Jorge Valdano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jorge Valdano
Valdano.jpg
Información persoal
Nome Jorge Alberto Francisco Valdano Castellanos
Nacemento 4 de outubro de 1955
Lugar de nacemento Las Parejas
Altura 1,88 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Newell's Old Boys
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1973–1975 Newell's Old Boys 46 (11)
1975–1979 Alavés 107 (21)
1979–1984 Zaragoza 143 (46)
1984–1987 Real Madrid 85 (40)
Selección nacional
Arxentina sub-21
1975–1990 Arxentina 20 (7)
Adestrador
1992–1994 Tenerife
1994–1996 Real Madrid
1996–1997 Valencia
Na rede
http://valdano.es/
Dialnet: 253794 FIFA: 44707 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Jorge Alberto Francisco Valdano Castellanos,[1] nado en Las Parejas, Santa Fe, o 4 de outubro de 1955, é un exfutbolista e ex adestrador arxentino. Campión do mundo coa selección arxentina no Mundial de México 1986, xogaba como dianteiro e o seu primeiro equipo foi o Newell's Old Boys, club no que xogou antes da súa chegada ao fútbol español, para xogar no Alavés, Zaragoza, e finalmente no Real Madrid. Como adestrador desenvolveu toda a súa carreira en España, dirixindo ao Tenerife, ao Valencia e ao Real Madrid.

Desde 2000 até 2004 foi o director deportivo do Real Madrid, baixo a primeira etapa de Florentino Pérez como presidente. Entre 2009 e 2011 foi director xeral e adxunto á presidencia, durante o segundo mandato de Pérez.[2] Actualmente traballa como comentarista e analista para diversos medios de comunicación, como a televisión e a radio.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira en Rosario, nas categorías inferiores de Newell's Old Boys. Con 17 anos, o 5 de agosto de 1973, debutou co primeiro equipo. Marcou 11 goles co club na Primeira División e formou parte do equipo de Newell's que se procalmou campión da Liga Arxentina por primeira vez súa historia, no Metropolitano de 1974.[3]

En 1975 chegou á liga española, concretamente á Segunda división, fichando polo Deportivo Alavés. Xogou catro tempadas no club vasco, marcando 22 goles en 121 partidos.

En 1979 fichou polo Real Zaragoza, co que debutou na Primeira División o 9 de setembro de 1979 nun empate a dous goles contra o FC Barcelona na Romareda, partido no que Valdano anotou o segundo gol do seu equipo. Co equipo aragonés xogou 172 partidos e anotou 71 goles. Na tempada 1982/83 marcou 17 goles na liga, cifra só superada esa campaña por Poli Rincón, Amarilla e Dani.

En 1984 chegou ao Real Madrid. Na súa primeira tempada no club branco repetiu os 17 goles de dous anos antes, quedando a só dous do Trofeo Pichichi dese ano, que foi para Hugo Sánchez, do Atlético de Madrid. O dianteiro mexicano fichou ao ano seguinte polo Real Madrid, e alí formou xunto con Valdano e Emilio Butrageño unha destacada dianteira. Co equipo madrileño Valdano gañou 2 ligas de Primeira División, unha Copa da Lga e dúas Copas da UEFA. En total xogou 120 partidos, nos que marcou 56 goles.

O 4 de marzo de 1987 xogou o seu último partido como futbolista, contra o Estrela Vermella de Belgrado nos cuartos de final da Copa de Europa. Levaba varias semanas cunha forte medicación para tratar a hepatite B que padecía, e tras ese partido, disputado con -17 °C na capital iugoslava, a súa saúde empeorou, precipitando a súa retirada.[4][5]

Xogou un total de 228 partidos na Primeira División española, anotando 86 goles.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Coa selección arxentina sub-21 foi campión do Torneo Esperanzas de Toulon de 1975, dirixido por César Luis Menotti.

Valdano facendo a volta olímpica cos seus compañeiros no Mundial de México de 1986.

Foi despois internacional absoluto coa selección arxentina en 20 ocasións, marcando un total de 7 goles. Participou no Mundial de 1982 en España e proclamouse campión do mundo en México 1986, marcando 4 goles: dous contra Corea do Sur, un contra Bulgaria e o seu cuarto gol -e o máis importante da súa carreira- foi o 2-0 parcial da Arxentina na final contra Alemaña.[6]

En 1989, máis de dous anos despois da súa retirada, o seleccionador arxentino Carlos Bilardo propúxolle que volvese a adestrar para disputar coa albiceleste o Mundial de 1990 en Italia. Valdano aceptou, pero tras meses de adestramento, unha lesión muscular pouco antes do Mundial fixo que fose finalmente descartado por Bilardo.[7][5]

Adestrador[editar | editar a fonte]

En 1992 volveu ao fútbol como adestrador, fichando polo Tenerife. Chegou ao banco canario para as xornadas finais da campaña 1991/92, como substituto do seu compatriota Solari, cesado ao estar o equipo ao bordo dos postos de descenso a Segunda.[8] Conseguiu rematar a tempada na 13ª posición e impediu que o Real Madrid lograse o título de liga, gañándolle na última xornada no Heliodoro Rodríguez López.[9] Ao ano seguinte clasificou ao equipo canario para a Copa da UEFA por primeira vez na súa historia, ao acabar na sexta posición. Na súa última tempada en Tenerife, a 1993/94 acadou os oitavos de final da Copa da UEFA, onde foi eliminado pola Juventus de Trappatoni, e as semifinais da Copa do Rei, onde caeu contra o Celta de Vigo.[10]

En 1994 converteuse no novo adestrador do Real Madrid.[11] Durante a pretemporada afirmou que non contaría cos servizos dos xogadores Iván Zamorano e José Emilio Amavisca. Porén, ambos acabaron sendo titulares indiscutibles do equipo, sendo o primeiro incluso o Pichichi da Liga.[12][13] Fixo debutar a Raúl e gañou a liga esa tempada, con catro puntos de vantaxe sobre o segundo, o Deportivo da Coruña de Arsenio. Con todo, foi destituído a principios de 1996, tras perder o primeiro partido da segunda volta contra o Rayo Vallecano no Bernabéu, e ocupando o club o oitavo posto da liga.[14] Foi substituído polo propio Arsenio.

En novembro de 1996, unha vez iniciada a tempada 1996/97, fichou como novo adestrador do Valencia CF, en substitución do cesado Luis Aragonés.[15] Rematou a liga no décimo posto. Foi despedido pouco despois do comezo da seguinte tempada, despois de apañar tres derrotas nos tres primeiros partidos.[16] En total adestrou 175 partidos na Primeira División.

Outras actividades[editar | editar a fonte]

Trala súa retirada dos bancos traballou como comentarista e analista en numerosos medios de comunicación, a maioría deles españois como El País, Marca, Cadena SER, Telemadrid ou LaSexta, e tamén doutros países como a Televisión Azteca de México. Ademais escribiu cinco libros: Sueños de fútbol, Cuentos de Fútbol, Cuentos de fútbol II, Los cuadernos de Valdano e El miedo escénico y otras hierbas.

En setembro do ano 2000 regresou ao Real Madrid como director deportivo, coa chegada á presidencia de Florentino Pérez.[17] Foi un dos principais artífices da chamada era dos "galácticos", e ocupou o cargo durante case catro anos, ata mediados de 2004.[18] Volveu ao club o 1 de xuño de 2009, trala volta de Florentino Pérez á presidencia do Real Madrid, sendo nomeado director xeral e adxunto á presidencia.[17][2] Ocupou este cargo ata maio de 2011, cando foi destituído polo presidente, sendo substituído por Rafael Martín Vázquez.[19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Lista de nacionalizados no segundo semestre de 1987" (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 6 de febreiro de 1988. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 "Valdano, nombrado director general del Real Madrid" (en castelán). 1 de xuño de 2009. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  3. "Jorge Valdano". elrojinegro.com (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  4. Roncero, Tomás (4 de novembro de 2003). "Valdano: "En Belgrado se me acabó el fútbol"". As (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  5. 5,0 5,1 Dakno, Eduardo Ahmar (20 de maio de 2020). "Italia '90 en el recuerdo: el día en que Valdano se ahogó en "la orilla" y abrió una grieta entre Maradona y Bilardo" (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  6. Espinosa, Francisco (13 de outubro de 2013). "Jorge Valdano, el intelectual que le dio a la Argentina su segunda Copa del Mundial de Futbol" (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  7. Bareño, Gonzalo (29 de enero de 2011). "Valdano: la cara B del filósofo del fútbol". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2015. Consultado o 14 de novembro de 2013. 
  8. Jiménez, Vicente (15 de abril de 1992). "Jorge Valdano ficha como entrenador del Tenerife". El País (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  9. "Las dos Ligas perdidas por el Real Madrid en Tenerife de forma consecutiva" (en castelán). 25 de abril de 2018. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  10. Bentivegna, Diego (4 de setembro de 2020). "El Tenerife de Jorge Valdano: el equipo que soñó y cumplió sus metas" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2022. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  11. "Valdano: "Hace dos años no era ni entrenador"" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). Axencia EFE. 15 de abril de 1994. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  12. Jabois, Manuel (12 de novembro de 2017). "Aquel año". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  13. Ruiz, Marco (21 de agosto de 2019). "Valdano contó detalles de su tortuosa relación con Zamorano". As (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2022. 
  14. "Adiós al sueño de Valdano" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). 22 de xaneiro de 1996. p. 24. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  15. "Jorge Valdano se compromete con el Valencia hasta la conclusión de la temporada 1998-99" (PDF). La Vanguardia (en castelán). 21 de novembro de 1996. p. 37. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  16. "Destitución fulminante de Valdano y Cantatore" (PDF). La Vanguardia (en castelán). 16 de setembro de 1997. p. 38. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  17. 17,0 17,1 "Un hombre de confianza para una 'superproducción'". Marca (en castelán). 1 de xuño de 2009. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  18. Torres, Diego (28 de maio de 2004). "Valdano abandona el Madrid". El País (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 
  19. "Florentino Pérez echa a Valdano y da plenos poderes a Mourinho" (en castelán). 26 de maio de 2011. Consultado o 16 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]