Atún vermello

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras especies diferentes, ver artigo Túnidos
Atún vermello
Bluefin-big.jpg
Estado de conservación
En perigo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Familia: Scombridae
Subfamilia: Scombrinae
Xénero: Túnidos
Subxénero: Túnidos
Especie: Thunnus thynnus
Sinonimia
  • Scomber thynnus Linnaeus, 1758

Dáse o nome común de atún a diferentes especies de peixes, habituais en tódolos mares do mundo, agrupados baixo a denominación colectiva de túnidos. Aínda así, adoita reservarse o nome de atún, sen máis calificativos, ou atún vermello, para o Thunnus thynnus [1].

Descrición[editar | editar a fonte]

Como o resto dos túnidos, ten un corpo fusiforme, máis robusto na metade anterior. Pode chegar a tamaños de ata 3 metros aínda que o habitual son cifras de entre 1 e 2 metros, e o peso pode chegar ós 650 kg [2]. É a especie de atún que alcanza maiores tamaños.

Toda a zona dorsal é de cor azul moi escura, case negra, sen marcas de cor ningunha. Os costados son prateados, aclarando cara ó ventre. En vida, presentan no ventre unhas bandas e puntos grises, que trala morte xa non se aprecian.

Atún vermello [3]

Presenta dúas aletas dorsais, a segunda maior -en altura e lonxitude- que a primeira, moi xuntas. A primeira mostra 12-14 raios espiñosos e a segunda só un, cos restantes raios brandos (13 a 15). A primeira dorsal é de cor amarela ou azulenta pero a segunda é de cor castaña ou avermellada, carácter ó que lle debe o nome. A aleta pectoral non chega ó nacemento da segunda dorsal, sendo esta unha característica que permite diferencialo doutros atúns. A aleta anal (que carece de raios espiñosos) é case negra. Ten 8-10 pínnulas dorsais e 7-9 anais, de cor amarelada co bordo negro.

En relación con outras especies de túnidos, esta especie ten os ollos relativamente pequenos. Outro carácter identificativo é o número de dentes do primeiro arco branquial (34 a 43).

Canto ás características anatómicas, o fígado presenta estrías na superficie inferior [4]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Móvese en bancos pouco numerosos e en augas superficiais [5], normalmente a altas velocidades (cítanse valores de 80-90 km/h).

O atún vermello está presente en todo o Atlántico norte, no mar Mediterráneo e no mar Negro. Prefire augas de temperaturas ó redor dos 20 °C pero soporta sen problema ningún oscilacións entre os 5 e os 30 °C. Como outros túnidos, realiza movementos migratorios periódicos coñecidos desde hai séculos e que xa foron descritos por Aristóteles. Mediante o marcado de individuos que logo son devoltos ó mar puideron comprobarse desprazamentos desde México ou Florida ata Xapón ou o mar Cantábrico.

A efectos de cálculo de stocks e control de capturas estímanse dúas poboacións: Atlántico oeste e Atlántico este (que inclúe o Mediterráneo), ademais dunha subpoboación en Sudáfrica. Os exemplares do Atlántico oeste adoitan alcanzar tamaños aínda maiores cos do este, pero maduran sexualmente máis tarde.

Calcúlase que a súa lonxevidade supera os 15 anos. Alcanza a madurez sexual ós 4-5 anos, cun tamaño de 1-1,2 m e un peso de 15-25 kg. É carnívoro e aliméntase de sardiñas, bocartes ou arenques.

Aproveitamento pesqueiro[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Túnidos.

As migracións antes mecionadas desde o Atlántico ó Mediterráneo para desovar (en maio ou xuño), e viceversa (para pasa-lo inverno en mares máis fríos), foron aproveitadas polos pescadores desde tempos históricoas, para capturalos mediante a arte de pesca denominada palangre. Outra técnica, moderna, consiste en agrupalos mediante redes colocadas no seu percorrido para logo pescalos con cana ou directamente con garfos. Xa os fenicios utilizaron a tal fin unha arte de pesca específica para esta especie, as almadrabas [6], que aínda se seguen a utilizar no Mediterráneo, hoxe convertidas en verdadeiras granxas mariñas de engorde de atúns.

A sobreexplotación dos bancos de atúns, xunto á captura de exemplares subadultos, levounos a unha situación crítica. Segundo a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (CICAA), a poboación de atún vermello no Atlántico occidental diminuíu nun 90% desde os anos 70 e nun 50% a do Mediterráneo. Outros indicadores da gravidade da situación foron a constatación da dimiminución da biomasa de reprodutores a só o 20% do nivel que existía en 1970 e que a captura de exemplares por debaixo da talla mínima legal, establecida en 6,4 kg, representa a matade do total de capturas [2].

É difícil manter o atún en catividade. O acuario da badía de Monterrei (México) é un dos poucos acuarios no mundo que manteñen con éxito a exhibición do atún.

Alimentación[editar | editar a fonte]

O atún é un peixe moi apreciado na alimentación. É un peixe graxo por excelencia, cun 12% de graxa, rica en ácidos omega 3, e unha achega de 200 cal por 100 gramos. Pódese consumir directamente asado, á grella, ó forno, guisado ou mesmo cru, en carpaccio; ou en conserva. En Andalucía é típica a preparación de mojama: lombo de atún salgado e desecado. No País Vasco e Navarra, a preparación máis característica é o chamado marmitako, guisado con salsa de tomate.

A pesca do atún, intensa desde hai séculos, viuse amplamente impulsada polo uso na gastronomía oriental, principalmente en Xapón, onde resulta moi apreciado para a elaboración do sushi, do sashimi ou do tataki, pratos hoxe xa difundidos noutras culturas. Actualmente, expórtase a Xapón ó redor do 70% das capturas realizadas no Mediterráneo, a prezos que alcanzan os 100 euros/kg [7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En castelán coñécese como atún rojo, cimarrón ou buey de los cartujos. Este último nome, documentado xa na Idade Media, alude á semellanza da súa carne á da carne de boi pero que, ó ser peixe, podía comerse durante a Coresma. En portugués, atum-rabilho; en inglés, bluefin (Northern bluefin tuna); en francés, thon rouge; en catalán, tonyina; en vasco, hagalaburra.
  2. A Fishbase.org recolle como cifras máximas unha lonxitude de 458 cm e un peso de 684 kg.
  3. Debuxo de Robbie N. Cada (FishBase)
  4. Só outra especie deste grupo presenta estas estrías, a albacora. No resto das especies a superficie inferior do fígado é lisa.
  5. Realmente, son peixes que baixan a profundidades maiores durante o día e ascenden á superficie durante a noite.
  6. Conxunto de redes que van confluíndo nunha cámara final pechada.
  7. Datos de xuño de 2008 [1]. La axencia EFE daba no 2007 a noticia da poxa dun atún vermello de 206 kg na lonxa de Tokio por un valor duns 27.000 euros, moi lonxe do récord ó que chegou outro, de 202 kg, no ano 2001, polo que se pagaron 130.000 euros (La Voz de Galicia, 6.01.2007).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ, Cristino (2004): "Atún rojo. Con permiso del mikado", en La Voz de Galicia, 29.02.2004.
  • Comité Permanente de Investigacións e Estatísticas da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (CICAA) (sen data): Glosario de términos pesqueros [3].
  • Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (2007): Anuario de pesca 2006.
  • LÓPEZ MUÑOZ, Daniel (coord.) (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
  • MARCH, Lourdes (1993): La cesta de la compra. Alianza Editorial, Madrid.
  • MUUS, B.J. e DAHLSTRÖM, P. (1981): Guía de los peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Ediciones Omega S.A., Barcelona.
  • SÁNCHEZ, Carlos Maniel: "La matanza del atún rojo", en El Semanal, 30.04.2000.
  • ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]