Rodrigo García Vizoso
| Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Nacemento | 26 de febreiro de 1909 A Coruña | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Morte | 2 de xuño de 2009 A Coruña | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ocupación | adestrador, futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Período de actividade | 1928 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Posición de xogo | Gardameta | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Rodrigo García Vizoso, coñecido simplemente como Rodrigo, nado na Coruña o 26 de febreiro de 1909 e finado na mesma cidade o 2 de xuño de 2009, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego, que xogaba de gardameta. Considerado unha das maiores figuras da historia do fútbol coruñés, desenvolveu case toda a súa carreira deportiva nos clubs da propia cidade. Foi porteiro do Deportivo da Coruña durante sete tempadas e pasou brevemente polo Real Madrid, onde foi suplente de Zamora, e polo Granada. Traballador da Fábrica de Armas da Coruña, en 1940 fundou no seo da fábrica o Deportivo Xuvenil, ao que adestrou durante preto de 20 anos, levándoo ata a Segunda División. Tamén adestrou o Deportivo da Coruña en tres etapas e realizou diferentes funcións no club, como adestrador do Fabril e do equipo xuvenil ou observador.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como xogador
[editar | editar a fonte]Comezos
[editar | editar a fonte]Naceu na coruñesa rúa de Fuente Luisa —agora chamada Argudín Bolívar— en 1909, sendo un dos nove fillos de Manuel García Paz e Rosario Vizoso Serantes. Os seus irmáns eran José, Pilar, Gumersindo, Evergisto, Maximiliano, Manuel, Rosario e Berta.[1] Comezou a xogar ao fútbol no Varela Silvari, onde ademais de porteiro ocupaba as posicións de mediocentro e interior,[2] e pasou tamén polas filas do Olímpico.[3]
Deportivo da Coruña (1ª etapa)
[editar | editar a fonte]En 1927 comezou a xogar no reserva do Deportivo da Coruña e ao ano seguinte debutou co primeiro equipo, nun partido amigable ante o Racing de Ferrol no campo do Couto de Ourense, con motivo das festas do Corpus.[4] Nos seus primeiros anos no Deportivo apenas contou con oportunidades, sendo o gardameta titular o histórico Isidro. O seu debut en partido oficial produciuse o 12 de maio de 1929, na 11ª xornada da edición inaugural da Segunda División. O adestrador Andrés Balsa aliñouno aquel día como titular ante o Sevilla en Nervión, onde a pesar da derrota callou unha boa actuación.[5]
Despois de estar á sombra de Isidro varios anos, nos que só xogou esporadicamente algún partido tanto en Segunda División como no Campionato de Galicia, pasou a ser o primeiro porteiro do equipo cando aquel deixou o club en 1931. Desde aquela teceu unha carreira que o levou ser considerado durante anos un dos máximos referentes do club coruñés.
O momento de maior gloria da súa carreira viviuno en maio de 1932, cando o Deportivo, aínda na segunda categoría, se enfrontou na Copa do Presidente da República ao Real Madrid, vixente campión de liga. O Deportivo venceu por 2-0 no campo de Riazor e acudiu a Chamartín coa difícil misión de defender a vantaxe ante un equipo inzado de xogadores internacionais.[6] A espectacular actuación de Rodrigo en Madrid, nunha tarde na que detivo case todos os numerosos lanzamentos dos futbolistas do club branco, foi clave para que o Deportivo conseguise a fazaña de pasar á seguinte rolda.[6] Ovacionado no propio Chamartín,[6] este encontro disparou a súa popularidade, elevándoo ao status de lenda do club.[7]
Na tempada 1932/33 gañou o seu segundo Campionato de Galicia, sendo o gardameta titular en todos os encontros. Deixou o club en 1934, despois de sete anos na entidade.
Real Madrid
[editar | editar a fonte]En decembro de 1934, uns meses despois de deixar o Deportivo, realizou unha proba co Real Madrid e aínda que o adestrador Paco Bru se opuxo á súa fichaxe, esta foi concretada polo secretario do club, Pablo Hernández Coronado.[8] Con todo, non chegou a debutar co club branco, onde foi o porteiro suplente do histórico Ricardo Zamora.
Granada
[editar | editar a fonte]Posteriormente fichou polo Granada, cun salario de 500 pesetas ao mes.[7] No club andaluz, no que coincidiu co seu excompañeiro Alvarito, foi o gardameta titular, disputando un total de 23 encontros.
Deportivo da Coruña (2ª etapa)
[editar | editar a fonte]Co estalido da guerra civil volveu á Coruña e formalizou de novo ficha co Deportivo da Coruña, co que disputou a tempada 1936/37 do Campionato de Galicia. Titular en todos os partidos, proclamouse campión, sumando así o seu terceiro título.
Club Coruña
[editar | editar a fonte]A guerra levouno a pasar 34 meses no exército e após a contenda volveu á súa cidade natal, onde onde atopou traballo na Fábrica de Armas. En 1940 pasou a formar parte do Club Coruña, co que disputou varios partidos na Serie A, compartindo equipo entre outros con Eduardo Viso.[9]
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Xuvenil
[editar | editar a fonte]
En 1939, no seo da Fábrica de Armas na que traballaba, encomendóuselle a dirección dun equipo formado por aprendices, que máis tarde deu lugar ao Deportivo Xuvenil. Comezou a competir nas divisións de modestos da cidade, proclamándose campión das dúas divisións da liga de modestos e tamén da Copa da Coruña.[10][11] Aínda que a idea do club era só formar futbolistas para o Deportivo da Coruña,[2] os bos resultados fixérono subir paulatinamente de categoría e na tempada 1953/54, na que tiña baixo a súa batuta a xogadores como Manín, Juananco, Vegazo, Rábade ou Arias, logrou un histórico ascenso á Segunda División. Nese momento, despois de 15 anos como adestrador do equipo, presentou a súa dimisión co obxecto de acudir ao curso de adestrador nacional en Barcelona.[12][13] Ao seu regreso de Barcelona, o seu posto estaba xa ocupado por Eduardo Viso.[13]
Deportivo da Coruña (1ª etapa)
[editar | editar a fonte]En xuño de 1955, despois dun ano de inactividade futbolística, foi nomeado novo adestrador do Deportivo da Coruña, na Primeira División.[14] O seu primeiro éxito chegou na 10ª edición do Trofeo Teresa Herrera, que por primeira vez disputaba o Deportivo. Nun día que a prensa da época definiu como un dos máis memorábeis da historia do fútbol coruñés, o equipo de Rodrigo derrotou por 2-1 ao Athletic Club de Ferdinand Daučík, vixente campión da Copa do Xeneralísimo, grazas a un gol de Pahiño no minuto 130 de partido.[15] Xa en competición oficial, Rodrigo foi o primeiro adestrador en levar o Deportivo a derrotar ao Real Madrid en Chamartín.[7] Con todo, os irregulares resultados, e especialmente dúas derrotas consecutivas fóra da casa contra o Las Palmas e o Hércules, provocaron a súa destitución en febreiro de 1956.[16]
Selección galega xuvenil e Deportivo Xuvenil
[editar | editar a fonte]En outubro de 1956 foi designado adestrador da selección galega xuvenil, substituíndo no cargo a Julio Antonio Elícegui.[17] Dirixiu os xuvenís galegos durante máis dun ano, ata que presentou a súa dimisión o 21 de decembro de 1957.[18] Uns meses antes regresara ao banco do Xuvenil,[19] ao que adestrou ata 1960, cando este club pasou a estar baixo a tutela do Deportivo da Coruña.[20] En outubro dese mesmo ano foi nomeado polo Comité Rexional de Fútbol Afeccionado e Xuvenil seleccionador galego xuvenil por segunda vez.[21]
Deportivo da Coruña (2ª etapa)
[editar | editar a fonte]En abril de 1961 chegou a un acordo co Deportivo da Coruña para reingresar na entidade con varias funcións: segundo adestrador do primeiro equipo, adestrador do equipo B e dos xuvenís e observador de novos talentos.[22] Compaxinou estes labores coa selección xuvenil, á que dirixiu ata 1964. En novembro de 1962, tralo cesamento de Enric Rabassa, colleu as rendas do primeiro equipo do Deportivo, conseguindo unha vitoria no primeiro partido ante o Mallorca. Con todo, non puido gañar ningún dos seguintes cinco encontros, polo que en xaneiro foi substituído por Lelé.
Fabril
[editar | editar a fonte]No verán de 1964 converteuse en novo adestrador do Fabril, que pouco antes viña de fusionarse co Xuvenil.[23] Dirixiu o filial na Terceira División ata que en maio de 1965 volveu ser solicitado para o primeiro equipo.
Deportivo da Coruña (3ª etapa)
[editar | editar a fonte]A ausencia de Luis Carniglia, que marchou para Italia, propiciou a terceira etapa de Rodrigo no banco do primeiro equipo do Deportivo. Dirixiu o equipo na Copa do Xeneralísimo, acadando os oitavos de final, nos que caeu contra o Sporting de Gijón.
Fabril (2ª e 3ª etapa)
[editar | editar a fonte]Nos seguintes anos adestrou os equipos xuvenís do Deportivo e do Fabril e en 1970 volveu coller as rendas do Fabril, desta vez na Serie A galega. Pechou a liga regular na segunda posición, o que lle serviu para disputar a promoción de ascenso. Nesta conseguiu derrotar ao Barreda cántabro, conseguindo así o ascenso á Terceira División.[24] A continuación regresou ao equipo xuvenil do Deportivo, pero en 1973 volveuse poñer á fronte do Fabril, ao que adestrou ata 1976.
Recoñecementos e legado
[editar | editar a fonte]En xuño de 1946 recibiu a primeira das súas múltiples homenaxes, nun partido da Copa Galicia entre o Deportivo Xuvenil e o Deportivo da Coruña, no que toda recadación do estadio de Riazor foi para o propio adestrador, que non cobraba polo seu labor no Xuvenil.[25] En 2002 realizáronse unha serie de homenaxes á súa persoa, que comezaron coa refundación do Varela Silvari, club no que militara na súa xuventude,[26] e que se pecharon coa inauguración dun busto seu na Cidade Deportiva da Torre, nun acto no que estiveron presentes entre outros Amancio Amaro e Luis Suárez.[27]
Chegou acadar os cen anos de idade e o día do seu centenario foi homenaxeado no estadio de Riazor nos prolegómenos do último partido do Deportivo en competición oficial europea, fronte ao Aalborg dinamarqués.[28] Falecería poucos meses despois. Como tributo, o Concello da Coruña decidiu mudar o nome do Campo Municipal de Fútbol A Grela II polo de Rodrigo García Vizoso. Tamén levou o seu nome un torneo de fútbol sete organizado polo Varela Silvari dende 2001.[29]
Rodrigo foi descubridor de numerosos talentos do fútbol coruñés, entre eles o de Luis Suárez, veciño como el do barrio de Monte Alto.[7]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en febreiro de 1935 na Coruña con Estrella Sánchez Morandeira.[30] Foi tío do tamén futbolista Mariano Veloy, fillo da súa irmá Rosario.[31]
Estatísticas
[editar | editar a fonte]| Club | Tempada | Liga | Copa | C. Rexional | Total | ||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | ||
| Deportivo da Coruña | 1928/29 | 1 | 0 | 0 | 0 | 0 | 0 | 1 | 0 |
| 1929/30 | 4 | 0 | 0 | 0 | 1 | 0 | 5 | 0 | |
| 1930/31 | 4 | 0 | 0 | 0 | 2 | 0 | 6 | 0 | |
| 1931/32 | 18 | 0 | 6 | 0 | 9 | 0 | 33 | 0 | |
| 1932/33 | 17 | 0 | 6 | 0 | 10 | 0 | 33 | 0 | |
| 1933/34 | 16 | 0 | 0 | 0 | 10 | 0 | 26 | 0 | |
| Real Madrid | 1934/35 | 0 | 0 | 0 | 0 | - | - | 0 | 0 |
| Granada | 1935/36 | 12 | 0 | 3 | 0 | 8 | 0 | 23 | 0 |
| Deportivo da Coruña | 1936/37 | - | - | - | - | 10 | 0 | 10 | 0 |
| Total club | 60 | 0 | 12 | 0 | 42 | 0 | 114 | 0 | |
| Club Coruña | 1940/41 | ? | ? | - | - | - | - | ? | ? |
| Total carreira | 72+ | 0 | 15 | 0 | 50 | 0 | 137+ | 0 | |
Palmarés
[editar | editar a fonte]Xogador
[editar | editar a fonte]- Deportivo da Coruña
- Campionato de Galicia (3): 1930/31, 1932/33, 1936/37.
Adestrador
[editar | editar a fonte]- Deportivo Xuvenil
- Terceira División (1): 1953/54.
- Serie A (1): 1945/46.
- Copa Galicia (1): 1949/50.
- Copa da Coruña (2): 1942/43, 1943/44.
- Primeira División de Modestos da Coruña (1): 1944/45.
- Segunda División de Modestos da Coruña (1): 1942/43.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Inclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda, Supercopa de España, Supercopa de Europa e Mundial de Clubs.
- 1 2 "El homenaje de esta tarde". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xuño de 1946. p. 5.
- ↑ "Mañana, Olímpico - Endem en Riazor". El Noroeste (en castelán) (13267). 5 de novembro de 1926. p. 4. Consultado o 29 de abril de 2026.
- ↑ "Orense al día". El Pueblo Gallego (en castelán) (1346). 12 de xuño de 1928. p. 13. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ "EL DEPORTIVO PIERDE EN SEVILLA POR DOS A CERO". El Noroeste (en castelán) (14068). 14 de maio de 1929. p. 4. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- 1 2 3 "El Deportivo eliminó el domingo al Madrid". El Ideal Gallego (en castelán) (3632). 17 de maio de 1932. p. 1. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- 1 2 3 4 Juan L. Cudeiro (3 de xuño de 2009). "Necrológica: Rodrigo García Vizoso, el último de la primera Liga". El País. Consultado o 31-03-2016.
- ↑ "Aunque Brú se oponía, Hernández Coronado ultimó la adquisición". El Ideal Gallego (en castelán) (5432). 5 de xullo de 2025. p. 5. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ "El Vigués, campeón de la Serie A". El Pueblo Gallego (en castelán) (5419). 27 de decembro de 1940. p. 3. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ Rodrigo Arquivado 20 de xullo de 2012 en Wayback Machine. Biografías de xogadores do Deportivo - Peña Deportivista Os Zorros - Carballiño (en castelán)
- ↑ Deportivo Juvenil y Fabril, dos equipos distintos DEPOR Sport (en castelán)
- ↑ "Rodrigo renuncia a su cargo de entrenador". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 1954. p. 5.
- 1 2 "Rodrigo, fundador del Juvenil, habla del equipo". El Ideal Gallego (en castelán) (11846). 22 de abril de 1955. p. 5. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ ""Me ha sorprendido mi nombramiento", dice Rodrigo, nuevo entrenador del Deportivo". El Ideal Gallego (en castelán). 22 de xuño de 1955. p. 6. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ "Con todos los honores, el Deportivo se adjudica el X Trofeo Teresa Herrera, al vencer al Atlético de Bilbao (2-1)". La Noche (en castelán). 2 de setembro de 1955. p. 4. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ "Rodrigo ha dejado de ser entrenador deportivista". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de febreiro de 1956. p. 4.
- ↑ "Rodrigo, seleccionador regional de juveniles". El Pueblo Gallego (en castelán) (10817). 21 de outubro de 1956. p. 10. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ "Chao, nuevo seleccionador regional de juveniles". El Pueblo Gallego (en castelán) (11148). 22 de decembro de 1957. p. 11. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ "Rodrigo, de nuevo en el juvenil". La Noche (en castelán) (11358). 14 de agosto de 1957. p. 5. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ "Rodrigo dimitió su cargo de entrenador del Juvenil y será sustituído por Moar". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de febreiro de 1960. p. 5.
- ↑ "Rodrigo, seleccionador regional de juveniles". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de outubro de 1960. p. 5.
- ↑ "Rodrigo García Vizoso firmó contrato como etrenador ayudante del Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de abril de 1961. p. 5.
- ↑ "Rodrigo, nuevo entrenador del Fabril". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de agosto de 1964. p. 6.
- ↑ "Otra grata jornada en Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xuño de 1971. p. 14.
- ↑ "El Juvenil - Deportivo del jueves se dedicará como homenaje a Rodrigo". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xuño de 1946. p. 5.
- ↑ "Un guiño a la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de febreiro de 2002. p. 42.
- ↑ "El Deportivo se quedó huérfano ayer de su mito Don Rodrigo". El Correo Gallego (en castelán). 2 de xuño de 2009. Consultado o 7 de xullo de 2025.
- ↑ "Rodrigo García Vizoso fue homenajeado en el Ayuntamiento y recibió la ovación de Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de febreiro de 2009. Consultado o 7 de xullo de 2025.
- ↑ "El Trofeo Rodrigo García Vizoso hoy en La Grela". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 30 de decembro de 2006. p. 36.
- ↑ "Registro Civil". El Ideal Gallego (en castelán) (5498). 1 de marzo de 1935. p. 6. Consultado o 5 de xullo de 2025.
- ↑ "Fallecio la madre de Veloy". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xuño de 1965. p. 8.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1909
- Finados en 2009
- Nados na Coruña
- Futbolistas da Coruña
- Gardametas de fútbol
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Real Madrid CF
- Xogadores do Granada CF
- Xogadores do Club Coruña
- Adestradores de fútbol de Galicia
- Adestradores do Deportivo da Coruña
- Adestradores do Deportivo Fabril
- Centenarios galegos