Vic Buckingham

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vic Buckingham
Información persoal
Nome Victor Frederick Buckingham
Nacemento 23 de outubro de 1915
Lugar de nacemento Greenwich
Falecemento 26 de xaneiro de 1995
Lugar de falecemento Chichester
Altura 178 centímetros
Posición extremo esquerdo
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1934–1935 Northfleet United
1935–1949 Tottenham Hotspur 204 (1)
Adestrador
1950–1951 Pegasus
1951–1953 Bradford Park Avenue
1953–1959 West Bromwich Albion
1959–1961 Ajax
1961–1964 Sheffield Wednesday
1964–1965 Ajax
1965–1968 Fulham
1968 Ethnikos Piraeus
1969–1971 Barcelona
1972 Sevilla
1975–1976 Olympiacos
1979–1980 Rodos
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Victor Frederick Buckingham, coñecido como Vic Buckingham, nado en Greenwich o 23 de outubro de 1915 e finado en Chichester o 26 de xaneiro de 1995, foi un futbolista e adestrador inglés. Desenvolveu toda a súa carreira como futbolista no Tottenham Hotspur, na segunda división inglesa. Como adestrador gañou a FA Cup de 1954 co West Bromwich Albion, co que ademais acabou subcampión da liga esa mesma tempada. Adestrou durante dous períodos o AFC Ajax, levando o equipo a gañar a Eredivisie de 1960 e facendo debutar en 1964 a Johan Cruyff. En 1971 gañou a Copa do Xeneralísimo co FC Barcelona e foi subcampión de liga. Tamén pasou polos bancos do Fulham FC, o Sheffield Wednesday e de varios equipos gregos. Está considerado como un pioneiro da filosofía futbolística coñecida como fútbol total, que posteriormente desenvolveu o seu pupilo Johan Cruyff.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Entrou no Tottenham Hotspur en 1934 e xogou a primeira tempada no filial deste, o Northfleet United. Na seguinte campaña debutou co primeiro equipo na Segunda División, onde acumulou durante os seguintes anos 230 partidos, primeiro como centrocampista defensivo e máis tarde como defensa.

Comezou a súa carreira como adestrador na Universidade de Oxford entre 1949 e 1950. A continuación dirixiu o equipo de afeccionados conxunto das universidades de Oxford e Cambridge, o Pegasus. Con este equipo gañou en 1951 a FA Amateur Cup, derrotando ao Bishop Auckland na final por 2-1, ante unha multitude de 100.000 persoas no estadio de Wembley.[1] Entre 1951 e 1953 dirixiu o Bradford Park Avenue.

En 1953 foi contratado polo West Bromwich Albion como substituto de Jesse Carver que regresou a Italia. Gañou a FA Cup en 1954, derrotando na final ao Preston North End de Tom Finney por 3-2, e estivo a piques de sumar un segundo título esa mesma tempada, ao acabar segundo na liga.[2]

En 1959 converteuse no adestrador do Ajax de Ámsterdam, co que gañou a Eredivisie 1959/60. Por motivos persoais deixou o club a finais de maio de 1960, un par de semanas antes de rematar a tempada 1960/61.[3]

A continuación fichou polo Sheffield Wednesday, subcampión do campionato inglés 1960/61, onde substituíu a Harry Catterick. Adestrou o Wednesday ata o seu despedimento en 1964, obtendo tres sextos postos consecutivos na liga.[4]

Para a tempada 1964/65 regresou ao Ajax, onde o seu único éxito foi facer debutar a Johan Cruyff. Por outra banda, os malos resultados, incluída unha derrota por 4-9 en Rotterdam ante o Feyenoord, fixeron que o Ajax caese preto da zona de descenso. Foi substituído por Rinus Michels.

De regreso a Inglaterra, uniuse ao Fulham FC de Londres a metade da tempada 1964/65. Adestrou o club ata 1968, cando acabou descendendo.

Despois dunha breve etapa en Grecia foi contratado en 1969 polo FC Barcelona. Co club catalán gañou a Copa do Xeneralísimo 1970/71, tras derrotar por 4-3 na prórroga da final ao Valencia. Esa mesma tempada o Barcelona foi subcampión da liga, por detrás do propio Valencia, despois de rematar empatados a puntos. Foi de novo substituído por Rinus Michels.

En febreiro de 1972 foi contratado polo Sevilla FC para tentar evitar o descenso, pero non o conseguiu. Despois volveu a Grecia, onde se converteu no adestrador do Olympiacos, co que acabou terceiro na liga. O seu último traballo como adestrador foi co AS Rodos, equipo tamén da primeira división grega, e co que non puido conseguir a permanencia.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Era fillo de Annie Elizabeth Jenkins e William George Buckingham.[5] Casou con Lilian Emma King e tivo tres fillos.[5] Morreu aos 79 anos en Chichester.[6]

Palmarés[editar | editar a fonte]

West Bromwich Albion

Ajax

Barcelona

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ward, Andrew; Williams, John (2009). Football Nation : Sixty Years of the Beautiful Game. Londres: Bloomsbury Publishing. p. 42. 
  2. "Vic Buckingham". fulhamfc.com (en inglés). Consultado o 8 de marzo de 2022. 
  3. "Spurgeon trainer van Ajax". De Volkskrant (en neerlandés). 1 de maio de 1961. p. 10. 
  4. Davies, John (10 de abril de 1964). "Wednesday sack Buckingham". Daily Mail (en inglés). p. 20. 
  5. 5,0 5,1 "Victor Frederick Buckingham" (en neerlandés). Consultado o 8 de marzo de 2022. 
  6. "OBITUARIES:Vic Buckingham" (en inglés). 30 de xaneiro de 1995. Consultado o 8 de marzo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]