Cangrexo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para a constelación do cangrexo, véxase Cáncer (constelación)
Para a Supernova do Cangrexo, véxase SN 1054.

Chámanse cangrexos[1] ou caranguexos[2] a diversos crustáceos da orde dos decápodos.

O nome cangrexo deriva dun diminutivo da voz do baixo latín cangro, que á súa vez procede do latín cancer, cancris.

Os membros da orde dos decápodos, caracterizados por teren cinco pares de patas, comprenden, entre outros, os crustáceos máis apreciados gastronomicamente, como langostas, lumbrigantes, centolas ou nécoras, ademais das diversas especies que se denominan cangrexos (por exemplo, o cangrexo violinista, o cangrexo dos coqueiros ou os cangrexos de río).

Características[editar | editar a fonte]

O que teñen en común todos os chamados cangrexos é o seu carácter bentónico, é dicir, que viven vagando sobre o fondo. Só algunhas especies da familia dos portúnidos (Portunidae) desenvolveron secundariamente un hábito nectónico, isto é, poden nadar en vez de andar só polo fondo (e por iso se lles chama cangrexos nadadores).

Outro trazo común, compartido con algúns outros decápodos, é que o primeiro par de patas locomotoras converteuse evolutivamente nun par de pinzas, que empregan para a captura e manipulación do alimento, para o cortexo, ou para a disputa territorial.

Existen máis de 4.000 especies de animais que son ou que poden ser chamados cangrexos. A maioría viven dentro da agua ou preto dela, aínda que algúns son de hábitos fundamentalmente terrícolas e só van á agua para reproducírense.

Os cangrexos, mesmo os nadadores, non adoitan seren grandes nadadores, senón que se desprazan polo fondo sobre as súas patas, e en moitos casos son capaces de transitar fóra da auga e mesmo de gabear polas palmeiras.

Como artrópodos que son, os cangrexos están dotados dun exoesqueleto cuxo compoñente principal é a quitina, que a miúdo adquire gran dureza porque adoita estar mineralizado con carbonato cálcico.

Como para o resto dos artrópodos, o crecemento require duna muda do exoesqueleto, ocasión que moitas especies aproveitan para a reprodución.

Algúns cangrexos coñecidos[editar | editar a fonte]

  • Cangrexo común, ou cangrexo. Crustáceo decápodo braquiúro da familia dos portúnidos (Carcinus maenas), de cacho hexagonal, un pouco máis largo que longo (uns 5 cm de lonxitude por 7 de anchura) de superficie granular e cor parda verdosa, provisto de cinco dentes nos bordos anterolaterais, e con quelípodos e patas marchadoras robustos. Distribúese polo Atlántico, o Índico e o Pacífico occidental, habitando na zona intermareal, praias e pozas das rochas en marea baixa.
  • Cangrexo de río. É o nome común de varios crustáceos decápodos macruros da familia dos astácidos, pertencentes aos xéneros Australopotamobius e Potamobius (antigos Astacus), que miden de 8 a 20 cm de lonxitude e teñen o corpo cilíndrico, algo deprimido, de cor verde olivácea escura, e viven nas augas doces limpas de zonas calcarias. Destacan:
  • Potamobius astacus (= P. fluviatilis), do centro e N de Europa, e
  • Australopotamobius pallipes, que vive nas illas Británicas e no S de Europa.
  • Cangrexo denticulado. Crustáceo decápodo braquiúro da familia dos pirimélidos (Pirimela denticulata), moi semellante ao cangrexo común, pero de menor tamaño (non pasa dos 2,5 cm) e caracterizado por ter na zona frontal tres lóbulos, o mediano máis longo que os laterais e polos quelípodos (iguais) menos desenvolvidos que en Carcinus maenas. Vive enterrado na area, en augas de entre 30 cm e 1 m de profundidade, no Atlántico oriental, desde Noruega até o Senegal, e no Mediterráneo.
  • Cangrexo dos coqueiros. Crustáceo decápodo anomuro da familia dos cenobítidos (Birgus latro), de gran tamaño (até 30 cm de lonxitude), con patas moi robustas e abdome ben desenvolvido. Habita nas illas de coral dos océanos Índico e Pacífico, e é de costumes terrestres: constrúe os seus tobos entre as rochas e gabea aos coqueiros para cortar os cocos, dos que se alimenta, cos seus fortes quelípodos.
  • Cangrexo ermitán. Sinónimo de ermitán.
  • 'Cangrexo peludo. Crustáceo decápodo braquiúro da familia dos dromíidos (Dromia personata) de até 8 cm, co caparazón lixeiramente máis ancho que longo, e abombado, con todo o corpo, incluídas as patas, cuberto de finos pelos de cor parda escura, resaltando os extremos das pinzas, glabros, de cor rosa brillante. Vive sobre a area e as costas rochosas, no Atlántico, até o canal da Mancha, e no Mediterráneo. V. Dromia.
  • Cangrexo porcelana. Nome común dos crustáceos decápodos anomuros da familia dos porcelánidos pertencentes ao xénero Porcellana, que semellan pequenos braquiúros, co abdome pequeno, dobrado baixo o caparazón, pero co último par de patas diminuto, e antenas moi desenvolvidas. Nas nosas augas atópanse dúas especies, o cangrexo porcelana liso e o peludo, ambos de moi pequeno tamaño.
  • Cangrexo porcelana liso. Crustáceo decápodo anomuro da familia dos porcelánidos (Pisidia longicornis = Porcellana longicornis), de tan só 0,6 cm de lonxitude, coloración parda avermellada, caparazón de forma de cadrado arredondado, coas antenas máis longas que este, e os quelípodos moi desenvolvidos e relativamente delgados. Vive baixo as pedras e nos rizoides de algas do xénero Laminaria, na franxa e na zona infralitorais, no Atlántico, até o mar do Norte, e no Mediterráneo.
  • Cangrexo porcelana peludo. Crustáceo decápodo anomuro da familia dos porcelánidos (Porcellana platycheles), de 1,2 cm de lonxitude, caparazón plano e arredondado, cos quelípodos moi desenvolvidos (duns 2 cm) e as patas peludas. Habita baixo as pedras, entre o fango, desde a zona mediolitoral á infralitoral, no Atlántico e no Mediterráneo.
  • Cangrexo real. Crustáceo decápodo braquiúro da familia dos xeriónidos (Geryon affinis), de cacho hexagonal, máis largo que longo (de 10 a 19 cm de largo), con cinco dentes pouco desenvolvidos nos bordos anterolaterais, quelípodos algo desiguais, moderadamente grosos, e patas marchadoras longas. Especie profundícola, distribúese polo Atlántico oriental, desde Islandia ata as Canarias e Azores, polo Atlántico occidental e polo Índico. Abunda no banco de Galicia, a 110 millas ao O de Fisterra, a 700 m de profundidade, comercializándose desde hai poucos anos.
  • Cangrexo violinista. Nome común dos crustáceos decápodos braquiúros da familia dos occipódidos pertencentes ao xénero Uca, de até 4 cm de anchura e caracterizados polo seu dimorfismo sexual: os machos adoitan presentaren cores rechamantes e o quelípodo dereito moi desenvolvido, cunha pinza enorme, mentres que as femias son de cores discretas e coas dúas pinzas do mesmo tamaño. Habitan nas praias dos mares cálidos, destacando Uca dussumeiri, de coloración gris e pinzas amareladas; U. gaimardi, de cor negra avermellada; U. lactea, con manchas brancas e negras, todos eles da rexión indopacífica, e U. tangeri, de África occidental, que chega na súa distribución ás praias portuguesas do Algarve.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cangrexo
Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Cangrexo