Josep Samitier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Josep Samitier i Vilalta (alcumado O Mago e O home langosta), nado o 2 de febreiro de 1902 en Barcelona e falecido o 4 de maio de 1972, foi un mítico xogador e adestrador de fútbol que lle adicou a maioría da súa carreira ó FC Barcelona, aínda que tamén xogou no Real Madrid e no OGC Nice francés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xogador de club[editar | editar a fonte]

A súa carreira comezou no Internacional de Sans, equipo hoxe desaparecido dun barrio de Barcelona. Con 17 anos asinou polo FC Barcelona a cambio dun chaleco e un reloxo con esfera luminosa. Dende o principio converteuse nun xogador emblemático para o club, sendo un dos xogadores mais populares do seu tempo pola súa habilidade. Alcumado o mago, a súa fama superou o terreo deportivo, chegando a protagonizar anuncios publicitarios e películas como Once pares de botas.

Foi unha peza indispensable no exitoso Barça dos anos 20, cuxas vitorias provocaron que o Camp del Carrer Indústria quedase pequeno para acoller ós milleiros de seareiros que desexaban ver os encontros daquel equipo, polo cal o club tivo que construir un novo estadio moito mais grande, o Camp de Les Corts, inaugurado en 1922.

Durante os 13 anos que Samitier xogou no FC Barcelona conquistou 5 Campionatos de España, 12 Campionatos de Cataluña e a primeira liga disputada en España entre 1928 e 1929. Marcou 326 goles coas cores do Barça (o que fai del o segundo máximo goleador da historia do club), 63 deles no torneo de Copa do Rei (record histórico do Barça). O 18 de abril de 1926 marcoulle 4 goles ó Real Madrid no encontro de ida da eliminatoria de cuartos de final da Copa do Rei xogado en Chamartín, que rematou con vitoria culé por 1 gol a 5. Dende 1928 ocupou a capitanía do equipo.

En 1932 deixou o club por razóns económicas, e asinou polo Real Madrid. No equipo madrileño xogou 2 anos, gañando a liga en 1933 e a copa en 1934. En 1935 deixou o equipo merengue, recibindo un encontro de homenaxe.

A comezos de 1936 adestrou ó Atlético de Madrid, pero co inicio da Guerra Civil española fuxiu a Francia. En outubro uníuse ó OGC Nice da liga francesa, equipo co cal xogou ate a súa retirada definitiva en 1939. Tanto no FC Barcelona, como no Real Madrid e no OGC Nice, coincidiu co seu gran amigo, o porteiro internacional Ricardo Zamora.

Xogador da selección[editar | editar a fonte]

Coa selección española xogou 21 encontros, e marcou 2 goles. Samitier pasou á historia por ser un dos 11 xogadores que disputaron o primeiro encontro da historia da selección de fútbol de España, o 28 de agosto de 1920 fronte a Dinamarca, nos Xogos Olímpicos de Amberes, onde España conquistou a medalla de prata. Samitier tamén xogou varios encontros coa selección de fútbol de Cataluña.

Adestrador[editar | editar a fonte]

Despois da súa retirada como futbolista, adestrou durante un tempo ó OGC Nice, ata que en 1944 asinou de novo polo FC Barcelona, esta vez como adestrador. Con el dirixindo o equipo, o Barcelona conquistou a súa segunda liga. Tamén gañou a Copa de Ouro (competición precursora da actual Supercopa de España) e outros torneos de menor importancia.

Asesor técnico[editar | editar a fonte]

En 1947 deixou de ser o adestrador para ser o secretario técnico do club, sendo o responsable en 1950 da contratación doutro futuro símbolo culé, o xogador húngaro László Kubala.

En 1959 foi contratado polo Real Madrid como asesor técnico, para volver en 1962 ó FC Barcelona no mesmo posto, que ocupou ata a súa morte, o 4 de maio de 1972, con 70 anos de idade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]