Meira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°13′0″N 7°16′59″O / 43.21667, -7.28306

Meira
Escudo de Meira
Meira2.jpg
Parte traseira da actual casa do Concello de Meira.
Situacion Meira.PNG
Situación
Xentilicio[1] meirao - meirego - meirense
Xeografía
Provincia Provincia de Lugo
Comarca Comarca de Meira
Poboación 1.749 hab. (2015)
Área 46,5 km²
Densidade 37,61 hab./km²
Entidades de poboación -
Política (2015)
Alcalde Antonio de Dios Álvarez
Concelleiros BNG: 1
PPdeG: 3
PSdeG-PSOE: 5
Eleccións municipais en Meira
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 84,78%
Na rede
www.concellodemeira.com

Meira é un concello da provincia de Lugo, pertence á comarca de Meira. Segundo o padrón municipal, en 2015 tiña 1.749 habitantes (1.794 no 2007,1.774 no 2006, 1.780 no 2005, 1.789 no 2004, 1.806 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «meirao», «meirego» ou «meirense».

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello, composto polas parroquias de Meira (Santa María) e Seixosmil (Santo Isidro), está situada ó noroeste da provincia, entre a Terra Chá e as Serras Orientais, ó oeste da serra de Meira. O relevo é algo accidentado. No alto da serra de Meira está o Pedregal de Irimia, onde nace o río Miño. Climatoloxicamente isto tradúcese nun clima oceánico de montaña, con precipitacións durante todo o ano, con excepción dos meses de xullo e agosto. No inverno, e nun curto período de días, o normal e ter algo de neve.

Demografía[editar | editar a fonte]

A poboación de Meira diminuíu coa perda de superficie que supuxo a constitución en 1935 dun novo concello, Ribeira de Piquín, e pasou de ser un dos municipios máis grandes da provincia, neses tempos, a ser un dos máis pequenos. Dende principios do século XX e ata 1950 a demografía apenas experimentou cambios e a partir de 1970 comeza unha etapa de estancamento, que en 1991 alcanzou unha evolución negativa.

Tamén cabe destacar que no verán, a poboación de Meira vese incrementada polas numerosas familias, turistas ou nativos que viven fóra, que veñen a pasar un tempo de desfrute estival.

Censo total 1.749 (2015)
Menores de 15 anos 179 (10.23 %)
Entre 15 e 64 anos 1.055 (60.32 %)
Maiores de 65 anos 515 (29.44 %)
Evolución da poboación de Meira   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016
4.475 4.087 2.228 2.004 1.789 1.787
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia[editar | editar a fonte]

A historia desta vila está directamente relacionada coa fundación dunha comunidade monástica cisterciense, que algúns estudosos datan no ano 1143. En 1154, o rei Afonso VII outorgou aos Condes de Sarria, Álvaro Rodríguez e Sancha Fernández, a vila e o couto de Meira, que por aquel entón era un lugar totalmente virxe. En 1159, o fillo de Afonso VII, Fernando II, concedeulle a Meira a exención do pagamento da peaxe e o portádego en todo o reino.

Os bens do mosteiro cisterciense, chamado mosteiro de Santa María de Meira, foron medrando, grazas ás doazóns da monarquía. Paralelamente, tamén medraba a cobiza dos poderosos, que se levantaron contra os monxes. Fernando II tivo que redactar un decreto real convidando aos bispos de Oviedo e Lugo a apoiar a comunidade monacal de Meira. Non obstante os saqueos non proviñan só da sociedade civil, senón tamén da propia igrexa. Pero no ano 1515, e grazas á unión do mosteiro coa Congregación de Castelá, este viviu os seus anos de maior esplendor coa fundación da Facultade de filosofía.

A escola funcionou como centro cultural de primeira orde, ata a invasión napoleónica. O mosteiro sufriu as consecuencias de ter instalado un hospital ó servizo das tropas. Despois da invasión, os monxes volveron e repararon o mosteiro en ruínas, maila nunca máis recuperou o seu esplendor. Hoxe en día só queda a igrexa de Santa María de Meira e o edificio no que se sitúa a Casa do Concello.

O escudo de Meira compóñeno, sobre o fondo azul, no lado sinistro, de branco, o brazo de maije empuñando o báculo abacial de ouro, e sobre del, unha flor de lis, e no lado destro a mitra abacial e outra flor de lis. Sobre o todo, en banda, unha tira axadrezada de prata e goles. Sobre o escudo a coroa real cerrada.

Patrimonio artístico[editar | editar a fonte]

Da cultura megalítica consérvase o dolmen do Cortello da Vella, as medorras de Paredes e as medorras de San Martín de Lúa.

A igrexa de Santa María de Meira, é un templo románico, declarado Monumento Histórico Artístico Nacional en 1931. Orixinalmente pertenceu a un mosteiro, xa desaparecido. Esta igrexa ten influencia da arquitectónica borgoñoa (importada de Francia) e está exenta totalmente da influencia compostelá. O templo ten planta de cruz latina, con tres naves no brazo maior e unha de cruceiro. Ten tamén cinco capelas na cabeceira, todas elas cubertas por bóvedas de canón apuntado. No interior consérvanse sepulcros con relevos e o escudo dos Bolaño, unha lápida abacial e varios retablos, entre os que destaca o maior, de estilo neoclásico, e o cruceiro, ámbolos dous do século XVII. Tamén se conserva unha colección de ourivaría sacra.

Outros monumentos relixiosos son a capela de Paredes, de planta rectangular, e a ermida de San Pedro, en Vilar de Mouros.

Dentro da arquitectura civil destaca a Casa da Xesteira, cunha pedra de armas decorada cunha inscrición alusiva ós Vélez e Mendoza, de 1731, e tamén a casa do Mosteiro.

Patrimonio natural[editar | editar a fonte]

Meira pode presumir dunha paisaxe espectacular e virxe. Está rodeada por bosques e montes e bañada polo río Miño. Tamén é posible desfrutar da Ruta Miño-Eo. Na parte oriental do municipio está a fervenza da Mexadoira, no chamado rego de Murias. Na beira do río Eo atópase a área recreativa da Treita. As árbores máis habituais destes bosques son os carballos, bidueiros e castiñeiros. A flora autóctona, a parte das árbores mencionadas, compóñena toxos, xestas e uz.

A fauna da comarca é moi numerosa: perdices, paspallás, pombos, lobos, raposos, corzos, xabarís... Nos ríos, as troitas e as anguías son as protagonistas e xa no río Eo hai tamén salmóns.

Mención a parte merece o Pedregal de Irimia, nacemento do río Miño. É aquí onde manan as primeiras fontes do río Miño, augas que van a dar á lagoa da Fonmiñá, na Pastoriza.

Patrimonio etnográfico[editar | editar a fonte]

Dentro do patrimonio etnográfico do concello atópase a festa da malla, unha festa na que se rememora este labor do campo e que foi declarada no ano 2004 de interese turístico de Galicia.

Refráns de Meira[editar | editar a fonte]

"Xente de Meira, tropa lixeira"

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Meira.

Lugares de Meira[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Meira vexa: Lugares de Meira.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Meira

Meira (Santa María) | Seixosmil (Santo Isidro)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Concellos da comarca de Meira Comarca de Meira
Meira
Meira
Pol
Pol
Ribeira de Piquín
Ribeira de Piquín
Riotorto
Riotorto

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.