Abadexo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abadexo
Abadexo.jpg
Estado de conservación
Status iucn3.1 VU gl.svg
Vulnerábel
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Gadiformes
Familia: Gadidae
Xénero: Pollachius
Nome científico
Pollachius pollachius
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O abadexo ou badexo ou badeixo (Pollachius pollachius) é un peixe mariño pertencente á familia Gádidos (subfamilia Lotinos) do orde Gadiformes. Foi clasificado por Carl von Linné como Gadus pollachius en 1758. Os exemplares novos denomínanse corbelos, corobinas, curubelos, paleotas[1], sarretas ou sarretos[2].

Índice

Descrición[editar]

Ten un corpo esvelto e alongado que mide, habitualmente, entre 40 e 80 cm de lonxitude, se ben opder chegar aos 130 cm. Ten unha cor parda verdosa, que no dorso vira en prata. Está cuberto de pequenas escamas revestidas de mucosidade. A mandíbula inferior é prominente (sobre todo nos adultos) e carece de barbas na queixada. Os dentes son pequenos, agudos e subiguais, existindo en ámbalas dúas mandíbulas e no vómer; na mandíbula superior forman como unha carda e na inferior dispóñense en dúas filas dianteiras e unha a cada lado das ramas mandibulares. O bordo posterior do maxilar acaba en vertical que pasa polo bordo anterior do ollo.

A altitude máxima do seu corpo equivale á cuarta ou quinta parte da súa lonxitude e posúe o contorno transversal redondeado. As aberturas nasais están no terzo superior da lonxitude do rostro e a primeira, redonda e pequena, posúe no seu bordo posterior unha membrana que, rebatida, lle serve de opérculo; a posterior, oval e de maior tamaño, carece de membrana dérmica marxinal.

A primeira aleta dorsal orixínase un pouco antes da vertical que pasa pola abertura anal; é triangular e nos adultos atópase precedida por un suco. A segunda dorsal ten a base o dobre de longa ca primeira e a primeira aleta anal é a meirande de todas. As aletas adoitan ser da cor do dorso corporal ou máis claras, semellantes ás manchas dos flancos ou manchadas de cor amarela. A liña lateral do corpo do abadexo destaca pola súa cor escura; nalgúns exemplares adoita ser parda, violácea ou grisácea, separada sen transición da cor metálica dos flancos. Os adultos adoitan posuír unha coloración máis uniforme ca dos novos, aínda que menos intensa e dunha tonalidade máis ocre; no seu dorso poden existir bandas de cor amarela, transversais á dirección dos radios.

Segundo Moreau, nos exemplares novos as dúas primeiras aletas dorsais son dun fondo azulado atravesado por dúas bandas alaranxadas, salvo a terceira aleta, que só posúe unha; as anais son vermellas, co bordo pardento, e na axila das pectorais adoita existir unha mancha negra diminuta.

Especies semellantes[editar]

O abadexo pode ser facilmente confundido con outro membro moi próximo da familia dos bacallaus: o carboeiro ou a faneca prateada (Pollachius virens), pero existe unha serie de características que os diferencian. O carboeiro ten unha liña lateral recta de cor clara mentres que o abadexo posúe unha liña lateral escura, que se encontra curvada por enriba da aleta pectoral. A mandíbula do carboeiro é bastante uniforme, mentres que o abadexo se caracteriza por presentar a mandíbula inferior saínte e sen barbiñas na barbadela, características propias dos gádidos, e por presentar tres aletas dorsais e dúas anais; as aletas pectorais son pequenas, e as abdominais, que son diminutas, están perto da gorxa.

Características principais[editar]

  • Peso máximo: 14 kg
  • Peso medio (cerca da costa): uns 2,7 kg; no mar aberto, 4,5 kg.
  • Lonxitude máxima: 1,30 m; xeralmente non chega a 1 m.
  • Ciclo de vida: de 8 a 10 anos
Abadexo pescado en mar aberto cun peso de 7,5 kg

Distribución e ciclo vital[editar]

A súa área de distribución extendese polo océano Atlántico, as costas de Islandia e Noruega setentrional ata as costas norteafricanas, parte occidental do Báltico e no Mediterráneo; abunda frente as costas de Escocia, e é dos máis costeiros desta familia.

Aínda que o abadexo é un peixe que procede do Atlántico norte, estendeuse por toda a costa galega, preferentemente pola Coruña, Vigo e Pontevedra. Atópase en abundancia nos fondos de rocha aínda que non deixa de existir nos de area e noutros fondos chans de análoga natureza. Adoita verse preto da superficie cando hai bancos de peixes ós que persegue con insistencia.

Forma pequenos bancos peláxicos na zona litoral, até 200 m de profundidade. Os individuos de gran tamaño viven en fondos altos, rochosos e abruptos en torno a illotes; os animais pequenos prefiren os fondos areosos, cerca do litoral. Conforme van crecendo, desprázanse a augas máis profundas, onde adoitan vivir cerca das rochas.

Os abadexos adultos aliméntanse de peixes pequenos, coma espadines, lanzóns, cabalas, arenques e sardiñas, que viven en augas de pouca profundidade. Os exemplares máis pequenos acostuman alimentarse de bacallaus, ós que acometen por sorpresa dende atrás. O séu método favorito de alimentarse é rondar, mirando para arriba entre restos de abrigo de algas ou entre medio de escoios, agardando nesta posición a que a marea lles traia alimento, e raras veces descende até o fondo para alimentarse de vermes, crustáceos e moluscos.

As zonas de freza están na Canle da Mancha e as Illas Hébridas, a unha profundidade duns 100 m, e a época transcorre entre febreiro e maio, cando a auga está a unha temperatura de 8 a 10 °C. Cada femia pon até catro millóns de ovos. Os ovos flotan cerca da superficie á deriva nas capas superiores do mar; as larvas e crías aliméntanse de plancto na proximidade das costas, crecen até unha lonxitude duns cantos centímetros e adoptan unha dieta de camarón, cangrexos e outros crustáceos. Os abadexos novos fan migracións para estenderse por toda a costa.

Pesca e consumo[editar]

A súa carne é boa e fortemente coloreada, pero consérvase mal. As embarcacións comerciais pescan o abadexo con volantas (os grandes) e trasmallos (os corbelos), sendo tamén frecuente a pesca con liñas e curricán.

Se ben non é moi apreciada, considérase unha excelente peza de pesca deportiva, pois péscase sixelamente dende a beira con cana e liñas, e cando cae no anzol deféndese e nada buscando refuxio entre as rochas. Pola noite é facilmente atraído polas luces, feito aproveitado polos pescadores de xarda que o pescan por acometividade, con corricán.

Son unha parte importante das capturas pesqueiras de Nova Inglaterra e o Atlántico Norte xunto ao bacallau. Tamén se acostuma pescar con volantas (exemplares grandes), trasmallos ou palangre (exemplares novos). Entra con escabela, cuchariña o engado os pequenos. A súa pesca está en perigo pola sobrepesca, tanto de adultos como de xuvenís. En Galicia, a venda total nas lonxas galegas ascendeu a 302.113 kg en 2009 [1].

É un dos reis da caldeirada, no seu punto xusto de cocción. Pódese preparar temén á romana e asado. Clasifícase dentro dos peixes brancos, polo seu baixo contido en graxa.

Existen outras especies que podemos encontrar no noso mercado como o carboeiro (Pollachius virens), e o abadexo de Alaska (Theragra chalcogramma), este último moi pouco frecuente.

Orixe e difusión do nome[editar]

Abadexo é voz de orixe castelá, de onde pasou ás demais linguas peninsulares e deu no portugués badejo, en galego abadexo ou badexo, en asturiano abadexu e no catalán abadejo ou badejo. É un diminutivo de abade (crego), pero a relación semántica pódese explicar de dúas formas. A primeira, coma variación do curadiño, que significaba ‘bacallau seco’ e era o nome que recibía o bacallau en tempos de Cervantes, segundo consta no Quixote ( I, 2): "A dita, acertou a ser venres aquel día, e non había en toda a venda senon unhas racións dun peixe que en Castela chaman abadexo, e na Andalucía bacallao, e noutras partes curadiño, e noutras troitela". A segunda posibilidade é que abadexo sexa unha evolución semiculta galego-luso-leonesa do baixo latín abbadagium, que era como se chamaba a contribución en especie que se pagaba aos abades e aos relixiosos. A primeira das dúas posibilidades é a que parece ter máis aceptación.

A primeira documentación da voz abadexo está no Vocabulario do Humanista de Palmireno, de 1569, onde figura como sinónimo de molva e está considerada palabra castelá (s.v. aselli). Até a publicación do estudo sobre esta obra considerábase coma primeira data de documentación a de 1582, nunha obra de Santa Tareixa. Pola definición de abadexo que fixo o naturalista malagueño García de la Leña vese que a súa información é libresca: Abadexo ou bacallao: peixe común, coñecido baixo de moitos nomes; algúns distínguennos e téñennos por peixes distintos, por ser menos grosos e máis parduscos que o bacallau, en te-la cabeza máis delgada e longa, e outras pequenas diferenzas. Linneo pono co nome latino de Gadus pollachius”. Viera e Clavijo identifican o abadexo co Gadus pollachius de Linneo, e sinalan que “vulgarmente chamase tamén abade”. A documentación da voz dende o século XVI é moi extensa, como consta no Diccionario Histórico.

A difusión actual da palabra é moi grande, ó ter correspondentes en tódalas linguas peninsulares. Non obstante, na gran parte do litoral non é coñecida a especie ou aplícase a outras especies. É voz común e xeneral en todo o Cantábrico e en Galicia, mentres que en Andalucía só se coñece na costa gaditana.

Outras denominacions e homólogos estranxeiros[editar]

Nas Canarias recóllese abae como nome deste gádido, aínda que tamén designa en varios puntos ao Serranus alexandrinus, o Serranus cabrilla (cabriña) ou o Serranus guaza (cherna común). O –e final da palabra revela a súa orixe portuguesa, malia iso nesta lingua perdeuse e a denominación deste e outros gádidos é badejo, que é un castelanismo.

En Galicia, xunto con badexo e as súas diversas variantes de tipo fónico, tamén ten certa difusión o nome serreta para designa-los abadexos novos, ó igual que en todo o Cantábrico. Trátase dunha voz derivada do galego serro, que significa ‘espiñazo’ e que procede do latín cirrus, do mesmo significado. Tamén en Galicia os abadexos novos reciben outro nome: curubelo, que se presenta en numerosas variantes como corobelo, corubelo ou corbelo. A pesares de que algunhas destas formas podería facer cavilar que se trata dun derivado de corvo, non parece que sexa esta a orixe, senón que máis ben crese que é unha corrupción dunha forma antiga "curadelo", que é o equivalente galego do nome castelán sinalado por Cervantes curadiño, que designaba primeiro ao peixe curado e máis tarde o peixe vivo.

  • Galego: Abadexo, Abadeixo, Badexo ou Corbelo
  • Portugués: Badejo, Juliana
  • Castelán: Abadejo
    • Canarias: Abad
    • Cantabria: Sarreta
  • Catalán: Abadejo
  • Euskera: Serrata ou Bakailo
  • Inglés: Pollock, Lythe
  • Francés: Lieu Jaune, Merlan Jaune, Lieu Noir
  • Alemán: Pollack Klamottendosrch, Seelachs
  • Dinamarca: Lubbe, Sej
  • Holanda: Witte Koolvis, Pollack
  • Islandia: Lyr
  • Italia: Merluzzo Giallo
  • Malta: Bakkaljaw
  • Noruega: Lyr
  • Polonia: Grazniak
  • Suecia: Lytorsk
  • Balcans: Ugotica

Galería de imaxes[editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:

Notas[editar]

  1. Camiño Noia et al. Diccionario de sinónimos da lingua galega, Galaxia 1997
  2. Eladio Rodríguez Diccionario enciclopédico gallego castellano, Galaxia
Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de:

Véxase tamén[editar]

Bibliografía[editar]

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.

Ligazóns externas[editar]