Ángel Zubieta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ángel Zubieta
Información persoal
Nome Ángel Zubieta Redondo
Nacemento 17 de xullo de 1918
Lugar de nacemento Galdakao
Falecemento 28 de outubro de 1985
Lugar de falecemento Buenos Aires
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1935–1939 Athletic Club 22 (2)
1939–1952 San Lorenzo 352 (29)
1952–1956 Deportivo da Coruña 56 (2)
Selección nacional
1936 España 2 (0)
1936–1938 Euskadi
Adestrador
1955–1957 Deportivo da Coruña
1962–1963 Athletic Club
1963 Valladolid
1964 Belenenses
1968–1969 Belenenses
1969–1970 Jaén
1970–1974 Pumas UNAM
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Ángel Zubieta Redondo, nado en Galdakao (Biscaia) o 17 de xullo de 1918 e finado en Buenos Aires o 28 de outubro de 1985, foi un futbolista e adestrador de fútbol español. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección española. Desenvolveu a súa carreira futbolística principalmente na Arxentina.

Posúe dous récords dentro do fútbol español: foi o xogador máis novo en debutar coa selección española e é aquel que máis tempo deixou transcorrer entre o seu debut na Liga española e o seu último partido; 20 anos, dous meses e seis días. Xogaba de medio defensivo e o seu primeiro equipo foi o Athletic Club de Bilbao.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en 1918 na localidade biscaíña de Galdakao. O seu irmán máis vello, Santi Zubieta, tamén foi futbolista profesional. Ángel comezou xogando ao fútbol no equipo da súa vila, e en 1935 foi fichado polo Athletic Club de Bilbao cando tiña 17 anos de idade recentemente cumpridos. Con esa idade debutou co Athletic e na súa primeira tempada converteuse en peza clave do equipo, proclamándose campión de Liga. Zubieta xogou 21 partidos e marcou 2 goles esa tempada. O seu excelente xogo chamou tanto a atención que foi chamado a debutar como xogador internacional sen cumprir aínda os 18 anos. Con 17 anos e 9 meses ostenta aínda hoxe en día o récord de ser o xogador máis novo en debutar coa selección española absoluta.

Con todo esa prometedora carreira viuse freada polo estoupido da guerra civil española no verán de 1936. A mozo Zubieta foi un dos xogadores elixidos para formar parte durante a guerra da Selección de Euzkadi, combinado nacional creado polo Goberno Vasco co fin de recadar fondos en Europa para os refuxiados vascos e realizar un labor propagandístico en favor do Goberno Vasco e a República. Zubieta coincidiu nesta selección con moitos dos mellores futbolistas vascos da época como Luis Regueiro, Gregorio Blasco, Isidro Lángara, Guillermo Gorostiza ou Txato Iraragorri. O Euzkadi realizou unha luminosa xira por Europa disputando partidos amigables. Tras caer Bilbao en mans franquistas a Selección de Euzkadi marchou a América para proseguir a xira. Durante a xira americana da Selección de Euzkadi é fichado polo equipo arxentino San Lorenzo de Almagro.

Con San Lorenzo Zubieta realizou a maior parte da súa carreira deportiva, xogando no equipo arxentino durante máis dunha década e converténdose nun dos xogadores históricos do club porteño. As súas 13 tempadas en San Lorenzo o converteron no xogador que máis veces defendera a camisola do equipo e aínda hoxe en día, con 352 partidos oficiais, Zubieta segue sendo o terceiro xogador que máis veces vestiu a camiseta azulgrana.

Capitaneou o mítico equipo de San Lorenzo que obtivo a Liga arxentina de 1946 e que realizou unha posterior xira triunfal por España e Portugal. Nesta xira San Lorenzo chegou a vencer en varias ocasións á selección española. Con todo, ao ser Zubieta un xogador de carácter defensivo, aquel equipo é máis recordado polo seu brillante triplete atacante: Farro, Pontoni e Martino.

Na tempada 1952–53 un Zubieta xa veterano regresou a España para pechar a súa carreira deportiva no Deportivo da Coruña onde permaneceu 4 tempadas e xogou 56 partidos na Primeira División. Nas súas 2 últimas campañas simultaneou as funcións de xogador e adestrador. Retirouse como futbolista en 1956 con 38 anos de idade.

Selección de fútbol de España[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección española en 2 ocasións.

Os seus dous partidos como internacional foron amigables que disputou a selección española en 1936 ante Checoslovaquia e Suíza. Malia debutar moi novo coa selección, a Guerra Civil e o seu posterior exilio futbolístico na Arxentina impedíronlle volver ser internacional, xa que cando volveu a España xa era un xogador moi veterano. Ángel Zubieta ostenta aínda hoxe en día o récord de ser o xogador máis novo en debutar coa selección española absoluta.

É de destacar a súa participación coa Selección de fútbol do País Vasco na xira que realizou esta por Europa e América durante a Guerra Civil (1937-39).

Carreira como adestrador[editar | editar a fonte]

Iniciouse como adestrador-xogador na tempada 1955–56 no Deportivo da Coruña, facéndose cargo do equipo a falta de 8 xornadas para rematar o campionato, tras o cesamento de Pahiño. Era o terceiro adestrador do club coruñés esta campaña, que logrou evitar o descenso por un punto. Na seguinte tempada continuou coa labor de adestrador, mais foi cesado na xornada 21, co equipo como último clasificado, e substituído por Diego Villalonga, con quen finalmente descendería o Dépor á Segunda División.

Con posterioridade adestraría entre outros equipos da Primeira División española ao Athletic Club (1962–63) e ao Real Valladolid (1963–64). Tamén adestrou en México aos Pumas de la UNAM (1971–1974) e na Arxentina ao Club Atlético Atlanta e ao Deportivo Español entre outros equipos. No Deportivo Español conseguiu o ascenso da Divisional D á C no ano 1958 e o ascenso da Divisional C á B no ano 1960, dirixindo en total 266 encontros (é o técnico con máis partidos neste club).

Palmarés[editar | editar a fonte]

Athletic Club
San Lorenzo

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]