Oso de Salcedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Disfrace do Oso de Salcedo.

O Oso de Salcedo é unha máscara característica do entroido de Salcedo, celebrado o luns de entroido na parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón (Lugo).

Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.

A festa[editar | editar a fonte]

A máscara, un veciño disfrazado con peles de animal, a semellanza dun oso, percorre as rúas e corredoiras de Salcedo na compaña de "criados", asustando os viandantes, ós que intenta mancharlles coas poutas cheas de feluxe. Ten así bastantes semellanzas coas tradicións ourensás do entroido, como os peliqueiros de Laza, pero actúa en solitario, agás a compañía dos seus "criados", e non en grupo como a maior parte destas máscaras máis meridionais.

Festas similares baseadas na figura dun oso celébranse tamén noutros puntos de España (como no País Vasco) e Europa (Cataluña francesa, Alpes italianos, Romanía, Alemaña). Tamén se coñece no Xapón. De feito, a celebración desta festa mitolóxica primaveral na Pobra de Brollón foi unha sorpresa para os etnógrafos, que a descubriron e estudaron a partir do 2000. En Galicia esta é a única máscara semellante.

Desde febreiro de 2008, un disfrace do Oso de Salcedo forma parte do Museo Internacional da Máscara e o Entroido de Binche (Bélxica), o museo do entroido máis importante do mundo, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.

Historia[editar | editar a fonte]

Descoñécese a data do comezo desta tradición, pero a súa raigame local é clara. O Oso de Salcedo saíu ininterrompidamente malia as prohibicións de celebrar o entroido que se sucederon durante a ditadura[1].

O entroido de Salcedo tamén conservou ata non hai moito o domingo corredoiro, durante o que os veciños e veciñas facían, e fan, representacións en mímica de feitos da aldea. A partir dos anos cincuenta o entroido acompañouse tamén dalgunha obra de teatro afeccionado, representada polos veciños, así como unha danza de donas e galáns, semellante a outras que hai no país.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Só se deixou de representar durante a Guerra Civil, probablemente por falta de mozos. O resto do tempo, mesmo na ditadura, continuou", explica Felipe Castro, da Asociación de Veciños.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]