Moluscos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Mollusca")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Moluscos
(Mollusca)

Rango fósil: cámbrico inferior - actualidade
Polbo (Octopus vulgaris). Un cefalópodo
Polbo (Octopus vulgaris). Un cefalópodo
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
(sen clasificar) Bilateria
(sen clasificar Protostomia
Superfilo: Lophotrochozoa
Filo: Mollusca
Linnaeus, 1758
Clases
Lapa (Patella vulgata). Un gasterópodo mariño.

Os moluscos (Mollusca) constitúen un dos grandes filos do reino animal. Son invertebrados protóstomos, celomados, triblásticos, con simetría bilateral (aínda que algúns poden presentar unha asimetría secundaria) e non segmentados, de corpo brando, espido ou protexido por unha cuncha.

Os moluscos son os invertebrados máis numerosos despois dos artrópodos, e inclúen formas tan coñecidas como as ameixas, ostras, luras, polbos, lesmas e unha gran diversidade de caracois, tanto mariños como terrestres. Calcúlase que poden existir cerca de 100.000 especies viventes, e 35.000 especies extintas, xa que os moluscos teñen unha longa historia xceolóxica, que abarca desde o cámbrico inferior até a actualidade.[1] Os moluscos colonizaronn practicamente todos os ambientes, desde as grandes alturas de ate máis de 3.000 m sobre o nivel do mar até profundidades oceánicas de máis de 5.000 m de profundidade, nas augas polares ou tropicais, e adoitan seren elementos comúns dos litorais de todo o mundo. E o filo mariño máis numeroso, e contén un 23 % de todas os organismos mariños descritos.

O filo normalmente se divide en nove ou dez clases, das que dúas están totalmente extintas. Os gasterópodos (caracois e lesmas) son, con diferenza, os moluscos máis numerosos polo que fai a especies clasificadas, e suman o 80 % do número total de especies de moluscos coñecidas. Os moluscos cefalópodos, como as luras, sepias e polbos, encóntranse entre os invertebrados cun sistema neurolóxico máis avanzado. As luras xigantes (xénero Architeuthis) e as luras colosais (xénero Mesonychoteuthis) disputan o título de invertebrado máis grande coñecido.

A palabra "molusco" provén do latín científico Mollusca, plural de molluscus, de mollis, "flexíbel", "suave", "brando". Á súa vez molluscus foi unha adaptación do grego τᾲ μαλάκια ta malakia, "a cousa branda", que Aristóteles aplicaba á sepia.[2]

O estudo científico dos moluscos denomínase malacoloxía.[3] O termo "malacoloxía" vén do grego μαλακός malakos, "brando" e -λογία, de λόγος logos "estudo", en recordo de Aristóteles.

Falando desta disciplina cómpre dicir que o interese do home polos moluscos é moi grande, e moi antigo, e que durante os séculos XVIII e XIX se formaron importantes coleccións malacológicas e conquiliolóxicas (de cunchas) tanto de prestixiosas institucións como museos e academias de ciencias como de coleccionistas privados, e aínda hoxe en día coleccionar cunchas de moluscos é un dos principais pasatempos de moitas persoas en todo o mundo. Debido a esta afección os moluscos son un dos grupos zoolóxicos mellor estudados despois dos vertebrados.

Os moluscos son unha importante fonte de alimentación para a especie humana. Ademais, numerosas enfermidades parasitarias tanto humanas como veterinarias son transmitidas polos moluscos, que actúan como hospedadores intermediarios, sobre todo de platihelmintos trematodos.

Características xerais[editar | editar a fonte]

Caracol (xénero Helix), gasterópodo terrestre.
Cunchas esquerda e dereita da zamburiña (Chlamys varia). Bivalvo.

A variedade de formas, tamaños, modos de vida e ciclos vitais nos moluscos é extraordinaria; basta con comparar un mexillón, un caracol e unha lura. Pero a organización de todos os moluscos segue un plan fundamental. Son animais de corpo brando, divididos en cabeza, masa visceral e pé, con tres características únicas no reino animal polas cales se identifican:

  • Un pé musculoso.
  • Unha cuncha calcaria segregada por un integumento subxacente chamado manto, en ocasións moi reducida ou ausente.
  • Un órgano de alimentación denominado rádula (formada por fileiras de dentes quitinosos curvos).

Aínda que celomados, o celoma nos adultos queda reducido a vestixios ao redor dos nefridios, as gónadas, o corazón e o intestino. O patrón básico dun molusco consiste nun organismo de corpo blando, non segmentado, oval, con simetría bilateral e unha cuncha (ausente ou interna nalgúnos grupos). En vez de cuncha poden ter espículas (que poden aparecer en estado embrionario, pero nos adultos poden fusionarse para dar a cuncha) ou placas, aínda que todas edstas estruturas coa mesma orixe.

Anatomía externa[editar | editar a fonte]

Manto, cavidader paleal e cuncha[editar | editar a fonte]

A cuncha fórmase grazas á epiderme subxacente, denominada manto ou palio, que ten células secretoras de carbonato cálcico que cristaliza no exterior en forma de aragonita ou de calcita; o manto tamén segrega unha substancia quitinosa de composición complexa, a conquiolina, que se deposita sobre o substrato calcario formando un estrato orgánico denominado perióstraco, esencial para evitar a disolución da cuncha en ambientes ácidos.

Na parte posterior o manto forma unha cámara denominada cavidade paleal onde se aloxan as branquias, que teñen unha estrutura moi característica en forma de peite (ctenidios), os osfradios (órganos sensoriais quimiorreceptores encargados de detectar a calidade da auga), e onde desembocan os nefridios (a través dos nefridioporos), as gónadas (a través dos gonóporos) e o ano. Nos pulmonados (gasterópodos terrestres), a superficie interna da cavidade paleal está moi irrigada e o intercambio gasoso se produce a través do epitelio, de maneira que actúa como un pulmón.

A epiderme dos moluscos está recuberta de cilios e posúe un gran número de glándulas produtoras de moco.

[editar | editar a fonte]

Outro órgano característico dos moluscos, o pé, mostra unha enorme plasticidade evolutiva. Está dotado dunha musculatura complexa e potente. Suponse que, primitivamente, era reptante (parecido ao dos gasterópodos actuais), pero experimentou unha gran diversificación, orixinando o pé escavador dos bivalvos, o pé escindido en tentáculos dos cefalópodos ou o pé nadador dalgúns gasterópodos peláxicos, entre outros.

Anatomía interna e fisioloxía[editar | editar a fonte]

Esquema anatómico dun gasterópodo:
1-cuncha, 2-figado, 3-pulmón, 4-ano, 5-poro respiratorio, 6-ollo, 7-tentáculo, 8-ganglios cerebrais, 9-conduto salivar, 10-boca, 11-, 12-glándula salivar, 13-poro xenital, 14-pene, 15-vaxina, 16-glándula mucosa, 17-oviducto, 18-saco de dardos, 19-pé, 20-estómago, 21-ril, 22-manto, 23-corazón e 24-vasos deferentes

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os moluscos teñen un tubo dixestivo completo. A cavidade bucal, revestida de quitina, presenta un órgano de alimentación único, a rádula, que consiste nunha base cartilaxinosa alongada (o odontóforo) recuberta de fileiras lonxitudinais de dentículos quitinosos curvos; a forma e a disposición dos dentículos relaciónase co tipo de alimentación. A rádula está provista de potentes músculos que lle permiten proxectarse fóra da boca, actuando como raspador. O moco segregado polas glándulas salivais da boca lubrican a rádula e aglutinan as partículas para ser inxeridas.

A continuación hai un esófago e un estómago, máis ou menos complexo, no que desembocan as glándulas dixestivas (fígado ou hepatopáncreas); a circulación da masa mucosa que contén p alimento (prostilo) vese favorecida pola presenza de numerosos cilios. As partículas alimenticias entran nos condutos das glándulas dixestivas. O intestino é longo e está enrolado.

As formas de alimentación son enormemente variadas. Os moluscos poden ser fitófagos, como as lapas ou os caracois terrestres, carnívoros, como os conos, filtradores, como as ameixas ou os mexillóns, detritívoros, etc.

Enteroctopus dolfeini, un polbo xigante.
Nautilus, un fósil vivente.
Un gran ammonites, cefalópdo fósil.

Sistema circulatorio[editar | editar a fonte]

O sistema circulatorio é aberto, a excepción dos cefalópodos que o teñen pechado. O corazón está tabicado e dividido usualmente en tres cámaras (dúas aurículas e un ventrículo), aínda que o número das cámaras pode ser moi variábel. O corazón está recuberto por una fina tea que forma a cavidade pericárdica. A hemolinfa pasa do ventrículo para os vasos que verten nos espazos tisulares, onde se recolle por outros vasos que van cara ás branquias, onde o sangue se oxixena e, de aí, volve ao corazón entrando polas aurículas.

Sistema excretor[editar | editar a fonte]

Os órganos excretores son un par de nefridios (riles) relacionados coa cavidade pericárdica, nos que un dos extremos comunica co celoma (a través duns condutos denominados celomodutos, que poden desenvolverse neste extremo a xeito de embude) e o outro desemboca ao exterior, na cavidade paleal (a través dos nefridioporos).

Sistema nervioso[editar | editar a fonte]

O sistema nervioso dos moluscos é moi variábel. O modelo básico comprende un anel periesofáxico do cal saen dous pares de cordóns nerviosos cara a atrás, un cara ao pé e outro cara á masa visceral.

Os órganos dos sentidos comprenden ollos (moi complexos nos cefalópodos), estatocistos (sentido do equilibrio) e quimiorreceptores, como os osfradios (situados nas branquias), papilas e fosetas olfactorias na cabeza e o órgano subradular (asociado á rádula). O grao máximo de cefalización dáse nos cefalópodos, nos que se puede falar dun auténtico cerebro, protexido por un cranio cartilaxinoso.

Reprodución[editar | editar a fonte]

As gónadas en moitas especies de moluscos proceden directamente do peritoneo que recubre o celoma. A reprodución é exclusivamente sexual; os individuos poden ser unisexuados (tamén denominados dioicos, como nos bivalvos) ou, como no caso da maioría dos gasterópodos, hermafroditas (simultáneos ou consecutivos) con capacidade de autofecundación ou sen ela. A fecundación pode ser externa ou interna, con frecuencia mediante espermatóforos (sacos cheos de espermatozoides).

O desenvolvemento embrionario típico dos moluscos comenza cunha segmentación espiral do cigoto, e a gastrulación ten lugar por epibolia, invaxinación ou ambas. A gástrula resultante desenvólvese nunha larva trocófora planctónica. O proceso é virtualmente idéntico ao dos anélidos. Esta larva trocófora pode desenvolver moito algunha das súas bandas ciliadas para dar unha estrutura delgada en forma de veo. Na maioría dos moluscos, esta larva dá lugar á larva velíxera, máis desenvolvida, na que se pode observar xa o pé, a cuncha e outras estruturas. Finalmente, a larva velíxera descende ao fondo e sofre unha metamorfose para adoptar o hábitat bentónico típico do adulto. Os cefalópodos e os gasterópodos terrestres e de auga doce teñen sempre desenvolvemento directo.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Os moluscos subdivídense en oito clases. (Indícase entre parénteses o número aproximado de especies actualmente viventes).

Gastrópodo en movemento.
Neogastrópodo: Pleuroploca gigantea.
Orden Lepidopleurida
Orde Ischnochitonida
Orde Acanthochitonida
  • Clase Scaphopoda
  • Clase Bivalvia (mexillón, ostras, aneixas, berberechos) (13.000 especies)
Subclase Protobranchia
Orde Nuculida
Orde Solemyida
Subclase Lamellibranchia
Superorde Filibranchia
Superorde Eulamellibranchia
Orde Paleoheterodonta
Orde Veneroida
Orde Myoida
Subclase Anomalodesmata
  • Clase Cephalopoda (polbos, luras, sepias) (800 especies)
Subclase Nautiloidea (nautilus)
Subclase Ammonoidea (†) (Ammonites)
Subclase Coleoidea
Orde Sepiida
Orde Teuthida (= Decapoda)
Orde Octopoda
Orde Vampyromorphida
  • Clase Gastropoda (caracois mariños e terrestres, lapas) (75.000 especies)[5]
Subclase Prosobranchia
Orde Archaeogastropoda
Orde Mesogastropoda
Orde Neogastropoda
Subclase Opisthobranchia
Subclase Pulmonata
Orde Archaeopulmonata
Orde Basommatophora
Orde Stylommatophora
Orde Systellommatophora

Antigamente caudofoveados e solenogastros eran agrupados na clase Aplacophora que agora se considera parafilético e ditos grupos clases separadas.[6] Por outra parte, a tendencia actual é a de dividir a clase Gastropoda en dúas subclases: Eogastropoda (que inclúe só as lapas verdadeiras) e Orthogastropoda que inclúe todos os demais gasterópodos.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martinell, Jordi (2009): "Moluscos. I. Generalidades", en Martínez Chacón, M. L. e Rivas, P. (eds.) Paleontología de invertebrados. Sociedad Española de Paleontología, Instituto Geológico y Minero de España, Universidad de Oviedo, Universidad de Granada. ISBN 978-84-613-4625-7, pp. 228-235.
  2. "Mollusca". Shorter Oxford English Dictionary. Little, L., Fowler, H. W., Coulson, J. e Onions, C. T.. 1964.
  3. malacoloxía no dicionario da RAG.
  4. Paleos: Solenogastres
  5. Paleos: Gastropoda
  6. Tree of Life: Mollusca

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Moluscos
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Moluscos

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 0-87893-097-3.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1). Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª ed. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Rolán, Emilio e Otero-Schmitt, Jorge (1996): Guía dos moluscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-072-3.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch, U. (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Filos do Reino Animal
Acanthocephala | Acoelomorpha | Annelida | Arthropoda | Brachiopoda | Bryozoa | Chaetognatha | Choanozoa | Chordata | Cnidaria | Ctenophora | Cycliophora | Echinodermata | Entoprocta | Gastrotricha | Gnathostomulida | Hemichordata | Kinorhyncha | Loricifera | Micrognathozoa | Mollusca | Monoblastozoa | Nematoda | Nematomorpha | Nemertea | Onychophora | Orthonectida | Phoronida | Placozoa | Platyhelminthes | Porifera | Priapulida | Rhombozoa | Rotifera | Sipuncula | Tardigrada | Vetulicolia† | Xenoturbellida