Manuel María Puga Parga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Picadillo»)
Manuel María Puga Parga
Nome completoManuel María Puga y Parga
Nacemento1874
Lugar de nacementoSantiago de Compostela
Falecemento30 de setembro de 1918
Lugar de falecementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Alma máterPuga
Ocupaciónescritor e gastrónomo
PaiLuciano Puga Blanco
FillosRafael Puga Ramón e Manuel María Puga Ramón
Na rede
Galiciana: 14076 Bitraga: 655 BUSC: picadillo-1874-1918
editar datos en Wikidata ]

Manuel María Puga y Parga, coñecido como Picadillo, nado en Santiago de Compostela en 1874 e finado na Coruña o 30 de setembro de 1918, foi un escritor, gastrónomo e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Luciano Puga Blanco, naceu en Santiago por estar o seu pai desprazado nesta cidade, e foi bautizado o 23 de abril de 1874 en San Fiz de Solovio, mais marchou moi novo á Coruña.

Estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela e presentou a súa tese de grao Fueros Nobiliaros en 1895. Grazas a Antonio Cánovas del Castillo, amigo do seu pai, conseguiu ser nomeado a un posto para o que non era necesario opositar na Dirección Xeral de Penais. Descontento co ambiente político e con saudades da terra volveu a Galiza onde casou con María del Carmen Ramón e foi xuíz en Arteixo. Comezou a escribir no xornal El Noroeste, co pseudónimo de Picadillo, chegando a ser tan popular que en 1913 escribiu o artigo "Quiero ser concejal" e comezou unha campaña para ser elixido concelleiro, facendo o 14 de outubro dese ano un chamamento: "Alocución a las vendedoras de la plaza de abastos":

Vós non votades pero tedes homes, fillos... a estes pedide, mandade... ata chegardes a requirir á zoca, que as coaccións na intimidade non teñen nada que ver coa lei electoral.[1]

Conseguiu ser nomeado candidato e saír electo, tomando posesión do cargo o 1 de xaneiro de 1914, e cando o alcalde Javier Ozores Pedrosa dimitiu, foi designado alcalde en outubro de 1915, aínda que por pouco tempo: co cambio de goberno foi deposto en só dous meses. Volveu ser alcalde co ascenso ao poder do coruñés Eduardo Dato en xullo de 1917. A súa actuación durante a folga xeral do 13 de agosto de 1917 levouno a ser destituído na semana seguinte e a recibir unha homenaxe de 6.000 obreiros sindicados e un pergameo asinado polas 27 sociedades obreiras coruñesas.

Exposición no Palacio de María Pita, en 1917. De esq. a der., de pé: Tella, Abelenda, Barreiro, Sobrino, Palacios, Seijo, Sotomayor, Lloréns, Castelao, Concheiro, Francés, Madariaga (co chapeu nas mans), González del Villar e dúas persoas sen identificar. Sentados: a muller de Francés, Pardo Bazán e Picadillo.

Escribiu numerosos libros de gastronomía, incluíndo La cocina práctica en 1905, que tivo un grande éxito, e moitos outros libros de cociña así como numerosos artigos; foi enormemente popular no seu tempo como persoa e escritor, caracterizado polo sentido do humor e a defensa da vida popular tanto a nivel culinario, reivindicando o bacallau, as sardiñas e o lacón con grelos fronte ás copias da cociña francesa de moda na época, dicindo que unha das maiores experiencias da súa vida fora unha caldeirada comida nun barco de pesca. Non só aplicaba o humor á cociña senón tamén á política e a si mesmo. Como exemplo, descríbese así na súa nenez no seu libro Mi historia política:

En 1882 era eu un señor que tiña 8 anos de idade e uns 75 quilos de peso.[2]

Este peso excesivo (dise que chegou aos 275 quilos) era moi coñecido. Como conta Luis Antón del Olmet, xacando veu un circo á Coruña anunciando a presenza dun home alemán como o máis gordo do mundo, mais a xente que o ía ver saía decepcionada: Manolo Puga era máis gordo.[3]

Obras[editar | editar a fonte]

Cartel de publicidade feito por Enrique Saborit para La Cocina Práctica.
  • 36 maneras de guisar el bacalao. A Coruña, Tipografía de El Noroeste, 1901.[4][5]
  • Integración de algunas materias de Derecho Civil, Madrid, 1901.[6]
  • La cocina práctica, con prólogo de Emilia Pardo Bazán. A Coruña, Tipografía de El Noroeste, 1905.[4][7] Incluído, co n.º 6 na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano
  • Las cincuenta y seis maneras de hacer el bacalao, Madrid, Imprenta R. Velasco, 1901.[4][8]
  • El rancho de la tropa. A Coruña, Tipografía de El Noroeste, 1909.[4]
  • Pote aldeano. Madrid, Librería de Pueyo, 1911.[4][9]
  • Vigilia reservada: minutas y recetas. A Coruña, Tipografía de El Noroeste, 1912.[4][10][11]
  • Mi historia política. A Coruña, Tipográfica Obrera Coruñesa, 1917 (na cuberta e colofón pon 1918).[4][12][13]

En 1993 fíxose unha tradución ó galego dalgunhas das súas obras no libro A cociña popular galega e algunhas receitas para a Coresma, publicado por Edicións Xerais de Galicia, traducido por María Dolores Torres París, e con prólogo de Xosé Cermeño.[14][15]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Javier Ozores Pedrosa
 
Alcalde da Coruña
 
1915
Sucesor:
Manuel Casás Fernández
Predecesor:
Manuel Casás Fernández
 
Alcalde da Coruña
 
1917
Sucesor:
Manuel Casás Fernández