Esturión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esturión
Acipenser sturio
Sturgeon2.jpg
Estado de conservación
Crítico
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Orde: Acipenseriformes
Familia: Acipenseridae
Subfamilia: Acipenserinae
Especie: A. sturio
Nome binomial
Acipenser sturio
Linnaeus, 1758
Sinonimia
Véxase o texto

O esturión,[1] Acipenser sturio Linnaeus, 1758, tamén coñecido como sollo,[2] [3] ou sollo rei,[2] [4] [5] [6] é unha especie de peixe condrósteo da orde dos acipenseriformes e familia dos acipenséridos, quizais a especie máis representativa do xénero Acipenser, é dicir, o esturión propiamente dito.[7]

Trátase dun peixe de gran tamaño: describíronse exemplares de até 5 e 6 m de lonxitude, con pesos de até 1 000 kg, e que podían alcanzar os 100 anos de idade.[8] Porén, hoxe en día os individuos de máis de 2 a 3 m raramente son capturados.[8]

Pasa a maior parte da súa vida no mar, habitualmente en augas costeiras pouco profundas, onde se alimenta de peixes e outros animais bentónicos, como crustáceos, moluscos e vermes, que desenterra co seu fociño.[8]

Descrición[editar | editar a fonte]

O esturión caracterízase por:[4] [5] [8]

Esturión visto polo dorso.
  • A cabeza está protexida por ósos dérmicos. O tronco non presenta escamas, pero está cuberto de pequenos dentículos e por cinco filas lonxitudinais de placas óseas (de 10 a 15 placas dorsais, de 29 a 38 placas laterais e de 10 a 12 placas ventrais). A boca e pequena e sen dentes (nos adultos), pero pode ser proxectada cara a diante e estenderse a xeito de trompa, e baixo ela hai 4 barbelas dispostas nunha fila horizontal, perpendicular ao eixe do corpo.
  • A coloración do dorso é apardazada escura ou gris verdosa, prateada ou rosada nos flancos e abrancazada na rexión ventral.

Distribución[editar | editar a fonte]

Antano a área de distribución do esturión polos mares costeiros e os ríos de toda Europa, desde Islandia e Escandinavia até o mar Negro, sendo a finais do século XIX unha especie moi común e de grande importancia económica en toda a Europa occidental. Pero actualmente, debido á sobrepesca, á contaminación dos ríos, á regulación (e reducción) dos seus caudais pola construción de presas e a extracción de áridos nas zonas de desova, este peixe é moi raro e protexido, onde os últimos lugares de desova son o esteiro da Xironda e o rio Guadalquivir.[8]

En Galicia foi antigamente moi abundante, especialmente no río Miño, até o punto de que se chegou a usar a súa carne como fertilizante para os cultivos, e as súas ovas, que hoxe constitúen o apreciado caviar, como comida para os porcos.[4] Hoxe é una especie extinguida. En Portugal era así mesmo moi abundante e famoso (chegou a ser retratado nas moedas cuñadas en Mértola no século I a.C.); o Guadiana foi o último río onde viviu o solho-rei, sendo os derradeiros exemplares capturados a finais dos anos da década de 1970.

As únicas poboacións relativamente abundantes de esturión en estado salvaxe están restrinxidas ás concas dos ríos Garona e Dordoña e ao estuario da Xironda,[9] estimándose que en toda Francia non hai máis que uns pocos miles de individuos.

Hábitat e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Especie anádroma, pasa a maior parte da súa vida no mar (de 7 a 14 anos), pero se reproduce nas augas doces dos ríos, onde pasan as primeiras etapas do seu desenvolvemento (durante 1 ou 2 anos).[4] [5]

O esturión vive no fondo, a unhas profundidades de 5 a 60 m. Aliméntase principalmente de pequenos peixes e invertebrados bentónicos, como crustáceos, moluscos e vermes, que desenterran co fociño, así como tamén de larvas de mosquitos.[10] Os individuos máis vellos tamén comen peixes como pequenas anguias e gobios (especies do xénero Gobio da familia dos ciprínidos).[8]

Reproducción[editar | editar a fonte]

Os machos alcanzan a madurez sexual á idade de 7 a 9 anos, cando miden entre 110 e 150 cm e pesan de 7 a 20 kg. As femias, entre os 8 e os 14 anos, cando alcanzan de 120 a 180 cm e un peso de 10 a 30 kg.[8]

Na primavera, entre abril e xuño, remontan os ríos onde desovan. Algúns esturións migran río arriba centos de quilómetros, mentas que outros permaneces cerca do mar. Desovan a profundidades de 2 a 10 m, sobre fondos rochosos onde a corrente é forte. As femias producen de 800 000 a 2 400 000 ovos pegañentos, de cor gris escura e se 2 a 3 mm de diámetro, que se adhiren ás pedras. Despois da reprodución, os individuos adultos, que non se alimentan durante esta época, regresan ao mar.[8]

Os ovos eclosionan despois de 3 a 14 días, segundo a temperatura da auga, xurdindo larvas de 9 a 11 mm de lonxitude. Tras un período de 1 a 3 anos, os xuvenís migran cara ao mar, onde permanecerán de 7 a 17 anos.[8]

Sinonimia[editar | editar a fonte]

Da especie Acipenser sturio Linnaeus, 1758 recoñécense os seguintes sinónimos:[11]

  • Accipenser attilus Rafinesque, 1820
  • Acipenser attilus Gray, 1851
  • Acipenser ducissae Duméril, 1870
  • Acipenser europaeus Brusina, 1902
  • Acipenser fitzingeri Duméril, 1870
  • Acipenser fitzingerii Duméril, 1870
  • Acipenser hospitus Krøyer, 1852
  • Acipenser latirostris Parnell, 1838
  • Acipenser lichtensteinii Bloch & Schneider, 1801
  • Acipenser nehelae Duméril, 1870
  • Acipenser podapos Duméril, 1870
  • Acipenser sturioides Malm, 1861
  • Acipenser thompsonii Ball, 1856
  • Acipenser valenciennii Duméril, 1870
  • Acipenser yarrellii Duméril, 1867
  • Arcipenser sturio Linnaeus, 1758
  • Sturio accipenser Strøm, 1784
  • Sturio vulgaris Brusina, 1902

Estatus e ameazas[editar | editar a fonte]

Estatus[editar | editar a fonte]

O estado de conservación da especie foi delarado como moi crítico, pola IUCN.[9]

Ameazas[editar | editar a fonte]

  • Sobre a especie: a principal ameaza son as capturas accidentais da especie.
  • Sobre o hábitat: as principais causas do declive das poboacións da especie foron a regulación dos cauces dos ríos, a diminución dos caudais, a construción de presas, a contaminación e a extracción de áridos nas zonas de desova.
    Por exemplo, a construción da presa de Alcalá del Río augas arriba de Sevilla en 1930 impediu o paso dos esturións a gran parte das súas zonas habituais de desova.

Protección[editar | editar a fonte]

Lexislacións[editar | editar a fonte]

Directivas Europeas

Figura nos Anexos II e IV da Directiva de Hábitats (43/92 C.E.E) do 21 de maio de 1992.

Lexislación española

Figura como de "especial interese" no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas. Real Decreto 439/1990.

Lexislación autonómica española

Catalogada como "D" no Anexo II das especies protexidas de fauna salvaxe autóctona, lei 3/88 de protección de animais de Catalunya.

Convenios internacionais[editar | editar a fonte]

Convenio de Berna

Figura no Anexo II do Convenio de Berna 82/72.

CITES

Figura no Regulamento CITES (3626/82/CE) e a súa ampliación, Regulamento (3646/83/CE), como especie "I".

Libros vermellos[editar | editar a fonte]

Citada como "en perigo" no Libro Vermello dos Vertebrados Españois.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dicionario da RAG
  2. 2,0 2,1 Ríos Panisse, M. C. (1977), p. 209.
  3. Non confundir co peixe do mesmo nome, o 'sollo ou curuxo, peixe plano da orde dos pleuronectiformes.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Rodríguez Solórzano et al. (1983), pp. 59-60.
  5. 5,0 5,1 5,2 Rodríguez Villanueva et al. (1995), pp. 362-363.
  6. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 51.
  7. Por iso en moitos idiomas do noso contorno denomínase tamén como esturión común ou esturión europeo.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 8,8 Muus, Bent J. et al. (1998), pp. 78-79.
  9. 9,0 9,1 Gesner, J., Williot, P., Rochard, E., Freyhof, J. & Kottelat, M. (2009): Acipenser sturio na Lista Vermella da IUCN.
  10. A este respecto é interesante a opinión de Antón Santamarina que, na "nota etimolóxica" ao nome de sollo rei en Ríos Panisse, Op. cit. considera que
    «Este debe ser o nome patrimonial galego do esturión, estando de acordo con Corominas, que supón que deriva dun latín suculus, "porquiño", pola forma do fociño deste peixe; e porque ademais está comprobado —cousa que Corominas pon en dúbida— que o peixe, durante a súa permanencia no río, se alimenta de insectos, moluscos e vermes, que apaña enterrando a súa trompa no fango, do mesmo xeito que os porcos enterran o seu fociño nos lamazais.
    O determinante rei parece deberse a que o primeiro exemplar capturado deste peixe se destinabapara a mesa real»
  11. BioLib.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Esturión
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Esturión

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bauchot, M. K. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0685-6.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 190.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]