Atún listado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Atún listado
Katsuwonus pelamis.png
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Familia: Scombridae
Xénero: Katsuwonus
Especie: ''K. pelamis''
Nome binomial
''Katsuwonus pelamis''
Sinonimia
  • Euthynnus pelamis (Linnaeus, 1758)
  • Katsuwonus vagans (Lesson, 1829)
  • Scomber pelamys Linnaeus, 1758
  • Scomber pelamis Linnaeus, 1758
  • Thynnus vagans Lesson, 1829

O atún listado ou, simplemente, listado [1] (Katsuwonus pelamis [2]) é un peixe mariño do grupo dos túnidos, familia escómbridos, de gran interese comercial e capturado fundamentalmente para a elaboración de conservas.

Descrición[editar | editar a fonte]

Banco de listados (U.S. National Oceanic and Atmospheric Administration).

Alcanza tamaños máximos de 1 metro (aínda que o normal son valores de 40-50 cm) e pesos de 5-10 kg (con máximos de 19 kg).

Recoñécese pola presenza de 4-7 bandas lonxitudinais escuras a ámbolos lados da rexión ventral, por baixo da liña lateral, debuxo característico ó que lle debe o nome de listado. A cor do lombo é azul escuro con irisacións púrpuras, aclarando segundo descende cara o ventre, que ten cor prateada.

As aletas dorsais están lixeiramente separadas. A aleta pectoral é moi curta. Posúen 53-63 pequenos dentes no primeiro arco branquial, número moi superior ó doutros túnidos. Non posúen vexiga natatoria.

Katsuo no Tataki

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Está presente en tódolos océanos do mundo de augas tropicais e subtropicais, máis ou menos entre os paralelos 45ºN e 45ºS. Forma bancos moi numerosos [3], ás veces mesturados con outras especies de túnidos, especialmente rabil (Thunnus albacares) e patudo (Thunnus obesus). A efectos de avaliación, a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (CICAA) diferencia dous stocks, este e oeste (utilizando como referencia o meridiano 30º oeste).

Mostra unha taxa de crecemento moi variable, segundo a estación e a zona onde vivan. A desova non se concentra, como noutras especies de túnidos, senón que se produce ó longo de todo o ano en diferentes áreas do Atlántico (ou entre a primavera e o outono, nas poboacións de augas subtropicais).

Aproveitamento pesqueiro[editar | editar a fonte]

No océano Pacífico representa a especie de maior interese pesqueiro (ata o 45% das capturas mundiais de túnidos); MUUS e DAHLSTRÖM, 1981). Boa parte das conservas de atún que non especifiquen a especie están elaboradas con esta especie.

O atún listado adoita asociarse a concentracións de peixes superficiais. Esta característica foi aproveitada polos barcos pesqueiros, que botaban ó mar artefactos flotantes para atrae-los bancos de atúns ás súas redes de cerco.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En castelán, barrilete e bonito de altura; en inglés, Skip Jack.
  2. En diversas publicacións aínda aparece coa sinonimia antiga, Euthynnus pelamis.
  3. Segundo a FAO, existiron cardúmenes de ata 50.000 exemplares.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Anuario de pesca 2006. Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, 2007.
  • Comité Permanente de Investigacións e Estatísticas da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (CICAA) (sen data): Glosario de términos pesqueros. [1]
  • MARCH, Lourdes (1993): La cesta de la compra. Alianza Editorial, Madrid.
  • MUUS, B.J. e DAHLSTRÖM, P. (1981): Guía de los peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Ediciones Omega S.A., Barcelona.
  • ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).