Andrés Balsa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Andrés Balsa
Andrés Balsa Antón 1910.jpg
Retrato en Vida Gallega 1910.
Nacemento11 de marzo de 1883
 Mugardos
Falecementodecembro de 1973
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónboxeador e adestrador de fútbol
IrmánsFernando Balsa Antón
editar datos en Wikidata ]

Andrés Balsa Antón, nado en Mugardos o 11 de marzo de 1883 e finado en Madrid en decembro de 1973,[1] foi un boxeador, loitador profesional e adestrador de fútbol galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como loitador[editar | editar a fonte]

Andrés Balsa enrolouse na mariña mercante,[2] e cando menos desde 1909,[3] participou en competicións de loita e xa na altura de 1915 a prensa española faise eco das súas vitorias nos Estados Unidos e Cuba. Cos seus dous metros de altura e cen quilos de peso competiu dende Estados Unidos a Perú, Cuba ou Arxentina cunha gran porcentaxe de vitorias e amasando unha cantidade de diñeiro. Debido a súa fama, participou no filme italiano Quo Vadis? (E. Guazzoni, 1912),[2] aínda que non está claro o papel que interpretou (algunhas fontes afirman que foi coa personaxe de Ursus,[4][5] aínda que noutras afírmase que quen a desempeñou foi o romano Bruto Castellani). Logo de loitar en cidades como Río de Xaneiro, Madrid ou Liverpool, ao remate da I Guerra Mundial regresou a Galiza, chegando ao porto de Vigo o 1º de xullo de 1920 a bordo do vapor Desna, recibido en loor de multitudes.

Confiado nas súas capacidades decidiu dar o salto ao competitivo mundo do boxeo,[2] competindo polo titulo mundial dos pesos pesados no ano 1921, aínda que caeu ante Jack Dempsey,[2] que se mantivo campión sen interrupción ata 1926. A partir dese momento comezou o baixón físico de Balsa, que xa tiña 40 anos, e unha serie de contundentes derrotas antes púxiles de non moi alta categoría levárono a retirarse da competición profesional.

Como adestrador de fútbol[editar | editar a fonte]

No ano 1926 incorporouse ao cadro técnico do Celta de Vigo en calidade de preparador físico e adestrador, en substitución de Francis Cuggy.

Esa tempada o Celta rematou o campionato como subcampión de Galicia por detrás do Deportivo da Coruña dos xogadores que desertaran do Celta no proceso de fusión entre o Real Club Fortuna de Vigo e o Vigo Sporting, como Otero, Isidro ou Chiarroni. En consecuencia disputou a liga do torneo de subcampións de España, cuxa fase de grupos foi un paseo para o Celta, que gañou tódolos partidos, con 34 goles a favor e 8 en contra. En oitavos de final caeu nun terceiro partido de desempate ante o Arenas de Getxo.

Terminada a tempada produciuse unha renovación da xunta directiva do Celta, que decidiu non renovar ao adestrador Balsa e fichar ao escocés Mr. Cowan. Ese mesmo ano incorporouse como masaxista ao Deportivo da Coruña, aproveitando a súa experiencia na alta competición nunha época na que se coidaba moi pouco a condición física no fútbol.[2]

Ao cabo dun tempo Balsa incorporouse como adestrador e preparador físico á disciplina do CD Castellón, onde militou as tempadas 31-32 e 32-33.[2] O equipo acadou o último posto nesta segunda tempada, o cal supuxo o abandono de Balsa do club.

A súa grande oportunidade como adestrador chegou na tempada 1935-36, cando o contratou o Valencia CF como masaxista.[2] Tras a destitución de Fiverb, Balsa fou nomenado adestrador.[2] Os resultados foron moi discretos. Porén co inicio da Guerra Civil Balsa mantívose leal á II República, formando parte do novo Valencia dos traballadores, trala incautación do equipo por parte dos empregados e futbolistas.

En 1950 o Valencia CF disputou un amigábel co Burjassot CF a benefecio do seu antigo adestrador.[6] A finais dos anos cincuenta emigrou a Brasil coa súa muller, reclamados polo seu fillo Andrés, dono de varios negocios. A finais dos anos sesenta morreu o seu fillo e a familia quedou na ruína. O Valencia CF xiroulle diñeiro para regresar a España e ofreceulle asentarse en Valencia coa súa muller.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mediterráneo, 26-12-1973, p. 10.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 March, José Ricardo (2016). "O Bulldog Galego". 25 historias del Valencia CF que quizá no conozcas. [Valencia]: Drassana. p. 43-46. ISBN 978-84-944731-5-9. OCLC 1061833089. 
  3. Laredo Weekly Times, 4 de xullo de 1909 /
  4. Fair, John D.; Chapman, David L. (2020-11-16). Muscles in the Movies: Perfecting the Art of Illusion (en inglés). University of Missouri Press. ISBN 978-0-8262-7450-2. 
  5. "Un Campeón de boxeo yanki que es gallego". La Voz. 3-7-2020. Consultado o 3-4-2021. 
  6. Hoja Oficial del Lunes, 3-4-1950, p. 3.
  7. La Voz de Galicia, 28-9-1969, p. 9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]