Bonito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bonito, exemplar adulto [1]
Exemplar xuvenil. Nótese a diferenza de cor respecto ó exemplar adulto.

O bonito (Sarda sarda) é un peixe mariño, de gran interese pesqueiro e gastronómico. É de carne rica en graxa (dos chamados peixes azuis). Recibe ás veces tamén a denominación de bonito atlántico ou bonito do sur, para diferencialo do bonito do norte (Thunnus alalunga), moi semellante e máis apreciado, gastronómica e economicamente.

Índice

[editar] Descrición

Presenta un corpo fusiforme, esvelto (o atún teno máis macizo). Pode alcanzar medidas de 70-90 cm (cun máximo de 91 cm), aínda que o habitual é que non sobrepasen os 50 cm. Os pesos medios adoitan estar entre 1 e 3 kg, pero poden chegar ós 8 kg (peso máximo, 11 kg).

A cor da rexión dorsal é azul prateada ou azul verdosa, en calquera caso moi escura, esvaecéndose cara o ventre, que é prateado verdoso. Resulta característica a presenza a ámbolos lados do lombo, por riba da liña lateral, de 7-12 bandas lonxitudinais oblicuas, case lonxitudinais, claramente máis escuras. Nos exemplares máis novos o debuxo característico consiste nunhas franxas escuras que descenden desde o lombo cruzándose con aquelas.

A primeira aleta dorsal é longa, con 20-23 raios espiñosos, e as aletas pectorais son moi curtas.

A boca é grande, con numerosos dentes cónicos. Ollos relativamente grandes. Presenta pequenas escamas, agás na zona pectoral. Non posúe vexiga natatoria.

[editar] Ecoloxía

Como o resto dos túnidos, é unha especie peláxica, gregaria e de alimentación carnívora, sendo predador doutros peixes como sardiñas, xardas ou xurelos. Cando van perseguindo os bancos de peixes adoitan saltar fóra da superficie da auga.

Habita todo o océano Atlántico, na franxa comprendida entre os paralelos 55º norte e 45º sur, alcanzando as Illas Británicas e incluíndo o Mediterráneo. A desova prodúcese xa en xuño, en augas costeiras e cálidas. Unha vez realizada, os bancos divídense en grupos máis pequenos que regresan a alta mar espallándose por todo o Atlántico.

[editar] Especies semellantes

Bonito austral (Sarda australis)

Á parte da semellanza que xa se mencionou co bonito do norte, outras especies de bonito de interese comercial son as seguintes:

  • Sarda australis: bonito austral ou bonito raiado de Australia. Habita unicamente nos mares de Oceanía. Presenta bandas horizontais escuras no dorso e máis finas no ventre.
  • Sarda chilensis: bonito do Pacífico, bonito de California. Presenta bandas verticais escuras.
  • Sarda orientalis: bonito mono, propio dos océanos Pacífico e Índico.

[editar] Aproveitamento pesqueiro

As poboacións de bonitos achéganse á costa no momento da reprodución, entre xuño e xullo. Este fenómeno é aproveitado polos pescadores para a súa captura, nas chamadas costeiras do bonito, mediante artes de palangre ou de arrastre.

[editar] O bonito na alimentación

Véxase artigo principal: Túnidos.

A carne dos bonitos adoita ser máis clara que a doutras especies e o seu contido graxo é bastante máis baixo (da orde do 6%). En consecuencia, as calorías que achega á dieta tamén son moito menores: 138 calorías por 100 gramos.

[editar] Notas

  1. Autor do debuxo: Sherman Foote Denton, en State of New York Annual Report of the Commissioners of Fisheries, Game, and Forests (1895-1906).

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • ARGILES, Alfredo: "El pez errante", en El País, 18.08.2007.
  • MARCH, Lourdes (1993): La cesta de la compra. Alianza Editorial, Madrid.
  • MUUS, B.J. e DAHLSTRÖM, P. (1981): Guía de los peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Ediciones Omega S.A., Barcelona.
  • PIVNICKA, Karel e CERNY. Karel (1990): El gran libro de los peces. Susaeta Ediciones, Madrid.
  • ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes
Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas