Pleuronectiformes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rodaballo

Os pleuronectiformes, coñecidos popularmente como peixes planos, son unha orde de peixes teleósteos, comprimidos lateralmente e que, por viviren acostados sobre un dos seus lados nos fondos areosos, sofren unha modificación que consiste na migración dun ollo ó outro lado, de tal modo que presentan un lado cego, non pigmentado, que é o que se pousa no fondo, e outro cos dous ollos, pigmentado, que é o que aparece como superior (aínda que realmente sexa un dos costados do peixe) [1].

Esta asimetría bilateral (son os únicos vertebrados coa simetría bilateral alterada) só aparece nos exemplares adultos, xa que cando nacen presentan a morfoloxía típica de calquera peixe, cun ollo a cada lado e natación vertical. Segundo a familia, o lado pigmentado pode se-lo dereito, coma no linguado, ou o esquerdo, coma no rodaballo. Para saber cal é o lado dereito ou o esquerdo dun peixe hai que colocalo sobre unha superficie co lado pigmentado cara arriba e de forma que vexámo-los ollos por riba da boca: se o peixe queda mirando á esquerda (coa cabeza á esquerda do observador e a cola á dereita) será un peixe esquerdo; se queda mirando á dereita, será un peixe dereito.

O nome procede do grego: pleura, lado, e nektos, nadar, pola forma característica de nadar de lado.

Aparecen por primeira vez no rexistro fósil no Eoceno inferior, durante o Terciario.

Características comúns[editar | editar a fonte]

A cara superior é pigmentada, con cores máis ou menos escuras, que adoitan corrresponderse ás características do fondo no que viven, para camuflarse no medio. Hainos cunha coloración uniforme e outros presentan manchas irregulares ou ben definidas, que serven para a identificación da especie.

A cara inferior é branca ou de cor cremosa, habendo especies, coma o rapante, nas que é case traslúcida.

A forma adoita ser romboidal ou linguiforme, aínda que os hai practicamente circulares (coma o rodaballo).

As aletas dorsal e anal son únicas pero esténdense a todo o longo dos bordos superior e inferior, respectivamente, cunha base de implantación ampla.

Case sempre carecen de vexiga natatoria, canda adultos. As escamas son ctenoides ou cicloides [2], e hai especies, coma o rodaballo, que carece de escamas e presenta sobre a pel uns dentículos óseos característicos.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Detalle da cabeza, cos dous ollos sobre o lado esquerdo

Los pleuronéctidos están presentes en tódalas latitudes, sempre sobre fondos areosos ou de limo. Pasan case todo o tempo semisoterrados no fondo, ó axexo das súas presas, realizando cada pouco pequenos desprazamentos. Os ollos poden sobresaír sobre a superficie da pel, o que lles permite ver cando están baixo a area. Son carnívoros e predan sobre invertebrados e outros peixes.

Prácticamente todas son especies mariñas, aínda que as hai de auga doce e outras que penetran ocasionalmente en rías e ríos.

Algunhas especies son de gran interese comercial.

Clasificación taxonómica[editar | editar a fonte]

A orde divídese en once familias que agrupan unhas 600 especies.

  • Suborden Pleuronectoidei:
    • Familia Achiropsettidae
    • Familia Bothidae – areeiros
    • Familia Citharidae
    • Familia Paralichthyidae
    • Familia Pleuronectidae – rapantes.
    • Familia Samaridae
    • Familia Scophthalmidae – rodaballos e curuxos.
  • Suborden Psettodoidei:
    • Familia Psettodoidae
  • Suborden Soleoidei:
    • Familia Achiridae
    • Familia Cynoglossidae – acedías
    • Familia Soleidae – linguados

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Debe diferenciarse esta forma da doutros peixes planos, como as raias, que se describen como deprimidos dorsoventralmente.
  2. As escamas cicloides teñen os bordos lisos, mentres que ctenoides teñen diminutos dentes, chamados ctenii, no bordo posterior, o que dá una textura áspera, en forma de peite.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pleuronectiformes Modificar a ligazón no Wikidata

Fish Base