Fogueiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fogueiro
Melanogrammus aeglefinus
Melanogrammus aeglefinus

Fogueiro no acuario de Boston
Fogueiro no acuario de Boston

Estado de conservación
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Gadiformes
Familia: Gadidae
Xénero: ''Melanogrammus''
T. N. Gill, 1862
Especie: ''M. aeglefinus''
Nome binomial
''Melanogrammus aeglefinus''
(Linnaeus, 1758)
Fogueiro (Melanogrammus aeglefinus)

O fogueiro [1] ou burro (Melanogrammus aeglefinus, Linneo 1758) é un peixe mariño semellante ó bacallau, propio de ámbalas dúas costas do océano Atlántico. Pertence á familia dos gádidos.

Características[editar | editar a fonte]

É de corpo alargado e fusiforme, coa cabeza relativamente pequena. Normalmente alcanza tamaños de 60-70 cm, pero pode supera-lo metro de lonxitude. O peso habitual ronda os 300-500 gramos [2].

A cor é verdosa ou gris polo lombo, aclarándose ata o brancuxo cara o ventre, cunha mancha negra característica á altura da aleta pectoral. Liña lateral definida, de cor escura, basicamente recta. Como corresponde á fámilia dos gádidos, presenta tres aletas dorsais e dúas anais. A queixada inferior é máis corta cá superior.

Morfoloxicamente é semellante ó bacallau ou ó abadexo. Diferénciase deste último pola presenza de barbiñas (das que carece o abadexo), pola liña lateral recta (no abadexo está curvada por enriba da aleta pectoral) e pola mancha escura sobre a aleta pectoral (ausente no abadexo).

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Trátase dun peixe demersal, oceanodromo, gregario [3], propio de augas frías do norte de Europa (entre os 2 e os 10°C). A flota galega captúrao nos caladoiros de Irlanda e Gran Sol, utilizando artes de arrastre. No ano 2009, as capturas totais subastadas nas lonxas galegas ascenderon a 101.703 kg [1].

Habita en profundidades entre os 10 e os 200 m, aínda que pode chegar ós 450 m, sobre fondos areosos ou rochosos. Como resulta habitual, os exemplares xuvenís adoitan manterse en augas superficiais, mentres que os adultos prefiren augas máis profundas. Aliméntase de pequenos peixes e crustáceos.

Está considerado pola IUCN como vulnerable.

Usos culinarios[editar | editar a fonte]

Sendo menos apreciado có bacallau, é unha especie moi popular no norte de Europa, Escocia ou Islandia, estendéndose desde o Cantábrico ó Báltico. En España adoita comercializarse conxelado.

Inclúese dentro dos peixes brancos polo seu baixo contido en graxa. Achega proteínas de alto valor biolóxico, vitaminas (sobre todo do grupo B) e minerais (fósforo e potasio).

Do lombo dos exemplares grandes obtéñense pezas carnosas que se poden cociñar ó forno, rebozados ou á prancha. Os exemplares pequenos cómense fritidos ou afumados. Tamén pode presentarse seco e salgado.

No Reino Unido adoita consumirse aberto ó longo, limpo e afumado, presentación que de coñece como haddock.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tamén pode atoparse na bibliografía baixo o castelanismo carboeiro.
  2. Tallas máximas comprobadas (Fish Base): 112 cm e 16,8 kg de peso.
  3. Demersal designa os peixes que viven cerca do fondo do mar pero non permanentemente; oceanodromo, que realizan migracións nas augas mariñas; gregario, que se agrupa en grandes bancos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Fogueiro