Bóveda
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Lugo | ||||
Capital | Bóveda | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.405 (2023) (15,44 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 91 km² | ||||
Altitude | 689 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | José Manuel Arias López | ||||
Eleccións municipais en Bóveda | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 27340 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 27008 | ||||
Páxina web | concellodeboveda.com |
Bóveda é un concello galego da provincia de Lugo. Pertence á comarca de Terra de Lemos e ao partido xudicial de Monforte de Lemos. Ten unha poboación de 1.571 habitantes segundo o censo de 2014. O xentilicio é bovedés ou bovedense.[1]
Situado ao sur da provincia linda co concello do Incio e Paradela ó norte, co concello de Monforte de Lemos ó sur, cos concellos da Pobra do Brollón e O Incio ó leste, e co concello do Saviñao ó oeste.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Bóveda, cunha superficie de 91 km², enclavada na zona de transición entre o Val de Lemos e a montaña, pertence á comarca de Terra de Lemos. A súa particular localización xeográfica, ao sur da provincia de Lugo, e a súa dicotomía morfolóxica fan de todo o concello un lugar particular tanto polas súas características naturais como polas humanas. Morfoloxicamente, presenta un relevo montañoso, chegando na zona occidental a alcanzar unha altitude de 689m no monte Couso. O resto do concello posúe unha altitude media de 450 metros. Destacan a parte do Couso con 689 m, o Tralomoredo, de 449 m.
A rede fluvial pertence á conca hidrográfica Miño-Sil, sendo o Mao, afluente do Cabe, o seu principal colector. Outros ríos importantes do concello son o Teilán e o Noceda, afluentes do Cabe, e o Eimer, afluente do Noceda.
Detéctase a presenza de gran variedade de especies vexetais de tipo mediterráneo como a aciñeira ou o érbedo, ao lado de especies caducifolias nas terras máis altas. Esta variedade floral comporta unha gran riqueza faunística: falcóns, aguiachos, azores, andoriñas, birrios, curuxas, ouriolos, lobos, raposos, xabaríns, corzos, garzas e cegoñas.
Clima
[editar | editar a fonte]O clima é oceánico - continental. As temperaturas son suaves, con invernos fríos, abundantes xeadas e néboas, e veráns calorosos e secos. A temperatura media é duns 13 °C.
Demografía
[editar | editar a fonte]Dende o punto de vista demográfico, o concello presenta unha densidade de poboación baixa. de 17,44 habitantes/Km², moi próxima á media provincial. Obsérvase unha pequena elevación dos índices natalicios, recobrándose parte da perda de efectivos de poboación acontecida nas décadas dos anos corenta e cincuenta (en 1930 o censo era de 4.629 hab. e en 1940 de 4.752). A poboación de 1981 era de 3.244 habitantes, a de 1991 de 2.320 e a de 2007, 1.737.
Censo Total (Habitantes) | 1.571 (2014) |
Menores de 15 anos | 104 (6.62 %) |
Entre 15 e 64 anos | 856 (54.49 %) |
Maiores de 65 anos | 611 (38.89 %) |
Evolución da poboación de Bóveda Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
4.398 | 4.629 | 4.143 | 3.258 | 1.866 | 1.669 | 1.624 | 1.589 | 1.570 | 1.571 | 1.545 | 1.537 | 1.527 | 1.503 | 1.481 | 1.450 | 1.407 | ||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia
[editar | editar a fonte]Da Prehistoria consérvanse restos arqueolóxicos como o Castro de Freituxe, o Castro de Bustelo, a Medela do Gruñedo, a Cova dos Mouros, o Castro de Agroi, o Castro de Vilalpape e a Medorra de Camporredondo en Mosteiro.
Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Bóveda pertenceron as xurisdicións da Pobra do Brollón, Guntín, Canedo, Somoza Maior de Lemos e ós cotos redondos de Bóveda, Ver e Vilalpape, todos da antiga provincia de Lugo, e a maior parte baixo o señorío do Conde de Lemos.
Co establecemento dos termos municipais pola Constitución de 1812, as parroquias de Bóveda, Martín, Ribas Pequenas, Ver e Vilalpape incluíronse no concello de Fiolleda, no partido de Monforte de Lemos, mentres as restantes quedaron adscritas ó concello de Guntín, no partido de Sarria. Derrogada a Constitución no 1814 retomouse a administración señorial. No Trienio Liberal (1821-1823) restablecéronse estes dous concellos, que foron adscritos á provincia de Lugo en 1822. Suprimida de novo a Constitución en 1823, houbo que agardar ata 1835 para a restauración da administración municipal, nacendo nesa data o concello de Somoza Maior de Lemos, porén as parroquias do actual concello de Bóveda estaban incluídas nos municipios da Pobra do Brollón e Couto Vello.
Finalmente, o concello de Bóveda nace no ano 1840, formado polas parroquias que hoxe en día o compoñen. A reforma do 1840 foi deposta pola Xunta revolucionaria do Goberno Provisorio de Lugo, nunha circular de 9 de outubro, na que aparece o concello de Bóveda, subsistindo o de Somoza Maior de Lemos ata a celebración de eleccións para a súa integración no de Bóveda. Non houbo alteracións municipais dende 1845, se ben aumentouse unha parroquia coa creación da parroquia de Vilarbuxán, pasando de 13 a 14 parroquias, que agrupan un total de 52 entidades singulares de poboación. A capital municipal: Bóveda, ten título de vila, outorgado no ano 1907.
O nome de Bóveda vai asociado a unha liñaxe establecida no mesmo lugar e do que foron antecesores os Somoza. Foi un fillo de Arias López Somoza e Goyanes o fundador da casa e o primeiro en utilizar este apelido. Aos marqueses de Bóveda pertence o pazo do mesmo nome, datado no século XVIII. Situado na parroquia de San Martiño, foi construído sobre un pazo anterior do século XVI. O actual foi reconstruído por Francisco Suárez de Deza e Oca, X Marqués de Viance e cóengo maxistral da Catedral de Santiago, influenciado das súas viaxes a Italia. Algunhas das parroquias de Bóveda pertenceron á antiga xurisdición de Somoza Maior de Lamas cuxo señorío exercía o Conde de Lemos e outros. A xurisdición de Ver nomeaba xuíz ordinario. A principios do século XX houbo unhas manobras militares presididas polo rei Afonso XIII. Á finalización das ditas manobras acudiu o rei, aloxándose no Pazo, e outorgando á localidade de Bóveda o título de vila.
Patrimonio artístico
[editar | editar a fonte]Bóveda conserva interesantes igrexas como a de San Fiz de Rubián orixinal do s.XVI con varias reformas posteriores, ou a capela do Ecce Homo de Rubián. San Cristovo de Martín é un templo do século XVII que conserva no interior unhas pías (bautismal e outra de auga bendita) antigas. Na capela de San Xurxo, en Xullán acháronse sepulcros en ruínas.
Con respecto á arquitectura civil destaca o Pazo dos Marqueses de Bóveda tamén chamado Pazo de San Martiño de Bóveda; foi construído sobre outro anterior do s.XVI en 1769 por Xoán Francisco Suárez de Deza e Oca, o estilo arquitectónico é italiano e está rodeado de xardíns, no interior existen diversos obxectos e cadros valiosos. Tamén se conserva a Casa Señorial de Ver e outras 8 casas repartidas por todo o concello.
Economía
[editar | editar a fonte]A base económica do municipio é a gandería, seguida da agricultura. A importancia do sector primario ponse de manifesto tanto na superficie cultivada (20% da superficie total) como no número de poboación activa dedicada ao mesmo (60%). Á beira das terras de cultivo temos unha gran de prados e pasteiros, base alimenticia, dunha abundante cabana gandeira bovina, dedicada fundamentalmente á produción leiteira. Esta cabana complétase coa cría de porcino e ovino, menos numerosa, e dedicada principalmente ao autoconsumo e pequeno troco. O sector secundario aliméntase do sector primario e da explotación dos recursos naturais, fundamentalmente os forestais. As fábricas de cerámica (Rubián e Bóveda), a transformación da produción láctea (Bóveda), e a fabricación de mobles (Rubián) son xunto á construción os alicerces do sector. Polo que se refire ao sector terciario, ocupa á cuarta parte da poboación activa. Este sector desenvolveuse nos últimos anos grazas ao subsector turístico, que non só aproveita a beleza natural, senón tamén a riqueza monumental e artística do municipio.
- Industrias: Lácteas, cerámicas e mobles.
- Feiras: Rubián (o 14 e o 29 de cada mes).
Lugares de interese
[editar | editar a fonte]Ademais dos monumentos histórico-artísticos como o ben conservado pazo dos Marqueses de Bóveda, este concello posúe lugares paisaxísticos de grande interese como o Burato da Moura, recunchos para a práctica de deportes como o sendeirismo, a caza ou a pesca, o voo en parapente etc. En Penacova hai unha casa de turismo rural preto dunha fragua antiga, un muíño e unha fonte de augas ferruxinosas. Dentro do apartado gastronómico, toda a Terra de Lemos, é prolixa en conta a receitas e ofertas para o visitante: O porco e os seus derivados son os protagonistas de pratos tan suxestivos como o cocido, o caldo galego, as filloas con sangue, a empanada ou os saborosos embutidos. Da artesanía local podemos destacar as colchas tecidas a man.
Comunicacións
[editar | editar a fonte]Cidades próximas | Distancias |
---|---|
A Coruña | 146 |
Ferrol | 164 |
Lugo | 52 |
Monforte de Lemos | 14 |
Ourense | 60 |
Ponferrada | 121 |
Pontevedra | 176 |
Santiago de Compostela | 133 |
Vigo | 152 |
O concello de Bóveda está ben comunicado, e preto das localidades de Monforte de Lemos e Sarria, tampouco lonxe de Lugo.
A principal estrada que pasa polo concello é o corredor CG-2.2, que une Lugo con Monforte de Lemos pasando por Sarria. Travesa o territorio de norte a sur e ten dous enlaces, á altura das localidades de Bóveda e Rubián. Nun futuro se ha desdobrar para converterse en autovía. Este corredor mellora o percorrido da antiga LU-546, que entra no concello por San Fiz de Rubián e sae pola Áspera cara Monforte pasando polo centro das poboacións. Tamén cabe destacar á LU-652 que une Bóveda coa Pobra do Brollón e a N-120 a Valdeorras e Ponferrada, a LU-611 de Rubián a Currelos e Taboada, e a LU-643 e LU-644 que unen Bóveda e Rubián respectivamente coa capital do Incio.
Tamén pasa polo concello a liña de ferrocarril Palencia-Monforte-A Coruña, cunha estación actualmente unicamente para mercadorías en Rubián. Antes había outra estación en Bóveda, derruída hai uns anos.
Festividades
[editar | editar a fonte]- Ecce Homo, en Rubián, o 15 de setembro.
- San Xil, en Bóveda, o 1 de setembro.
- Nosa Señora dos Remedios, en Ribas Pequenas, o 7 de setembro.
- San Salvador, en Teilán, o 6 de agosto.
- San Lourenzo, en Remesar, o 10 de agosto.
- San Bartolomeu, en Vilalpape, o 24 de agosto.
- San Roque, en Ver, o domingo seguinte ao 16 de agosto.
- Nosa Señora do Rosario, en Guntín, o primeiro domingo de agosto.
Deportes
[editar | editar a fonte]Hai dous equipos de fútbol no concello:
- Agrupación Deportiva Bóveda, que milita actualmente na Segunda Galicia e xoga os seus partidos no Campo Irmáns Somoza.
- Sociedad Deportiva Rubián, que milita na Terceira Galicia e xoga os seus partidos no Campo do Poste.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Bóveda.
-
A Ribeira de Tuimil.
-
A Ribeira de Tuimil.
-
Pazo
-
Estación do tren
-
Ruínas dun muíño
-
Bandeira de Bóveda Lugo.[2]
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Bóveda
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Bóveda vexa: Lugares de Bóveda.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 43. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Decreto 137/2003, do 9 xaneiro DOG núm. 24 (4 de febreiro de 2003)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bóveda |