cano". Mundo Deportivo (en castelán). 3 de agosto de 2015. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  10. "Óscar Cano, nuevo seleccionador sub 19 de Qatar" (en castelán). 4 de xaneiro de 2016. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  11. "El ex entrenador de la UD Salamanca, Óscar Cano, nuevo director deportivo de la CyD Leonesa" (en castelán). 14 de decembro de 2016. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  12. "Oscar Cano se va de la Cultural" (en castelán). 6 de xuño de 2018. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  13. "El Castellón, campeón en Segunda B 17 años después" (en castelán). 24 de maio de 2020. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  14. Ramón, Olivares (26 de xullo de 2020). "El CD Castellón regresa a Segunda División" (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  15. Sokout, Omid (11 de xaneiro de 2021). "Destituido Óscar Cano, que pone fin a dos años al frente del banquillo albinegro". Marca (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  16. "Oscar Cano, nuevo entrenador del CD Badajoz" (en castelán). 2 de xullo de 2021. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  17. "El CD Badajoz cesa a Óscar Cano" (en castelán). 8 de febreiro de 2022. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  18. "Óscar Cano, novo adestrador do RC Deportivo". Deportivo da Coruña. 11 de outubro de 2022. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  19. Losada, Víctor (16 de maio de 2023). "Los números que condenaron a Óscar Cano a la destitución" (en castelán). Consultado o 16 de maio de 2023. 
  20. Regueiro, Zeltia (14 de maio de 2023). "La afición del Depor pide el cese de Óscar Cano". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 17 de maio de 2023. 
  21. "Rubén de la Barrera volta ao Dépor após a destitución de Óscar Cano". Nós Diario. 16 de maio de 2023. Consultado o 17 de maio de 2023. 
  22. Sánchez, Jordi (21 de novembro de 2023). "El Sabadell confirma a Óscar Cano como técnico". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 21 de novembro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]