Saltar ao contido

Fernando Fariña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFernando Fariña
Biografía
Nacemento14 de xaneiro de 1905 Editar o valor en Wikidata
Vigo Editar o valor en Wikidata
Morte26 de agosto de 1978 Editar o valor en Wikidata (73 anos)
Alcalde do Porto do Son
1936 – 1938 Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Grupo étnicoPobo galego Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónadestrador de fútbol, mestre, futbolista, político Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1921–1925 Eiriña Club de Fútbol
1925–1934   Deportivo da Coruña
1928–1928 cesión:    Celta de Vigo 6
  Adestrador Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1934–1934   Deportivo da Coruña
1941–1942   Racing de Ferrol
1947–1968 Arsenal de Ferrol
1952–1953   Deportivo da Coruña Editar o valor en Wikidata

Fernando Arturo Fariña Barros, nado en Vigo o 14 de xaneiro de 1905 e finado o 26 de agosto de 1978, foi un futbolista, adestrador de fútbol e mestre galego. Histórico capitán do Deportivo da Coruña, militou oito anos no club coruñés, xogando cunha icónica boina, e conquistou catro veces o Campionato de Galicia. Foi adestrador do propio Deportivo, así como do Racing de Ferrol, e dirixiu durante 21 tempadas consecutivas o Arsenal de Ferrol, 20 delas na Terceira División.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como xogador

[editar | editar a fonte]

Naceu en Vigo en 1905, no seo dunha familia vencellada ao xornalismo e á política. Foi fillo de Peregrina Barros Martínez e do xornalista e político republicano Arturo Fariña, así como sobriño do xornalista Benigno Barros e do político Cándido Barros.[1][2] Estudou cos Irmáns Maristas en Vigo, onde comezou a xogar ao fútbol.[3] Aos 10 anos ingresou no equipo infantil do Real Vigo Sporting, e aos doce foi vivir coa súa familia a Pontevedra, pasando a xogar no Helénico Deportivo até os dezaseis anos, cando fichou polo Eiriña, que se acababa de fundar. Foi capitán do equipo pontevedrés, co que en 1923 se proclamou campión da Serie B galega por diante do Racing de Ferrol, logrando o ascenso á máxima categoría galega.[3] Adoitaba xogar con boina, e así o retratou Castelao nos seus tempos como xogador do Eiriña.

No verán de 1926, logo de rematar os estudos de Maxisterio en Pontevedra e cando ía ser chamado a filas para o servizo militar, fichou polo Deportivo da Coruña, coincidindo cos inicios do fútbol profesional.[3][4] Asentouse axiña na titularidade, xunto a Redondela e Pombo, e na súa primeira campaña proclamouse campión do Campionato de Galicia, título que revalidou ao ano seguinte, no que formou no eixo do campo con Basterrechea e Antoñito. Foi titular no primeiro partido da historia do Deportivo na Segunda División ante o Alavés e gañou dous títulos galegos máis nas tempadas 1930/31 e 1932/33.

Xogou oito anos no equipo coruñés, exercendo como capitán dende 1931, e converteuse nunha das figuras máis emblemáticas da historia do club. Disputou un total de 177 partidos oficiais, sendo no seu momento o xogador con máis partidos na historia do club, ata que foi sobrepasado por Chacho.

En 1928 viaxou co Celta de Vigo na xira do equipo celeste por América.[5] Xogou tres partidos en Buenos Aires, dous no Uruguai e un en Rosario. Retirouse en 1934, cun partido de homenaxe entre o Deportivo e o Athletic de Bilbao.

Selección nacional

[editar | editar a fonte]

Foi convocado pola selección española para un encontro contra Italia disputado en Xixón en 1928, pero non chegou a debutar. Formou parte da selección galega de fútbol, coa que disputou varios partidos.

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

Na tempada 1933/34, sendo aínda xogador, aceptou tamén o cargo de adestrador do Deportivo da Coruña tras a destitución de José Planas o 15 de xaneiro de 1934. Ocupou o banco branquiazul até o 4 de maio dese mesmo ano, sendo substituído por Félix Gila.

En 1934 retirouse como futbolista profesional e foi destinado como mestre ao Porto do Son, onde seguiu xogando ao fútbol como afeccionado no Atalaya, ao tempo que adestraba o Noia.[3] Ademais foi alcalde deste concello entre 1936 e 1938.

Tamén adestrou ao Racing de Ferrol na tempada 1941/42, no campionato de liga de Segunda División, sumando sete vitorias, tres empates e catro derrotas, e quedando a un só punto da promoción de ascenso a Primeira. Con todo, tivo que disputar a promoción de permanencia, que solucionou de xeito fácil, con seis vitorias en dez partidos.

En agosto de 1947 recibiu a chamada do Arsenal de Ferrol (ata ese momento chamado Galicia CF), polo que pediu unha excedencia en Maxisterio para facerse cargo deste equipo, no que non cobraría salario ningún. Aínda que en principio o acordo era por dous anos, acabou adestrando o club ferrolán durante 21 anos, 20 deles na Terceira División, compaxinando o seu labor no club co traballo de mestre na Escola de Aprendices de Bazán, ademais de exercer como articulista en diferentes xornais.[3][6]

Na temporada 1952/53 foi chamado polo Deportivo da Coruña trala marcha de Manuel Casal, e dirixiu o club coruñés en 11 partidos, dous deles na fase de ascenso a Primeira, ata a chegada de Helenio Herrera.

Na tempada 1954/55 proclamouse co Arsenal campión do Grupo I por diante do Pontevedra e disputou a fase de ascenso á Segunda División. Encadrado nun novo grupo con oito clubs do norte, onde só ascendía o primeiro, acabou na terceira posición, sendo o ascenso para o Indautxu. Volveu dirixir o Racing de Ferrol de xeito interino nun partido da temporada 1957/58. Foi na 8ª xornada de Segunda, o 3 de novembro de 1957, con derrota ferrolá. Na campaña 1959/60 meteu o Arsenal de novo nunha fase de ascenso a Segunda, ao rematar na segunda posición do seu grupo, pero caeu nas semifinais da promoción contra o La Felguera, por un resultado global de 6-5. Adestrou o Arsenal de Ferrol ata 1968.

Reincorporouse ao Maxisterio público en 1969 en Boa (Noia), e en 1970 pasou a Covas, onde deu clases na EXB ata a súa retirada definitiva en 1974.[6]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou en 1933 con Fina Couto Suárez.[2]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Eiriña
Deportivo da Coruña

Adestrador

[editar | editar a fonte]
Arsenal

Estatísticas

[editar | editar a fonte]
Club Tempada Segunda División Copa C. Galicia Total
Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles
Deportivo 1926/27 - - 2 0 15 1 17 1
1927/28 - - 10 2 9 1 19 3
1928/29 14 0 - - 7 0 21 0
1929/30 18 1 2 0 10 2 30 3
1930/31 15 1 2 0 9 1 26 2
1931/32 15 2 6 0 6 0 27 2
1932/33 15 0 6 1 10 0 31 1
1933/34 0 0 1 0 5 0 6 0
Total carreira 77 4 29 3 71 5 177 12

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]
  • Medalla ao mérito deportivo (1965)
  • Medalla de ouro ao mérito deportivo e placa de prata do Colexio Nacional de Preparadores en 1965 por ser o adestrador con máis tempadas en categoría estatal (21 no Arsenal de Ferrol)
  • Premio Ferrol Diario na Festa do Deporte Ferrolán (1975)
  1. "Sepelio". El Correo Gallego (en castelán) (22486). 30 de marzo de 1944. p. 3. Consultado o 26 de xuño de 2026.
  2. 1 2 "Petición de mano". El Pueblo Gallego (en castelán) (2863). 1 de xuño de 1933. p. 10. Consultado o 26 de xuño de 2026.
  3. 1 2 3 4 5 "Fariña, uno de los primeros profesionales, cobraba en 1926 cuatrocientas pesetas al mes". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de decembro de 1967. p. 10.
  4. "Deportes". El Ideal Gallego (en castelán) (2577). 2 de setembro de 1926. p. 2. Consultado o 4 de agosto de 2026.
  5. "Pereiro desiste de ir a América". El Ideal Gallego (en castelán) (3225). 6 de xuño de 1928. p. 2. Consultado o 22 de xullo de 2022.
  6. 1 2 López Hermida, Juan C. (1 de abril de 2002). "Don Fernando, un mestre". Consultado o 4 de agosto de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]