Mexillón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mexillóns nas rochas.

O mexillón (Mytilus galloprovincialis, Lamarck, 1819) é un molusco bivalvo comestible, moi apreciado polo seu interese económico e gastronómico, provisto dunha cuncha de cor negra azulada, formada por dúas valvas simétricas.

En condicións naturais medra formando colonias numerosas apegadas ás rochas, sempre en zonas de pouca profundidade e no límite das mareas, de modo que queda ó descuberto na baixamar. Actualmente é obxecto de cultivo cada vez más tecnificado, nuns artefactos flotantes chamados bateas.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Os mexillóns, como xénero, foron descritos por Carl von Linné en 1758. Ata finais do século XX admitíase a presenza en Europa de tres especies diferentes nas súas características morfolóxicas:

  • Mytilus edulis (mexillón azul ou mexillón atlántico).
  • Mytilus galloprovincialis (mexillón mediterráneo)
  • Mytilus trossulus (do mar Báltico).

Noutras zonas do mundo estaban presentes outras especies, como o Mytilus californianus, en Estados Unidos) ou o Mytilus chilensis (en Sudamérica).

Xa no 1957, Hepper identificou o M. galloprovincialis na costa sur de Inglaterra, identificación que foi confirmada por outros autores. No caso concreto do mexillón galego, estudios xenéticos levados a cabo por investigadores das universidades de Santiago e de Vigo a partir de 1970 corroboraron que a especie presente nas nosas costas –coma no resto das costas españolas- era o M. galloprovincialis e non M. edulis como se admitía ata entón[1].

A nova distribución das tres especies de mexillón sitúa o límite entre o M. edulis e o M. galloprovincialis no sur de Inglaterra, aínda que, coma sempre pasa en bioloxía, as áreas de distribución se superpoñen na zona de confluencia. O mexillón do Báltico só está presente nesas augas, probablemente polo seu carácter pechado, aínda que se detectaron pequenas poboacións desta especie no Xapón.

Realmente, as diferencias morfolóxicas son escasas, máis de matiz que de fondo: o extremo anterior é máis puntiagudo e curvado no M. galloprovincialis que no M. edulis; as bandas violáceas daquel son menos patentes que neste; o bordo púrpura violáceo do manto daquel é dunha cor máis viva ca deste. Tamén se comprobou que o primeiro é moito máis resistente a un parasito específico do mexillón (Pinnotheres pisum) que o segundo, cun grao de infestación do 30,3% no M. edulis fronte a un 1,4% no M. galloprovincialis. En calquera caso, a verdadeira diferenciación baséase en estudios bioquímicos e xenéticos.

Descrición[editar | editar a fonte]

Mexillón cocido.

A cuncha é fina e quebradiza, de cor negra azulada, practicamente lisa aínda que se aprecian unhas liñas concéntricas (que son as estrías de crecemento) pouco marcadas. Está formada por dúas valvas simétricas artelladas mediante a charneira, situada nas proximidades do extremo máis afiado. A cuncha é de forma máis ou menos triangular, apuntada, rematando nunha punta roma no extremo anterior (ápice ou umbo), e ancheando nun arco arredondado e cortante no extremo posterior.

Sobre a cuncha é común atopar diversas incrustacións, como os tubos calcáreos de certos anélidos (sérpulas, potamoceros, etc), que dan lugar a un debuxo que se coñece como risco. Tamén poden atoparse arneiros.

A cara interna da cuncha é de superficie nacarada e de cor branca azulada. Poden apreciarse a marca do manto paralela ó bordo: impresión paleal, e as marcas dos músculos adductores, maior o posterior (na zona máis ancha).

Anatomía[editar | editar a fonte]

Como tódolos moluscos, o corpo do mexillón, denominado vianda, está dividido en cabeza, pé e masa visceral, coa particularidade de que a cabeza non está diferenciada da masa visceral. Esta consta dunha lámina externa, dobre, que se chama manto, de cor amarela abrancazada ata laranxa, segundo o estado sexual das gónadas: cando están sexualmente activas son de cor laranxa forte, perdendo cor no momento de repouso sexual; nos machos, o manto adoita ser abrancazado.

As dúas láminas do manto están soldadas polos bordos, excepto na zona ventral (a oposta á charneira) na que deixan unha abertura para o pé e o biso. Nesa zona ventral, nos bordos do manto apréciase unha banda muscular festoneada, de cor violeta escura.

O manto delimita unha cavidade interna, a cavidade paleal, que contén no seu interior as vísceras. Entre elas cabe destaca-lo hepatopáncreas, de forma globosa e cor verde ou negra, apreciable incluso a través do manto. Na parte posterior da zona dorsal (na parte máis ancha do mexillón, no mesmo bordo cá charneira) apréciase un orificio, o ollal, equivalente ó sifón exhalante doutros moluscos, coma as ameixas, por onde expulsa a auga tralo filtrado polas branquias, xunto ás feces resultantes da dixestión.

O hepatopáncreas é unha grándula dobre que almacena glicóxeno, como reserva enerxética (actuando así coma un fígado) e posúe células dixestivas, secretoras de enzimas.

No mexillón, o pé perdeu a función locomotriz propia deste órgano. Serve para colocarse sobre o sustrato no momento da fixación co biso e tamén, ó ser elástico e muscular, permítelle realizar algún desprazamento, moi limitado.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Como otros moluscos bivalvos, o mexillón aliméntase por filtración: ó abri-las valvas aspira a auga, que é canalizada a través das branquias, nas que quedan retidas as partículas orgánicas que leve en suspensión, é dicir, o plancto, que será dirixido cara o seu aparato dixestivo.

Son animais sésiles, é dicir, viven fixados ó sustrato mediante o biso, unha especie de barbas que lle saen do extremo agudo. Este mesmo sistema de fixación mantén suxeito ó mexillón ás cordas das bateas nas que se cultivan.

En condicións naturais, son obxecto de depredación por parte da estrela de mar e algúns gasterópodos mariños, coma o Nucella lapillus. Outros predadores posibles son os cangrexos, aves mariñas e incluso algún peixe, como a dourada.

O mexillón é un animal de sexos separados (aínda que morfoloxicamente idénticos, hai mexillóns machos e mexillóns femias). As gónadas están constituídas por numerosos folículos xerminais diseminados por todo o corpo, dos que saen os condutos foliculares que verten os óvulos ou os espermatozoides na cavidade paleal. A formación das células sexuais do mexillón ten lugar durante o inverno ata a primavera, momento no que alcanzan a madurez sexual e se produce a ovulación (ou desove), coincidindo co aumento das temperaturas da auga. En ocasións pode haber unha segunda época de reprodución, entre outubro e novembro.

No momento do desove, machos e femias expulsan á auga os seus gametos, producíndose a fecundación tanto nas augas libres como no interior da cavidade paleal das femias, que reteñen os espermatozoides presentes na auga que filtran para logo expulsa-los óvulos xa fecundados. Calcúlase que o número de ovos liberados oscila entre o medio millón e o millón por femia.

Trala fecundación, nun ou dous días fórmase a larva trocófora, que muda a larva veliger. A fase larvaria, que dura entre 2 e 4 semanas, é planctónica, de modo que as larvas son arrastradas polas correntes mariñas. Ó acadar un tamaño duns 0,5 mm nace o biso e prodúcese a fixación ó sustrato. É posible que ó cabo do tempo se solten e pasen por sucesivas fases migratorias e fixacións secundarias.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Como dixemos, o mexillón medra no nivel litoral e intermareal, o que implica quedar exposto ó aire libre durante a baixamar. O límite de distribución dependerá da supervivencia que permita a duración da fase seca e o grao de humidade disponible nesa fase. Tamén poden colonizar fondos mariños, sempre de pouca profundidade. Prefire zonas batidas e con abundante circulación de auga, pero o crecemento redúcese segundo aumenta a forza do mar e das ondas, xa que nestas circunstancias ten que utiliza-las súas reservas na formación de biso e fortalecemento da cuncha. De aí que o mexillón de rocha sempre sexa menor có mexillón de batea, ademais de estar máis engrosado e te-los bordos máis romos.

Soporta sen problemas amplas variacións de temperatura, e pode crecer en augas entre 0 ºC e 27 ºC, cun óptimos entre 10 ºC e 20 ºC. Tamén resiste amplas variacións de salinidade, cun nivel óptimo de 30-35 por mil. Por debaixo de 24 por mil o crecemento se ralentiza sensiblemente, cesando a niveis inferiores a 19 por mil.

As diferentes especies de mexillón están distribuídas amplamente, tanto nos mares circumpolares como en augas máis tépedas. É moi abundante na costa de tódalas rías galegas. Canto ó seu cultivo, tamén se dá con facilidade variable en tódalas rías, destacando a de Arousa.

Cultivo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Miticultura.

Mexillón de Galicia[editar | editar a fonte]

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Festas gastronómicas[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mexillón
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Mexillón
Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de mexillón